Cris Pavón preséntanos Limiar de conciencia

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Unha voz, neste caso unha voz artificial lenos unhas frases da primeira novela galega protagonizada por unha computadora: Limiar de conciencia, da escritora Cris Pavón. O libro, publicado pola Editorial Urco, narra unha historia creada pola propia máquina. A entrevista pode verse aquí.”

Tabela dos libros. Xaneiro de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Cos primeiros do mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

“O Casares por (volver) ler”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A compilación de máis de 400 artigos en 800 páxinas de, segundo o editor Xosé Soutullo, “letra apretada”, dedicadas á lectura, ao libro e á lectura conforma A ledicia de ler. O limiar é da profesora Dolores Vilavedra. Textos que viron a luz entre 1975 e 1982 no xornal La Voz de Galicia, recollen “a súa maneira de entender a literatura, fixa a súa ollada literaria”. E se nesta existe unha liña de forza, indica Soutullo, é aquela que critica “a literatura posta ao servizo da política”.
Casares, que acompañara o antifranquismo e se comprometera en organizacións como a Asociación Democrática de Estudantes e a Frente de Liberación Popular, “non negaba que a política estivese presente na literatura, mais non quería que esta se sometese a un programa político”. A ledicia de ler, con todo, ía máis alá da autopoética e aínda hoxe serve como rexistro dunha época chave para a literatura galega.
“Neses anos hai un aumento considerábel da produción literaria”, lembra Soutullo, “e os seus artigos recóllena. Ao tempo, percibimos como se van incorporando novas xeracións de autores”. A Transición, engade, non era unicamente política. As letras tamén entraban en metamorfose. O escritor Casares estaba atento ao libro galego en sentido amplo: narrativa, ensaio, historia. “Nos últimos anos incorpora novos temas e comeza a falar de literatura universal. É como un aviso do que fará despois na sección Á marxe”. Que empeza en 1982 e que Galaxia xuntou en dez volumes.
Se o xornalismo resulta indispensábel para enxergar a dimensión do escritor e o intelectual Carlos Casares, O suicidio de Jonas Björklund e outras historias ofrece unha concisa panorámica sobre a súa obra narrativa. Trátase de 20 relatos aparecidos en revistas, na prensa, en libros colectivos ou mesmo de maneira independente, e escritos entre 1965 e 2001. “Os temas principais da súa literatura están neste volume: a violencia, o dogmatismo, a tolerancia. E todo atravesado polo humor”, considera Xosé Soutullo. (…)”

As cousas que non queremos oír, de María Reimóndez

Artigo de Manuel Bragado en Brétemas:
Presentamos na libraría Andel As cousas que non queremos oír, a cuarta novela do Ciclo dos elementos de María Reimóndez. Un acto no que a escritora e editora Eva Mejuto conversou coa autora da novela, mais tamén das anteriores do Ciclo, que constitúe un dos proxectos en marcha máis singulares e novidosos na narrativa galega actual. Mejuto confesouse “enviciada con este ciclo, xa que cada entrega supón un estímulo, un novo reto nun proxecto poliédrico, onde as obras son tanto independentes como interdepentes de xeito que s epon a proba a capacidade da lectora para relacionar, imbricar, relacionar e irnos levando coas relacións dos personaxes”. Salientou Mejuto como outros valores a abordaxe da amizade na novela, como unha capacidade de mirar ao fondo; o respecto co que está tratado o tema do cancro, baseado nunha documentación moi exhaustiva e rigorosa e a habilidade da autora para relatar un mesmo acontecemento dende a óptica de cada personaxe”.
Pola súa banda, María Reimóndez expresou que nesta novela quixo “abordar a xestión da relación de cada personaxe coa orixe da súa identidade; interesábame narrar as persoas como Aurora, a protagonista, que recorren ao desarraigo e a rúptura, mesmo co seu entorno familiar”. “Sei que Aurora é un personaxe alleo a min, menos amable, que viviu un proceso migratorio que deixa ruptura”.”

Antonio Tizón: “Con estas novelas quedei espido por completo”

Desde Xerais:
“Radiofusión emitiu unha nova edición do programa Club de Lectura para falar co escritor coruñés Antonio Tizón sobre os libros: A antesala luminosa e Un home estraño, publicados por Xerais na colección Narrativa. A entrevista pode escoitarse ou descargarse nesta ligazón.”