A Estrada: obradoiro de introdución á escrita creativa e Clubs de lectura “Lendo cos 5 sentidos”

Na Casa das Letras de A Estrada, desde o 18 de marzo ata o 17 de xuño (os sábados, de 17:00 a 19:00 horas), está tendo lugar un curso de escritura creativa, impartido por Manuel Portas (narrativa) e Neves Soutelo (creación poética).
Por iniciativa do colectivo A estrada das letras e co amparo do Concello da Estrada, o obradoiro Tecer versos e grilandas está orientado a público adulto e prográmase en 12 sesións (6 de creación poética, 6 de narrativa), de 2 horas de duración cada unha, nas que se traballará de forma amena e dinámica con diferentes chaves e ferramentas da creación literaria, coa axuda de exemplos e materiais propostos e contando sempre coa supervisión, indicacións e consellos dos responsables da actividade, escritores de recoñecida traxectoria no eido literario galego.
O obxectivo central desta actividade é achegar sen prexuízos a cada participante á súa propia voz literaria, mellorar a capacidade comunicativa dos participantes e estimular a súa creatividade e imaxinación a través da palabra escrita.
Para calquera consulta, as persoas interesadas poden escribir ao correo versosegrilandas@gmail.com.

Igualmente, e por segundo ano consecutivo, proseguen a súa actividade os CLUBS DE LECTURA “Lendo cos 5 Sentidos”, que este ano contan cos grupos de Primeiros Lectores, Infantil, Xuvenil e Adulto. O contacto, para máis información sobre os clubs, pode facerse a través do email lendo.aestrada@gmail.com.

Verín: actos destacados da Feira do Libro 2017

Do 31 de marzo ao 2 de abril terá lugar a Feira do Libro de Verín (na Praza da Mercede), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Venres 31 de marzo
19:30 h. Inauguración da Feira. Pregón a cargo de Xosé Carlos Caneiro.

Sábado 1
18:00 h. Antón Riveiro Coello asina exemplares de A ferida do vento, publicado en Galaxia.
20:00 h. Presentación de O códice esmeralda, de Alberte Blanco, publicado en Xerais. Participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.

Álex Bayorti, escritora, autora de Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A escritora Álex Bayorti achégase á literatura en galego con Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro, novela xuvenil editada por Urco e gañadora do XV Certame de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos. Pode accederse á entrevista aquí.”

Paseos pola Pontevedra literaria. Primavera 2017

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Primavera 2017, que terán lugar do 1 de abril ao 29 de abril, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

50 prazas por paseo.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, debe facerse a partir do 28 de marzo en pontevedraliteraria@gmail.com, indicando:

  1. Paseo literario no que se quere inscribir
  2. Nome completo
  3. Enderezo electrónico
  4. Teléfono de contacto

A asignación das prazas farase por estrita orde de recepción das solicitudes.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.

Sábado 1 de abril
Pontevedra, onde o silencio é sonoro, con Fina Casalderrey. (Con subida ao campanario de Santa María -1€ de donativo-)
De certo, para percorrer Pontevedra, coma calquera das cidades con importante patrimonio histórico-arquitectónico, non precisamos nin de palabras. Abonda con levar os ollos abertos e ‘escoitar’ as pegadas na pedra, nas fontes, nos vestixios da vella muralla, nas estatuas dos persoeiros (Valle-Inclán, Castelao, Bóveda, Manuel Quiroga, Teucro, a serea Leucoíña…), nas casas brasonadas…; pegadas que nos falan se as invocamos.
Percorreremos o casco histórico, desde a Basílica de Santa María a Maior (a Grande), onde se comezará por subir ao campanario e imaxinar as orixes da cidade (a subida ao campanario custa 1 euro), e contemplar o primeiro, e no seu día tan próspero, barrio da Moureira, xa só imaxinado; para rematar na Praza da Peregrina.
De camiño, nas pontes, nas pegadas dos vellos faladoiros, nas rúas, nas vellas imprentas, nos restos da antiga muralla, nos monumentos, nos edificios emblemáticos, nas pedras (que tamén teñen alma), nas prazas, nas fontes, nos escudos, nas árbores, nas estátuas…, agardamos que vaian agromando as lendas, as pegadas dalgúns dos nosos personaxes sobranceiros, que nos contarán algunhas cousas que, inevitablemente, se mesturarán con algunhas lembranzas propias.

Sábado 22 de abril
Vida cultural, política e social na Pontevedra de Todo canto fomos, con Xosé Monteagudo
Seguindo escenarios da novela Todo canto fomos, entre outros, veremos onde se situaban os principais cafés dos anos vinte e trinta, berce de importantes iniciativas culturais e políticas (Café Méndez Núñez, Café Moderno), algúns edificios relacionados co pulo da docencia nesa época (Escola de Maxisterio Feminina, Colexio Froebel, Instituto), onde estaban as imprentas que publicaban os xornais e obras literarias, e visitaremos os lugares relacionados coa fundación e funcionamento do Partido Galeguista, así coma os da represión exercida na cidade tras o golpe de Estado do 36.

Sábado, 29 abril
Boapedre (na ficción): A Pontevedra da Palabra Antiga, namorando o Río, de Agarimo no Mar, con Xosé Vázquez Pintor
Seguindo escenarios da novela A memoria do boi, faremos un percorrido polos espazos da cidade antiga de Boapedre, onde, en épocas diversas, os personaxes da obra tentaron vivir, soñar e impedir que as inxustizas de sempre marcasen as súas existencias.”