Taboleiro do libro galego, balance anual 2016, por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Como é habitual velaquí o balance dos datos que o conxunto de librarías colaboradoras habituais, ás que reitero a miña gratitude, foron ofrecendo ao longo dos once primeiros meses deste 2016. Escolléronse para conformar esta entrega aqueles títulos que gozaron de máis concorrencias nos cinco primeiros postos de cada sección. O Taboleiro retornará a primeiros de febreiro do ano vindeiro.

NARRATIVA
1º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova,  Xerais.
2º-. Antón Riveiro Coello, Os elefantes de Sokúrov, Galaxia.
3º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
4º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
5º-. Ramón Nicolás, O espello do mundo, Xerais.
6º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
7º-. Marcos Calveiro, Fontán, Galaxia.
8º-. Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, Galaxia.
9º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia
10º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
11º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
12º-. Xavier Queipo, Os kowa, Galaxia.
13º-. Manuel Gago, O anxo negro, Xerais.

POESÍA
1º-. María do Cebreiro, O Deserto, Apiario.
2º-. Manuel María, Terra Chá,  Fundación Manuel María.
3º-. Manuel María, Antoloxía poética, Galaxia.
4º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
5º-. Manuel María, Os soños na gaiola, Fundación Manuel María.
6º-. Gonzalo Hermo, Celebración, Apiario.
7º-. VV.AA., Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
2º-. Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, Galaxia.
3º-. Montse Fajardo, Un cesto de mazás, autoedición.
4º-. J. A. Gurriarán, As mulleres do monte, Galaxia.
5º-. Jorge Mira-María Canosa, A que altura está o ceo?, Alvarellos.
6º-. Manuel Veiga, Manuel María buscando un país, Xerais.

XUVENIL
1º-. Andrea Maceiras, Europa Express, Xerais.
2º-. Agustín Fernández Paz, A neve interminable, Xerais.
3º-. Carlos Meixide, Ons, autoedición.
4º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
5º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Érica Esmorís (ilustracións de Dani Padrón), Nena e o mar, Xerais.
4º-. Estíbaliz Espinosa (ilustracións de Lucía Cobo), Caer de cu polo universo, Apiario.

LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
2º-. Uxía, Uxía canta a Manuel María, Fundación Manuel María.
3º-. Paco Nogueiras e David Pintor, Brinca vai!, Kalandraka.
4º-. Sérgio Tannus e Luís Barbolla (ilustracións), Alegría!, Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
2º-. René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), O papiro do César, Xerais.
3º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
4º-. Jacobo Fernández, Marcopola 4. Avoa power, Xerais.

Daniel Asorey: “Interesábame plasmar de que forma un pobo que acaba de se liberar da opresión é quen de oprimir”

Entrevista de Montse Dopico a Daniel Asorey en Praza:
“A República das Santas Irmandades da Galiza, estado independente que xurdira do triunfo da revolución irmandiña, agocha as miserias da Compañía Galega de Indias no discurso sobre a prosperidade nacional. Galiza aliárase cos indíxenas do Brasil, unha das súas colonias, para deter as pretensións portuguesas. Vencera a Portugal e Castela mais, moito tempo despois, os fascismos portugués e castelán ameazaban a república galega, gobernada por Castelao. Todo isto e moito máis pasa en Nordeste, a novela coa que Daniel Asorey gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol. Unha ucronía que imaxina un pasado distinto a unha realidade “subalterna e silenciada” como a galega. Mais sen idealizacións. E rompendo, malia que se cadra non o pretenda, uns cantos mitos.
– Praza (P): A República das Santas Irmandades de Galiza é un Estado independente, mais imperial, cunha historia colonial. Por que darlle a volta a historia así? Quero dicir, poñerlle a un país cuxa historia foi negada un pasado colonial, imperial…
– Daniel Asorey (DA): Cando escribín esta novela tiña claro que pretendía darlles voz aos que non tiveron nin teñen voz, entre eles, por suposto, a miña nación, unha matria que leva vivindo séculos silenciada nunha situación de subalteridade. Para iso inventei a República das Santas Irmandades da Galiza, unha terra que cando comeza a novela semella ser o que moitas e moitos quixeramos que tivese acontecido. Unha República próspera nacida dunha revolta, que existiu, contra os señores feudais, e que aquí, na novela, triunfou. Mais eu non pretendía facer unha utopía, non quería contar un conto de fadas. O que hai nunha das tramas do texto é unha ucronía que consiste en responder á pregunta: Que acontecería se os irmandiños gañasen? (…)
– P: Que escribiches antes? Desde cando escribes e por que e a primeira vez que publicas unha novela?
– DA: No ámbito de ficción, antes desta novela escribín relatos que resultaron premiados en distintos certames como o da Asociación Cultural Cidade Vella, en 1988, o de Relato Curto Terra de Melide 2001 ou o Manuel Murguía en 2002 e tiña publicado en revistas e en obras colectivas. Escribo dende cativo, por necesidade, para respirar no medio dunha realidade que moitas veces abafa, aínda que nunca falei diso en público, por pudor e porque un nunca está seguro da calidade do que fai e, por suposto, aspiraría a facelo mellor.
Creo que por iso lle chamou a atención mesmo a xente coñecida. Alén diso, eu para escribir unha novela preciso un tempo continuado que ao traballar resulta difícil de atopar. Penso que escribir ha ser semellante a ser unha tecelá que debe ir devagar, ao xeito. Na cabeza hai unha idea e tes que atopar e unir os fíos para construíres eses mundos novos. Nese sentido, o premio Repsol supón unha axuda, un ánimo grande e aporta unha certa confianza nun mesmo.”

Entrevista a Isaac Xubín, tradutor e escritor

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Isaac Xubín achégase ata o estudio do ZigZag Diario para falar da súa primeira novela: Non hai outro camiño. O polifacético creador aborda neste libro as vidas e pensamentos dos habitantes de Staro Selo, unha urbe ao pé do mar en que os veciños tecen as estrañas relacións que conforman o carácter dunha cidade especial e con personalidade. Pode accederse á entrevista aquí.”

Antas de Ulla: presentación de O alfaiate portugués, de Xavier Senín

O venres 23 de decembro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal de Antas de Ulla (Rúa Miguel Ángel Blanco Garrido), preséntase O alfaiate portugués, de Xavier Senín, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Paco Martín e Víctor F. Freixanes.