Mondariz: presentación de Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz

O venres 10 de marzo, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Mondariz (Rúa Meuroces, s/n), terá lugar a presentación da novela Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz, publicada por Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Isabel Blanco.

Tabela dos Libros de marzo de 2017, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Lugo: presentación de A dúbida, de María Reimóndez

O luns 6 de marzo, ás 19:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21), de Lugo, terá lugar a presentación do libro A dúbida, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto acompañan á autora Noelia Darriba e Naiara González, educadoras sociais de AtalaiA.

“Sombra de mulheres na erva”, por Susana Sánchez Arins

Artigo de Susana Sánchez Arins na Sega:
“(…) Esta é a arte de Daniel Asorey. Brinca com a verdade e a mentira com a finalidade única de atirar-nos dos olhos a venda que nos cega, a mesma que nos impede ver quem fomos e, portanto, que somos. E boa falta fazia, que alguém colocasse no papel, bem clarinho, o nosso lugar nessa história que sempre preferimos não ler.
O autor introduz-nos no seu mundo à maneira documental, mostrando as provas da verdade: a existência das cangaceiras. Nascemos ao romance com uma fotografia, tão brutal como real, das cabeças cortadas, sem ilhas nem piratas. E, pensando que estamos a ler recriação historicista, passa a situar-nos numa Compostela amsterdiana, substituídos por canles os caminhos de pedra que conhecemos. Falsidade. Como vão chegar as dornas à praça do Obradoiro!
E damos com elas. Com as protagonistas. Matilda a Gringa, Maria Bonita, Carme de Candingas. Eis as três. Com nome. E com capacidade de nomear o universo. Polos olhos e pensamentos delas, em espaços diversos, desde posições sociais diferentes, mesmo em distintos momentos históricos, vemos como aprendem que não são flores deste mundo, que o que elas vem, pretendem, querem, não pode ser edificado lá onde a história as colocou. Todas elas, as três, rebelam-se contra o seu destino de mulheres obedientes. Estão dispostas a luitar por mudá-lo todo, para, após o fulgor duma amarga descoberta, acabarem tão desiludidas como cientes de que as suas ambições de justiça excedem-se em ambiciosas. Não serão consentidas. (…)”

Compostela: Manuel Rivas no Tac, tac, tac de Numax

O xoves 2 de marzo, ás 18:00 horas, en Numax (Rúa Concepción Arenal, 9), en Santiago de Compostela, terá lugar a segunda entrega do Tac, tac, tac. Un conto nun lugar nun límite de tempo, con Manuel Rivas. El será o encargado de escribir en directo un conto na vella Olivetti da libraría. Posteriormente, este texto mecanografado só se poderá ler no espazo físico da Libraría Numax durante un mes.
A actividade enmárcase na iniciativa deseñada por Suso de Toro que trae cada mes a un escritor ou escritora do noso panorama literario cunha característica en común: escribiron a máquina nalgún momento da súa mocidade. Esta proposta busca volver á experiencia analóxica na produción e lectura do texto literario. Os relatos elaborados «converteranse nalgo case máxico, que só se poderá ver indo a un lugar, como se fose sagrado», segundo o propio De Toro. Cada texto elabórase na máquina de escribir situada a carón do escaparate da Libraría Numax e apenas hai indicacións previas, permitíndose os borróns e correccións manuscritos que farán de cada texto un obxecto único.
O texto de Rivas ocupará o lugar do creado por Margarita Ledo o pasado mes de febreiro, cando botou a andar a actividade.”