Desde La Voz de Galicia:
“(…) Como non podía ser de outro xeito tratándose dun escritor, a recomendación estival de Riveiro Coello mestura praia, natureza e letras: «Ler un libro na zona de sombra de Barraña». Recoñece que el non é home de sol, polo que propón acudir a este areal a partir das seis da tarde, cando o gran astro xa non quenta con forza: «Eu son máis de sombra que de sol, por iso me gusta esa zona do litoral boirense, xa que conxuga as dúas opcións».
O autor non dubida á hora de propoñer incluso un libro para levar na bolsa da praia: «Recomendo o último que lin e que vai ser presentado en breve. Trátase da biografía de Faustino Rey Romero que elaborou o rianxeiro Ricardo Losada». Para aqueles que desexen entreterse estas vacacións mergullándose nunha das aventuras que asina este boirense de adopción, aí vai a suxestión: «Das miñas obras, recomendo Laura no deserto».
Antón Riveiro Coello fai estas propostas para gozar deste verán en Barbanza porque el é o que fará, dedicar as vacacións estivais a deixarse levar polo mundo das letras. No seu caso, ademais de ler, escribirá. Quere aproveitar as vindeiras semanas para pechar o seu novo libro. Trátase dunha obra titulada Os elefantes de Sokúrov que, se todo sae segundo o previsto, estará nas librarías o vindeiro outono. (…)”
Arquivo da categoría: Narrativa
Conversas na feira: Marcos Calveiro e Ledicia Costas
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“(…) Foi a escritora Iolanda Zúñiga quen presentou de forma vibrante a Calveiro como «valor seguro da nosa literatura infantil e xuvenil, xa que cada un dos seus relatos nos nutren e vitaminizan» e gabou un libro que «revolve as entrañas« e aborda «unha situación que segue a suceder en moitas cidades do mundo, hai centos de Seavias que merecen ser escoitadas». Na conversa coa autora de Periferia Calveiro confesou que a novela nacera dunha noticia que lera sobre un alumno dunha escola de mimo de Medellín que fora asasinado. Ambos os dous autores coincidiron que na novela existía un espazo para a esperanza, mais tamén asumindo que «a vida é un carrusel», onde se repiten as situacións. «Ente a vida e a lenda, preferín escribir unha lenda. A novela non é unha denuncia, é a realidade» dixo o autor, antes de confesar que despois de escribir de forma moi intensa durante os últimos nove anos, decidira darse un respiro, «aínda teño dúas novelas para adultos e unha xuvenil por publicar».
Fran P. Lorenzo, despois de estar asinando exemplares de Cabalos e lobos, conversou con Ledicia Costas sobre Un animal chamado néboa. Comezou abeizoando á Ledicia por tres cousas: por ser capaz de adaptar o seu discurso a públicos diversos, o que é síntoma de valía literaria; por abordar a guerra como tema para un libro e por optar polo relato curto, un xénero maltratadísimo. «Este é un libro moi duro, pero necesario, que remove a quen le», afirmou Fran para interpelar despois a Ledicia sobre o risco que isto podía supoñer para o lector. «Non quería escribir un libro amable», contestou a autora, «quixen escribir algo radical como é a guerra». «A escrita é valentía, hai que atreverse a contar do xeito máis cru.»
A afirmación de Lorenzo de que «escribir sobre a guerra exixe un plus de responsabilidade, xa que un tema non se pode abordar de forma frívola» deu pé a Costas a recoñecer que o seu nivel de exixencia na escrita do libro fora moi alta, sobre todo na obsesión pola documentación. «Estiven lendo sobre a Segunda Guerra Mundial durante dous anos. Busquei historias vividas como as de Tanya Sascideva durante o asedio de Leningrado que tiña por obxectivo que morresen de fame millóns de persoas».
Despois de ir debullando algún dos contidos dos seis relatos, con especial atención aos que fan referencia ao holocausto, Lorenzo e Costas coincidiron en que a redención a través do amor era a única esperanza que deitaba o libro. «No medio da dureza tiña que prender candeas, o único que quedaba era o amor. Foi o xeito que tiven de prender luces. Prender candeas para que o lector non sucumbise», rematou Ledicia Costas.”
Vigo: actividades destacadas do venres 10 de xullo na Feira do Libro
O venres 10 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Na caseta de Librouro, Luís Davila asina exemplares do libro O bichero.
– 19:45 h. Presentación do libro Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos, publicado por Galaxia. Participarán no acto Xulia Fernández Rodríguez, Victoria Pérez, Rosa Gayoso e Francisco Castro.
– 20:00 h. Ramón Trigo asinará exemplares de Leviatán e outros libros seus na caseta de Libros para soñar.
– 20:00 h. Afonso Eiré asinará o libro O Piloto. O último guerrilleiro na caseta da Libraría Andel.
– 20:30 h. Xosé María Álvarez Cáccamo presenta As últimas galerías, publicado por Galaxia. Participarán no acto, xunto ao autor, Rexina Vega e Víctor Freixanes.
Elena Gallego Abad: “O dragón non ten cancelas”
Desde Xerais:
“O programa Un sitio á sombra, da Radio Galega, emitiu unha entrevista con Elena Gallego Abad sobre Dragal IV, A estirpe do Dragón e toda a serie Dragal. Pode escoitarse nesta ligazón entre o minuto 10 e o 31 e 30 segundos.”
Vigo: actividades destacadas do xoves 9 de xullo na Feira do Libro
O xoves 9 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Antonio García Teijeiro asina Detrás do horizonte, na caseta de Librouro.
– 19:00 h. Agustín Fernández Paz, asinará exemplares da súa obra, publicados por Xerais.
– 20:00 h. Silvestre Gómez Xurxo presenta De cristal, publicado por Xerais, coa participación de Ramón Nicolás e a actuación musical de Magoia e Paulo, de Treixadura.
– 21:00 h. Xabier Paz presenta A galera de Xelmírez, publicada por Xerais. Participará no acto, xunto ao autor, Camino Noia.
Vigo: actividades destacadas do mércores 8 de xullo na Feira do Libro
O mércores 8 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Fran P. Lorenzo asinará Cabalos e lobos (Premio Blanco Amor 2014), publicado por Xerais.
– 20:15 h. Marcos Calveiro presenta As palabras poden matar, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto a escritora Iolanda Zúñiga.
– 21:00 h. Ledicia Costas presenta Un animal chamado Néboa, publicado por Xerais, participará no acto Fran P. Lorenzo.
Vigo: actividades destacadas do luns 6 de xullo na Feira do Libro
O luns 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:30 h. Miguel Ángel Alonso Diz asinará exemplares de O valente coello que quixo soñar e outros libros seus na caseta da Libraría Andel.
– 19:45 h. Xosé María Álvarez Cáccamo e Fernando Casás, presentan Arqueoloxía da memoria, publicado polo selo editorial Niké de Urco Editora.
– 20:30 h. Antonio Piñeiro presenta A identidade fascinada, publicada por Galaxia. Participan, xunto ao autor, Ramón Nicolás e Carlos Lema.
– 21:15 h. Concerto presentación do CD Aprendendo a ladrar, por Xardín Desordenado recollendo a poesía musicada de poetas galegas.
Diana Varela Puñal publica Fin de Festa
Fernando M. Cimadevila: “A vida real precisa camiñar polos bosques máxicos da literatura fantástica”
Entrevista de Carme Vidal a Fernando M. Cimadevila en Sermos Galiza:
“Con A batalla por Avalon (Urco) o escritor Fernando M. Cimadevila atravesa o ecuador da súa pentaloxía O mundo secreto de Basilius Hoffman, un universo literario que conseguiu o aplauso do público e está a traducirse a outras linguas. Apaixonado da literatura fantástica, Cimadevila explícanos as claves da súa obra e dun xénero do que é autor e tamén editor, co selo Contos Estraños que se vén de fusionar con Urco.
– Sermos Galiza (SG): A batalla por Avalon é o terceiro dos cinco libros d’O mundo secreto de Basilius Hoffman. Que leva a un escritor a decidir que un proxecto literario será unha pentaloxía?
– Fernando M. Cimadevila (FMC): A serie básica son cinco libros, mais o proxecto tería outros tres de relatos, que teñen como protagonistas personaxes secundarios. Algúns deles gustan máis aos lectores ca os principais. Quería tamén escribir un libro sobre a mocidade de Basilius Hoffman, co cal, na fin, rebordaremos esa cifra. Desde hai moito tempo son afeccionado da literatura fantástica e, con 33 anos, decidín escribir. Cando me puxen, xa con bastante bagaxe, decateime de que non era un libro, senón moito máis. Fixen unha sinopse e deseñei a pentaloxía: cinco puntos ata a resolución final. Ou facía un libro inmenso ou capítulos moi longos, que son as cinco novelas, aínda que cada unha delas é autoconclusiva. (…)
– SG: A literatura fantástica, en certa maneira, ten o seu propio circuíto, mais vostede está a conseguir atravesar as fronteiras e os seus libros están a entrar nos centros de ensino.
– FMC: Acontece coma con outros xéneros. Hai lectores só de novela negra, de novela histórica… Non me defino como escritor só de fantasía, aínda que se queres dedicarte, tes que traballala. Sempre digo que un xénero non determina a calidade nin o trasfondo das historias. O soño dunha noite de verán, de Shakespeare, é fantasía. O mundo secreto de Basilius Hoffman é a historia dun rapaz que non ten fogar fixo e un tío que o acolle. Son historias humanas, só que o marco no que se sitúan é diferente. O que lle interesa á xente son as historias dos personaxes. O marco é o atrezzo. (…)”
Vigo: actividades destacadas do sábado 4 e domingo 5 de xullo na Feira do Libro
O sábado 4 e domingo 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para estes dous días:
Sábado 4
– 18:00 h. Actividade infantil. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz. Organizada por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. Noa Pérez asina exemplares da súa obra O ocaso da familia Portela, publicada por Barbantesa, na caseta de Librouro.
– 19:45 h. Jorge Emilio Bóveda presenta A morte vén en chancletas, publicada por Enxebrebooks, acompañado de David Cortizo.
– 20:30 h. Iria Collazo presenta Coma unha áncora, publicada por Galaxia. Participará no acto Francisco Castro.
Domingo 5
– 19:00 h. Séchu Sende presenta A República das Palavras, publicada por Através Editora. Participará a cantora Alba María.
– 20:00 h. Recital poético do Grupo Brétema.