A Coruña: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O xoves 29 de maio, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Felipe-Senén López Gómez e Xurxo Souto.

Vigo: actividades destacadas do xoves 29 de maio na Feira do Libro

O xoves 29 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

19:00 h. Sinatura de libros de Ledicia Costas na caseta da Libraría Andel.
20:00 h. Inma López Silva presenta o seu libro Maternosofia, publicado por Galaxia. Xunto coa autora, participará no acto María Xosé Queizán e Carlos Lema.

Xabier P. DoCampo: “Algo falla se nun instituto os que máis saben de libros son os comerciais das editoras”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Xabier P. DoCampo en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (BB): Polo xeral, nos libros, as referencias a outros libros son implícitas mais n’A illa de todas as illas son explícitas. Ao final da novela hai unha listaxe crítica das obras que “aparecen” ao longo das páxinas anteriores.
– Xabier P. DoCampo (XPD): Penso que neste tipo de libros, dirixidos ao público infantil e xuvenil, é necesario explicarse mellor. Cando escribes un libro para adultos, as referencias son implícitas porque contas coa propia bagaxe e experiencia do lector. Mais cando te dirixes a persoas con menor idade, é lóxico que coñezan menos cousas e é bo ser todo o explícito que se poida porque dese xeito entenden o texto. (…)
– BB: Dáme a sensación de que vostede, que ten contacto directo coa rapazada, quixo reivindicar diante deles lecturas que quizais hoxe están algo esquecidas por eles e que durante xeracións acompañaron os cativos.
– XPD: Por suposto. Cando falo con rapaces mais tamén con mediadores (profesores, bibliotecarios…) dinme que estas historias os collen xa moi lonxe, que pasan no século XIX, que a vida cambiou moito. Home claro! E cando as lin eu quedábanme perto, acaso? Tan lonxe me quedaban estas historias de illas como que a primeira vez que vin o mar tiña 13 anos! Pero xustamente aquilo que non coñecemos, que temos lonxe, é o que nos atrae. Este libro quere ser unha homenaxe á lectura porque somos o que lemos e aquelas historias que nos marcan son tan importantes coma os outros sucesos “reais” da nosa vida cunha diferenza: eses libros sempre estarán aí para que poidamos relelos unha e outra vez. (…)
– BB: Na súa obra coido que se dá unha conexión entre a narración oral clásica, o seu paso á literatura canónica galega do século XX e finalmente o renacer dos contacontos dos últimos tempos.
– XPD: Son, efectivamente, unha persoa tremendamente interesada na narración oral. Na miña familia estaba presente todos os días. Meu pai contaba de seguido sucedidos: a nós, aos veciños, ás visitas…. Ese ambiente forma parte da miña cerna como escritor. É certo que de cando en vez, en reunións, conto eu tamén algún sucedido pero non me sinto contacontos. Mais é que en realidade a narración oral é a columna vertebral da nosa literatura. Está na orixe d’A Ilíada e d’A Odisea. Está en Moby Dick, nas obras de Joseph Conrad. A literatura, tamén a contemporánea, non se pode entender sen ese concepto popular da narración. (…)
– BB: Na súa obra, dirixida aos rapaces que xa naceron logo do cambio social de Galicia, hai unha reivindicación do rural. Vostede vai contra o tópico de que esa sociedade xa non existe.
– XPD: Vouche contar unha anécdota. No acto que xentilmente organizou a AELG en Castro de Ribeiras de Lea, para quen quede a xantar, teño preparado un placet que inclúe o discurso de agradecemento e cinco contos, dous deles novos. Nun destes conto a historia dun home que anda ao rebusco na aldea cando os veciños con terra xa fixeron a colleita: apaña unha verza esquecida, unha cangalla de uvas agochada tras a follaxe… Moita xente que os tempos nos que pasaban estas cousas son remotos mais todo isto pasou non hai nada. Todos os que temos máis de 50 anos en Galicia vivímolo directamente e paréceme incomprensible ese pacto de esquecemento sobre o que fomos. É coma se decidísemos tapar un ollo para non ver o noso pasado, a nosa esencia. Somos un país rural e pouco e pouco o rural gañará poboación. E as novas xeracións que viven na aldea e que arestora en vez de criar porcos van ao Alcampo comprar o lacón, cando se decaten de que os cocidos con touciño comprado non saben nada matinarán e dirán: “levantar un cortello non ten tanta ciencia; criar uns bacoriños non dá tanto traballo”. Cara a iso camiñamos, sen ningunha dúbida. (…)”

Vigo: actividades destacadas do martes 27 de maio na Feira do Libro

O martes 27 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

19:00 h. An Alfaya presenta o seu libro O fío vermello, publicado por Xerais. Xunto á autora, participarán no acto Helena Pérez e Antonio García Teijeiro.
19:30 h. O escritor Pedro Feijoo asinará na caseta de Libraría Pedreira.
20:00 h. O escritor e xornalista Pemón Bouzas presenta o seu libro A voz do vento, publicado por Xerais. No acto estará acompañado por Manuel Bragado.

Vigo: actividades destacadas do luns 26 de maio na Feira do Libro

O luns 26 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

19:00 h. Presentación do libro Recinto gris, de Ledicia Costas, publicado por Xerais. No acto, xunto á autora, participan Marcos Calveiro e Helena Pérez.
19:30 h. Sinatura de Elena Gallego Abad na caseta da Libraría Pedreira.
20:00 h. Presentación do libro E logo, temos razóns para ser nacionalistas?, de Henrique del Bosque Zapata, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Carme Adán, Braulio Amaro e Manuel Bragado.

Vigo: actividades destacadas do sábado 24 e domingo 25 de maio na Feira do Libro

Os sábado 24 e domingo 25 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

Sábado 24
13:00 h. Contacontos O soño de Esther, a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade promovida por Nova Galicia Edicións.
21:00 h. Presentación do libro Sangue 12, de Cris Pavón, publicado por Urco Editora.

Domingo 25
20:00 h. Presentación do libro Espelho de mim mesma, de Cruz Martínez, con limiar de Moncho Iglesias Míguez e ilustracións de Luís Viñas, publicado por Círculo Edições.

Agustín Fernández Paz: “A medida que vou cumprindo anos máis convencido estou de que nesta vida o único que importa é o amor”

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Onda Cero Radio:
“Como o protagonista da súa última novela, Agustín Fernández Paz tamén confesa que os afectos e o amor son o único que importa nesta vida na que perdemos moito tempo “no metal”. Pero a diferencia de Agustín, o protagonista da novela [A viaxe de Gagarin] -Miguel Mendiguren- chega a esta reflexión demasiado tarde, cando tan só lle queda doerse polos anos perdidos. Viaxamos á Coruña franquista dos anos 60 a través das lembranzas de Miguel cando se cumpren 50 anos da viaxe de Iuri Gagarin ao espazo exterior. Unha viaxe motivada non só pola nostalxia, senon pola necesidade de honrar a memoria do pai perdido e da nai a piques de falecer.”