Manuel Rivas: ‘O lapis do carpinteiro’ e a forza do afecto

Artigo de Ana G. Liste en Praza:
“As fronteiras de verdade son aquelas que manteñen aos pobres apartados do pastel. Esta frase, tan punzante aínda a día de hoxe, advirte a quen le do tipo de libro que ten nas mans. O lapis do carpinteiro é unha novela adiantada ao seu tempo, a pesar de que a maioría da trama nos sitúe nos tortuosos anos do Golpe de Estado de 1936, a Guerra Civil, a ditadura e as súas consecuencias. Un pasado que era case presente continuo en 1998, o ano no que Xerais publicou esta novela do xornalista e escritor Manuel Rivas, que xa viña marcando un camiño co seu libro de relatos Que me queres, Amor? (Galaxia, 1995), no que se atopa a célebre historia d’A lingua das bolboretas, levada ao cinema por Fernando Fernán Gómez.
Rivas di que quería escribir unha historia de amor, tiña claro o que quería contar porque coñeceu de primeira man ás dúas persoas que converteu en protagonistas d’O lapis do carpinteiro, Marisa Mallo e Daniel Da Barca. O xornalista soubo dende o inicio que quería contar esta historia, o que máis lle custou ao escritor foi atopar a maneira exacta de facelo, de aí a importancia dese lapis vermello.
A novela presenta un amor tan certeiro que se mantén intacto co paso do tempo, da ausencia, dos perigos e, incluso, da brutal represión franquista. O lapis do carpinteiro vai cambiando de dono e en todos eles produce algunha mudanza. É o caso do gardián Herbal, que estaba chamado a ser o malo da historia mais resulta imposible de odiar.
“O lapis permite contar, no medio de tanta dor, tanta crueldade e tanta perda de conciencia o que para min é o máis verdadeiro da condición humana, que é iso que chamamos amor, afecto. É unha novela moi dura, pero na que tamén aparece o afecto nos lugares máis imprevisibles”, concretou Manuel Rivas na feira do libro da Coruña. (…)”

A Coruña: actividades do 9 de agosto na Feira do Libro 2026

Feira do Libro da Coruña 2026

O programa pode consultarse aquí.

Varsovia: XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, do 21 ao 24 de setembro de 2022

Que debe ter unha obra literaria en galego para vender máis de 40.000 exemplares?

ReportaxeLetra en obras en Letra en Obras:
“Nun mercado interno pequeno, e por riba non normalizado como é o noso, que unha novela chegue a vender 2.000 exemplares é xa nova. Comentabamos en 2013 que a tiraxe media dunha novela era de 1.000 exemplares (agora a cifra sería incluso menor) e a dun libro de poesía apenas superaba os 250. Mais entres os títulos que se publican sempre hai algúns que conquistan o público e que se converten en auténticos “long-sellers”.
Un exemplo podemos buscalo nunha das principais editoras en galego. Edicións Xerais, fundada en 1979, conta con seis libros que ao longo de todo este tempo superaron os 40.000 exemplares vendidos. Este é o seu particular ranking (con datos de finais de 2014):
Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz (1995) – 91.000 exemplares vendidos.
O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas (1998) – 85.000 exemplares vendidos.
Galván en Saor, de Darío X. Cabana (1989) – 52.000 exemplares vendidos.
Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo (1994) – 48.500 exemplares vendidos.
As flores radioactivas, de Agustín Fernández Paz (1990) – 48.000 exemplares vendidos.
A sombra cazadora, de Suso de Toro (1994) – 42.000 exemplares vendidos.”

A literatura galega ábrese paso en Bulgaria

Reportaxe de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“Cinco títulos de catro autores galegos xa están ao dispor dos lectores búlgaros na súa propia lingua. A Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, e O lapis do carpinteiro -edición xa esgotada- de Manuel Rivas, veñen de sumarse Que me queres, Amor?, do mesmo autor, a Poesía completa de Lois Pereiro e Aire negro, de Agustín Fernández Paz.
Todos eles aparecen en Small Stations Press, o selo do tradutor Jonathan Dunne, e que tamén ten versións inglesas de títulos galegos no seu catálogo. Dunne subliña a acollida que están a ter os libros, en boa medida polo interese da comunidade lectora e unha tradición de respecto polas traducións, que arranca dos anos do socialismo. «En Bulgaria están afeitos a outras culturas, a leren traducións, non representa ningún problema para eles», resume Dunne.
Ademais, Small Stations continúa co labor de difusión da literatura galega en inglés. Dunne quere poñer o foco sobre a literatura infantil e xuvenil, empezando por títulos de Fina Casalderrey, Fernández Paz, Elena Gallego e Marcos Calveiro. Tamén pretende ampliar a colección Galician Classics con Nimbos, de Díaz Castro, unha obra de Novoneyra e continuar coas traducións de Rosalía, despois do «éxito considerable» de Cantares gallegos en versión de Erín Moure.
Ademais, nas vindeiras semanas aparecerá Poesía última de amor e enfermidade, de Lois Pereiro, en edición bilingüe galego-éuscaro, preparada por Joxemari Sestorain para Cenlit-Denonartean. «Es una poesía fuerte, poderosa, dramática, muy sentida y sincera», explica o tradutor. Tamén destaca a orixinalidade da voz de Pereiro, quen nas numerosas referencias da súa poesía tamén incluía a ría do Nervión. Sestorain cita os congresos de Galeusca como exemplo do interese dos lectores en éuscaro pola literatura galega, ademais da súa condición de linguas minorizadas: «Hay un interés, que nace de una solidaridad y una simpatía, por ver qué se hace en Galicia, sus mundos y su expresión».”