Reportaxe de Daniel Salgado en El País:
“Co sintagma “viúvas dos vivos”, Rosalía de Castro rexistrou, en Follas Novas (1880), a ferida migratoria aberta en Galicia. A poeta escribía cando as primeiras estatísticas oficiais do Goberno español ofrecían datos da emigración oficial: entre 1860 e 1880 deixaron o país 122.875 persoas. Como a literatura dificilmente se desanoa do mundo en marcha, continuou dando conta do exilio económico que asollou o territorio ao longo do século XX. Aínda a falta dunha épica da cuestión —así o denuncia Xavier Alcalá—, as pegadas de galegos á procura dunha vida mellor polo mundo adiante aparecen unha vez e outra nas letras galegas. Xosé Neira Vilas en Esperando o leiteiro (Galaxia, 2012) e o propio Alcalá en Verde oliva (Galaxia, no prelo) son as máis frescas mostras.
O detective Frank Soutelo, o personaxe creado por Miguel Anxo Fernández e protagonista de catro novelas de serie noir, é fillo de emigrantes a California. N’A fame fatal de Alberto Lema, lembra a coordinadora da revista de libros Protexta, Ana Salgado, a protagonista anuncia que marcha para as Canarias. Da Porta blindada de Margarita Ledo sae Antón Moreda, histórico galeguista da emigración marxinado dende os cenáculos piñeiristas. As maneiras en que o fenómeno social máis relevante da historia recente se entremete na narrativa son múltiples, equívocas, fragmentarias, ruinosas. “Non entendo como desaproveitamos a oportunidade da épica”, considera, ao respecto, Xavier Alcalá, “non entendo como cada escritor galego non ten unha novela sobre a emigración; dá para todos”. (…)”
Arquivo da categoría: Narrativa
Ourense: actos destacados do mércores 6 na Feira do Libro
Finaliza a XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas, coas seguintes actividades destacadas para o mércores 6 de xuño:
– 20:00 h. O escritor Miguel Anxo Fernández asinará exemplares das súas obras, publicadas por Editorial Galaxia.
– 21:00 h. Enogastrofonías Ferreirianas. Espectáculo deseñado por Arraianos. Percorrido pola obra de Celso Emilio Ferreiro a través da poesía, da música e o viño do Ribeiro, maridado con minigaleguesas. Presentación do monográfico da Revista Arraianos Celso Emilio Ferreiro fai 100 anos. Cociña en directo e degustación, previa inscrición. Participan Aser Álvarez (poesía), Alexandre Meire (música) e Mario Poti (cociña).
MicroQontos para ler entre tweet e tweet
“Daniel Landesa creou hai un tempo un certame de microrrelatos no seu blogue. A iniciativa tivo éxito e nela participaron moitos internautas, e entre eles algúns escritores e escritoras recoñecidas, coma Mario Regueira, Rubén Ruibal ou Fran Castiñeira. O resultado do certame foi un pequeno blog que facía un compendio de todos eles e que, a día de hoxe, segue en liña para quen o visite. Ofrecémosvos un breve libro que compendia todos aqueles contos, exemplos dunha cultura cativa e orgullosa de selo, porque “como cultura cativa facemos moito e ben”. Iso é o que explica o propio Landesa no limiar do libro, que engade que “non termos unha British Academy permítenos certa liberdade de acción, innovación e orixinalidade. E, sobre todo, permítenos, como culturiña que somos, achegar moitas cousiñas fermosas, cativeces que supoñan pequenos proxectos. Porque todo suma. Así naceu este certame na rede. Como forma de demostrar a aqueles que din que esta nosa pequena cultura só sobrevive a golpe de talonario administrativo que están errados, moi errados”. O cerne do asunto consistía en convocar un certame sen gañador, sen premio en metálico, “sen xantares nin festas”. O resultado foi este conxunto de pequenas belezas a modo de microrelato que foron caendo pola rede en pingas salferidas ao longo dos últimos meses do ano 2009 e dos primeiros do 2010 como unha auga fresca e libre desa chamada “creación subvencionada”. (…)” Vía Praza.
Santiago: presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas
O martes 5 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase a nova novela de Xosé Neira Vilas presenta a súa nova novela, Esperando o leiteiro, publicada en Galaxia. Participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Valentín García Gómez e Dolores Vilavedra.
Alberto Lema: “A cultura da normalidade rematou”
Entrevista a Alberto Lema en El País:
“O real é racional, relacional e viral, no proxecto narrativo de Alberto Lema. Na súa terceira novela, Da Máquina (Galaxia, en castelán Caballo de Troya), o computador que xogou ao xadrez con Kasparov (Deep Blue) adquire conciencia e infecta a organización do mundo. Instruíndo, pola vía da sedución, a un exército de ultraesquerdistas afeitos ao chat. Hai operarios da CIA, policía galega, precarios que nunca poderán aburguesarse e acaban morrendo millonarios do téxtil. Entre o policíaco, a novela de pensamento e retallos da sci-fi, pero nun presente adicto ás profecías ominosas. “Interésame transmitir a idea ou posibilidade dunha acción política”, di Lema (Vimianzo, 1975), que non afirma nada. Na boca dun personaxe: “Desta vez parece que o temporal non escampa”. (…)”.
Ramón Nicolás: Libros que meten medo, en Biblos nº 56
Anotación de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“No último número de Biblos publico un artigo, de carácter divulgativo e xeneralista, arredor da produción literaria galega de medo ou terror. Déixoo aquí, cunhas mínimas modificacións, para quen que lle resulte de interese. Solicítanme os amigos e responsables de Biblos algunhas reflexións arredor do que se pode chamar literatura de terror e medo en lingua galega. Respondín, en primeira instancia, afirmativamente pois non me cabía dúbida de que este é un xénero que, de promocionalo ben e nun tempo coma o presente onde o espírito evasivo das propostas literarias que sexan, sen que isto teña que estar rifado coa calidade literaria minimamente esixible, pode contribuír a ensanchar a base lectora da literatura escrita en lingua galega.
Ao fío deste xénero resúltame inevitable, asemade, pensar na literatura de corte policial, detectivesca ou negra en lingua galega, onde, co paso do tempo, foi constituíndose devagar un grupo solvente de autores, cadaquén dono dos seus trazos peculiares e que están na mente de todos, que foron conseguindo individualmente interesar ao público lector e mesmo chegar a crear interesantes expectativas diante da publicación inminente dalgunha nova proposta narrativa, aínda máis cando esta presenta a estrutura de saga como recurso para fidelizar lectores. (…)”
Ourense: mesa redonda sobre novela histórica na Feira do Libro
Dentro da XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), aberta até o mércores 6 de xuño, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas, o luns 4 de xuño terá lugar unha mesa redonda ás 20:00 h. arredor do tema Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. Ao final do acto, os autores asinarán exemplares dos seus libros.
Ourense: actividades literarias destacadas do 1 ao 3 de xuño na Feira do Libro
Comeza a XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), aberta até o mércores 6 de xuño, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas.
As actividades literarias máis destacadas do venres 1 son as seguintes:
– 20:00 h. Pregón inaugural a cargo do escritor Xabier P. DoCampo.
O domingo 3 destacamos:
– 19:30 h. O escritor Bieito Iglesias presenta o seu libro Contos da terra da tarde, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participará no acto Manuel Outeiriño.
– 20:15 h. Presentación do libro Globalización e imperialismo cultural, de Manuel Outeiriño, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participará no acto Bieito Iglesias.
Santiago: presentación de Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
O venres 1 de xuño, ás 20:15 horas, na librería Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, publicada en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan María Xesús Nogueira, Guadi Galego e Guillerme Fernández.
O Carballiño: presentación de O sabre do francés, de Miguel Anxo Fernández
O xoves 31 de maio, ás 20:30 horas, no Casino do Carballiño, preséntase O sabre do francés, de Miguel Anxo Fernández, nunha nova edición ampliada e publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Carlos Lema e Saúl Otero.