Santiago: obradoiros de creación da A. C. O Galo

“Ambos obradoiros de creación escrita comparten metodoloxía e recursos, pero difiren no seu contido. O Obradoiro de Creación Literaria está orientado a aqueles e aquelas que gozan da leitura e que queren comezar a escreber as suas propias obras, pequenas ou grandes. O Obradoiro de Creación Crítica busca axudarvos a plasmar por escrito as vosas opinións e ideas de forma estruturada e organizada que permita unha mellor e rápida comprensión e facilite o debate razonado.
Traballaremos os contidos específicos de cada modalidade en pequenos grupos, participando e interactuando entre nós. Cada clase terá un pequeno tempo adicado a desvelar algunhas das claves dos xéneros tratados seguido de tempo para lectura e para a escritura. Entre clase e clase, manteremos o contacto a través da web, cun blogue temático que permitirá ao alumnado compartir cos seus compañeiros e as suas compañeiras os avances que vaia realizando e que estes podan comentar o que lles pareza. Contaremos coa participación de autores, que presentarán algunha das suas obras e se someterán ás vosas preguntas.
A primeira clase, na última semana de febreiro, será gratuita para que podades comprobar se vos interesa anotarvos. Despois, os obradoiros terán lugar un día á semana ao longo dos meses de marzo e abril. Podedes elexir día e hora entre as que vos proporcionamos e nós faremos o posible por asignarvos ao grupo que máis vos interese. Os grupos serán dun mínimo de cinco personas e un máximo de dez, para evitar aglomeracións e permitir a máxima interacción entre todos. O prezo será de 15€ ao mes para socios e de 20€ para non socios. Se aínda non es socio do Galo, podeste asociar mediante o noso formulario de asociación
Queres escribir contos, relatos ou novelas? Apúntate ao Obradoiro de Creación Literaria.
Interésanche máis as cartas ao director, os artigos de opinión ou os ensaios? Apúntate ao Obradoiro de Creación Crítica.
Ou se che interesan ambos, pódeste apuntar aos dous!”

Máis información aquí.

A Coruña: obradoiro O ollo da arte, impartido por Antía Otero

O ollo da arte é un obradoiro impartido por Antía Otero onde se pretende ofrecer unha alternativa ás aulas propiamente académicas ao redor da experimentación e da arte contemporánea. Para iso, créase un espazo de convivencia ao redor de elementos tan importantes como a mirada, a expresión e os procesos artísticos, fomentando o desenvolvemento da imaxinación, da creatividade e das capacidades e habilidades artísticas de cada un dos participantes. Botando man de disciplinas moi diversas que van dende a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental, no Ollo da Arte plantexamos un programa que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ser o máis conscientes posible do acto creativo e das ferramentas das que dispoñemos para chegar a el a través da experiencia propia, mais tamén do debate e da aprendizaxe grupal. Pódese coñecer o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo…
Celebrarase todos os luns entre o 18 de febreiro e o 3 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas, na aula de obradoiros de Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. O prezo é de 35 euros para membros da comunidade universitaria (25 euros en segunda matrícula) e 55 euros público xeral (45 euros en segunda matrícula), con dous créditos de libre elección (plans antigos) e 1 crédito de recoñecemento (plans novos). O número máximo de participantes é de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 30 de xaneiro até o día 15 de febreiro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es

Santiago: xornadas Poesía erótica e muller, os 30 e 31 de xaneiro

Desde Fervenzas Literarias:
“A galería de arte contemporánea A.dFuga organiza os días 30 e 31 de xaneiro as xornadas Poesía erótica e muller, coordinadas por Mar Sánchez. A primeira data destas xornadas está dedicada a un recital poético coa participación de Marilar Aleixandre, Concha Rousia, Margarita Fernández, Nazaret López (lida por Margarita Fernández), Antía Otero e Verónica Martínez. No segundo día destas xornadas desenvolveranse dous obradoiros. O primeiro deles, impartido pola escritora Concha Rousia, versará sobre a creación poética. O segundo, dedicado a corpo, poesía e performance, estará a cargo de Margarita Fernández.
O horario das xornadas será, os dous días, das 18:00 h. ás 21:00 h. no local da galería A.dFuga (R/ do Preguntoiro, 28) de Santiago de Compostela. O prezo varía dos 4 euros do recital os 8 euros dos obradoiros. Para asistir ou para recibir máis información pódese dirixir ao correo electrónico paulacabaleiro@apuntodfuga.com”.

A Coruña: obradoiro de poesía impartido por Yolanda Castaño

Yolanda Castaño impartirá un Obradoiro de poesía no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña (Avenida de Arteixo, 171, s/n).
Terá lugar os mércores 6, 13, 20 de febreiro, 6, 13, 20 de marzo, 3 e 10 de abril de 2013, de 19:30 a 21:30 horas (16 horas presenciais en 8 sesións de 2 horas). O prezo do curso completo, matrícula incluída, será de 90 euros e pagarase por anticipado. As prazas son limitadas (máximo 15 persoas).
Débese encher a folla de inscrición e entregar no momento de efectuar o pagamento en efectivo na recepción do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (Avenida de Arteixo, 171), en horario de apertura ao público (martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 h., domingos e festivos de 11:00 a 14:00 h.) e antes do 3 de febreiro de 2013.
“Este obradoiro poético de enfoque pragmático e participativo, e estruturado en oito sesións, concibe a escrita de poesía coma un acto de coñecemento e de comunicación, procura o vínculo coas emocións e o pracer da estética literaria. Unha maneira non só de exercer o gusto pola literatura vivido dun xeito activo e en primeira persoa, senón de facelo contando coa ocasión e o espazo, o impulso e o guieiro, a sistematización e a dinámica axeitada para desenvolvelo co mellor dos rendementos. Propoñemos pois un espazo de encontro para aqueles/as aos que lles fascina o misterio da poesía pero que non teñen con quen compartilo nin tampouco a alguén dotado de recursos para encarreiralo. Un obradoiro onde perfeccionar as súas composicións poéticas afeccionadas, baixo a tutela amiga e sempre respectuosa dunha escritora profesional de recoñecido prestixio. Unha actividade estimulante e prestosa que axudará ao crecemento persoal e ó desenvolvemento da creatividade como valor do noso benestar emocional e maduración intelectual.”

A Coruña: Poesía+Poesía, obradoiro dirixido por Dores Tembrás

O obradoiro Poesía+Poesía, dirixido por Dores Tembrás, pretende ser unha rota de achegamento, ou varias rotas, das moitas posíbeis, á poesía galega contemporánea. Ao longo das sesións procuraremos distintos xeitos de ler que nos permitan adquirir ferramentas e aprofundar en aspectos concretos dalgunhas poéticas actuais. Cinguirémonos, na maioría dos casos, á exéxese dunha selección de textos de autores que abarcarán dende poetas dos oitenta ata novísmos creadores recén saídos do prelo. Todo co obxectivo de aplicar esas ferramentas á escrita creativa, recoñecendo os puntos fortes que caracterizan cada estilo e fortalecendo os máis débiles. A metodoloxía é sinxela: acometer a interpretación do texto dende o traballo coa palabra. Un camiño de dobre dirección da palabra ao poema e viceversa. O que nos interesa é explorar os distintos xeitos de ler, diferentes modos de enfrontarnos a un texto, tendo en conta que non hai unha única lectura por cada lector, senón que a experiencia lectora é un fenómeno múltiple. A atención que se adoita concentrar nos recursos estilísticos verase ampliada sustancialmente, prestándolle especial atención á palabra, á arquitectura do texto, á emoción. Neste sentido dende o primeiro intre establécese que o importante para chegar ao poema é a intuición. Non é precisa unha formación previa para ler poesía, aínda que esta poida enriquecer a lectura.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
Horario: Todos os martes de xaneiro a marzo, de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

Nivel: Medio (previa entrevista).
Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
Horario: Todos os martes de xaneiro a marzo, de 20:00 a 22:00 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

A Coruña: obradoiro Todo/nada poesía, impartido por Antía Otero

Todo/nada poesía é un obradoiro literario/artístico orientado a aquelas persoas que queiran achegarse ao entramado poético dende unha visión lúdica, interdisciplinar e contemporánea como primeira toma de contacto. No proceso aportaranse chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora da cotidianidade, do preciso, do inmediato… facendo fincapé na grandeza do poético. Os obxectivos son:
– Aportar chaves que axuden á elaboración e creación de textos partindo da mirada única de cada participante.
– Poñer en relación o poético co interdisciplinar: cinema, música, vídeo…
– Desmitificar conceptos tradicionalmente asociados a poesía como: o romanticismo, a rima, a puntuación clásica.
– Atopar os silencios no lenzo.
– Bucear nas propias creacións a redor da imaxinación, a escoita, o concreto, os diálogos, o eu e os personaxes, o tempo, o espazo, o silencio.
– Desmitificar a idea de que para escribir un debe ser experto ou grande entendido.
– Plantexar o feito artístico como algo accesible pero complexo, polo que se aconsella implicación presencial.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
Horario: Todos os luns de xaneiro a marzo, de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

Nivel: Medio (previa entrevista).
Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
Horario: Todos os luns de xaneiro a marzo, de 20:30 a 22:30 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

A Coruña: obradoiro de escrita creativa con Francisco Castro

Francisco Castro dirixe un Obradoiro de escrita creativa dirixido a persoas ás que lles gusta escribir. Está concebido dende unha perspectiva lúdica e moi participativa. Quen acuda terá a oportunidade de plasmar sobre o papel todo o que caiba na súa imaxinación, literaturizar a súa vida, xogar a crear mundos coas palabras… en definitiva, a gozar da experiencia literaria e da creación escrita. Todas as persoas que participen terán a ocasión de, dende o primeiro momento, escribir poemas, relatos, contos… a partir de actividades lúdicas e sorprendentes.
Dende o minuto un do Obradoiro escribiremos, faremos literatura. O director do Obradoiro proporá actividades que actuarán como catalizadores da creatividade. Logo, sobre os resultados obtidos (os poemas, os relatos, a descrición dos personaxes, a literaturización dalgún aspecto da realidade), será o momento de teorizar e amosar como grandes autores e autoras da literatura universal construían o seu universo de ficción. O Obradoiro, que é eminentemente práctico e participativo, ten o seguinte programa:
– A práctica do relato breve.
– Crear personaxes.
– Técnicas básicas de narración literaria.
– Como atopar o teu estilo literario.
Os seus obxectivos son escribir e gozar do feito de crear literatura e aprender as técnicas básicas da creación literaria.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: 8 horas. Prazas limitadas.
Datas de inicio e finalización: 11 e 25 de xaneiro; 8 e 22 de febreiro; e 8 e 22 de marzo.
Horario: venres alternos de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 60 € socios. 80 € non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

A Coruña: Día Lugrís, o sábado 22 de decembro

O movemento cidadán In Nave Civitas e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convocan a toda a cidadanía a unha nova xornada cívica de homenaxe a Urbano Lugrís, o gran pintor das cousas do mar, este sábado 22 de decembro.
Na obra do artista agroma un mar sen tempo, onde os elementos coruñeses –Marola, Torre, Orzán- se converten en arquetipos –illa, faro, praia- para nós contar a historia toda dos océanos. A presenza de Urbano Lugrís segue a iluminar as rúas e tabernas da Pescadería, como representante máximo da bohemia. Poderosa humanidade – así o definiu o poeta Antón Avilés de Taramancos–  protagonista de moitas historias populares daquela cidade dos anos cincuenta.
Mais tamén, un ano máis, este Día Lugrís  ten que ser, desgraciadamente, unha xornada de reivindicación. Lugrís mostrounos un océano máxico, cheo de historias e de misterios inmortalizados para sempre en debuxos, cadros e murais. Admirado por moitos, a súa figura fica esquecida e mesmo algunhas da súas obras palidecen á intemperie. A obra que creou para diferentes locais hostaleiros coruñeses, non goza de protección institucional ningunha. O grande mural da cafetería Veccio da Rúa Real ten un futuro absolutamente incerto. Máis grave é aínda a situación das pinturas que decoraban o antigo restaurante Fornos (Rúa dos Olmos). Un establecemento actualmente pechado, sen control público ningún sobre estado desas obras.
Ante isto, o colectivo cidadán In Nave Civitas  e a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega queremos removelas conciencias e honrala memoria de Urbano Lugrís coa celabración do III Día Lugrís:

ACCIÓN LUGRÍS, velaí o programa deste ano:

20:00 horas. Obradoiro submarino: Xuntanza no Obelisco para decorar paraugas con debuxos de peixes. Se chove, faremos da necesidade virtude, e poderemos principiar deseguido, ao son dos gaiteiros, a manifestación atlántica.
20:30 horas. Camarote Lugrís: Intervención pictórica na rúa Mantelería, no lugar onde estivo situado o estudo do artista.
21:00 horas. Habitación do vello mariñeiro. Presentación no Borrazás, café moi querido por Lugrís, do colectivo poético-musical In Nave Civitas, artistas diversos reunidos ao redor da condición da Coruña como cidade-barco.

Día Lugrís. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco !

Medre o mar!

Lugo: Dramaturxias do Baúl, no Museo Provincial

O venres 14 de decembro, ás 20:30 horas, terá lugar no Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n.), a segunda edición das Dramaturxias de baúl, unha representación teatral que ademais serve como acto de clausura das accións formativas do ano 2012 do Proxecto teatral Buxiganga (II Premio da FEGATEA á animación teatral 2012) que promove a área de Cultura da Deputación de Lugo. Os participantes no obradoiro de dramaturxia, impartido por Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura), foron elaborando entre os meses de xuño e decembro diferentes pezas teatrais que serán representadas e lidas en diferentes espazos e salas do Museo Provincial. A representación está coordinada por Rubén Ruibal e conta coa participación de Brian Rodríguez, Anxo Manoel Lamelo, Pablo Iglesias (Germán Frasio), Elvira Velasco, Iria Acevedo, Conchi Madrina, Rubén Pérez, María Grandío e Simón Piñón. A entrada é libre e gratuíta.

Santiago: XIII Xornadas de expresión oral

Tíralle da lingua é un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, convertir o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias…de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde. O proxecto TÍRALLE DA LINGUA consta de dúas fases: estas xornadas de expresión oral, dirixidas ao profesorado, nas que se intenta proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula e un concurso de relato oral, dirixido ao alumnado de toda Galiza cunha fase final que se celebra no mes de maio en Compostela.”

XIII XORNADAS DE EXPRESIÓN ORAL
PROGRAMA

Venres 16 de novembro
De 16:30 a 17:00 h. Recepción e entrega de material.
De 17:00 a 18:30 h. Para que serven as imaxes?, Eva Mejuto, OQO Editora.
De 18:30 a 20:00 h. O berro de Lord Byron (poesía e sonoridade), Carlos Negro Romero, docente no C. P. I. Eusebio Lorenzo Baleirón e escritor. Obradoiro poético orientado a descubrir as potencialidades da linguaxe poética como expresión oral, como xogo fónico, como boca colectiva da imaxinación.
Sábado 17 de novembro
De 10:00 a 11:45 h. En galego, todo vai rodado, Anxo Gómez Sánchez, docente no CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral. O relatorio pretende ensinar a traballar con programas informáticos moi básicos, como o Moviemaker, parar realizar dobraxes de trailers e películas.
De 12:00 a 14:00 h. Expresión audiovisual dos nativos dixitais, Manuel González Álvarez, profesor no IES Concepción Arenal de Ferrol, guionista e investigador cinematográfico.
De 16:00 a 17:30 h. Os proxectos Ponte na fala e Canto Conto, Xosé Antonio Formoso Lado, filólogo, integrante do proxecto Fabaloba.
De 17:30 a 19:00 h. Canto conto!, Raúl Piñeiro Fernández, filólogo, animador sociocultural e dinamizador. Como peche da sesión Raúl Piñeiro presentará o seu último traballo de narración oral: Os graxos da Burga.
19:00 h. Clausura.
Solicitada a homologación por 10 horas lectivas. A matrícula é gratuíta, realizarase a través da web da AS-PG, no apartado de Formación. O número de prazas é limitado e cubrirase por rigorosa orde de inscrición tendo en conta que hai unha reserva máxima dun 30% para aquelas persoa que nunca traballasen como docentes para a Consellería de Educación.