Compostela: Alguén que respira!

II Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza

Este sábado, 24 de febreiro, terá lugar o II Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza en Vila de Cruces, organizado pola comunidade educativa do IES Marco do Camballón.
Neste Encontro, que ten como obxectivo visualizar a nova xeración de improvisadoras da Nova Regueifa Feminista e servir de foro de reunión para as protagonistas deste movemento, achegaranse a Vila de Cruces máis de quince repentistas de todo o país. O alumnado do instituto das Cruces convida a toda a veciñanza da comarca e da Galiza a participar neste evento aberto ao público.
A xornada comeza ás 11:30 cunha Asemblea de Mulleres Regueifeiras, onde se valorará a situación actual do movemento repentista. Á tarde, ás 16:30 terá lugar unha mesa redonda sobre Regueifa e feminismo e a continuación un espectáculo de regueifa onde participarán regueifeiras de toda Galiza.
No espectáculo participarán regueifeiras locais como Nuria das Cruzes ou Lorena Medela, ao lado doutras repentistas como Alba María, Sara Marchena, Sofia, a Gharota da Ribeira, Marisa Otero, Pia Lago, Lara do Ar, Silvinha, Aurora Redondo, Olaia Liñares ou Joana Santos Vilela e Estrela do Courel, crianzas do Clube de Regueifa da Escola Semente de Compostela.
No evento haberá un momento para unha homenaxe póstuma ás persoas que no ano 1980 foron gravadas pola musicóloga suíza Dorothe Schubart en Sabrexo e cuxas cancións forman parte do Cancioneiro Popular Galego e do patrimonio inmaterial do noso país.
Despois do espectáculo, terá lugar ás 20:30 unha foliada regueifesta no Bar Txapela.
O IES Marco do Camballón está a impulsar a improvisación oral en verso xunto ao IES de Baio através do Proxecto Regueifesta e con este Encontro quere facilitar ao alumnado do Camballón unha experiencia de organización e autoxestión. O alumnado da materia de 2º da ESO “Regueifa e improvisación oral en verso” dinamiza, xunto ao profesorado que orienta esta actividade, un proceso de xestión cultural do que son protagonistas.
O alumnado do IES Marco do Camballón convida a toda a veciñanza de Vila de Cruces a presenciar o Encontro de Mulleres Regueifeiras ás 18:00 no Auditorio Xosé Casal e ás 20:30 no Bar Txapela, actividades gratuítas e abertas para todas as idades.”

Morreu unha Mestra da Memoria, morreu Alsira Gil Ramos, das Pandeireteiras da Alén

A AELG lamenta fondamente a perda dunha das súas Mestras da Memoria.
Alsira Gil Ramos, tamén da estirpe dos “Xilotes”, naceu o 14 de setembro de 1920 e morreu o 16 de febreiro de 2018 con 97 anos. Muller independente, traballou e fixo por vida en por ela, así coma as outras homenaxeadas. Aínda que os anos debilitaron as súas forzas, aínda hai pouco era o día que se prestaba a axudar a quen precisase. Debaixo do corredor da súa casa hai un banco onde aos veciños lles prestaba sentar ao abrigo a falar con ela dos seus recordos da vida. A pandeireta estaba enriba, na casa, sempre pronta, e na súa memoria gardaba as coplas que sempre cantou nas festas da aldea. Coma as súas compañeiras, viviu a vida no lugar, sacado unha temporada que, de nova, pasou en Pontevedra. En palabras dela: «Alá a xente é moi falante, coma aquí.» Sempre tivo unha palabra amábel para os que se achegaron polo lugar, o lugarciño da Alén que

…de lonxe parece vila
se non foran os outeiros
que ten do lado de riba.

[Adaptación das palabras que o escritor Poldo Cañizo elaborou e pronunciou a laudatio ás Pandeireteiras da Alén na Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria de 2017]

O enterro tivo lugar o sábado 17 de febreiro, ás 15.30, na Igrexa de Xirarga, Beariz.

Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións das Pandeireteiras da Alén no Proxecto Polafías.

Entrevista a Alba María sobre Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Alba María publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo. Un libro-disco da ACentral Folque que xunta historia do xénero e memoria oral. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Xa están dispoñíbeis as actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia

As actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia xa están dispoñíbeis. Poden descargarse na imaxe de abaixo: