Pontevedra: 12ª edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil

A 12ª edición do Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra abre as súas portas o domingo 6 de febreiro baixo o título É mentira, con múltiples actividades: obradoiros, teatro, maxia, conferencias, contacontos, circo…, etc., e que terán lugar até o sábado 19 de marzo. Adxuntamos o programa completo: Programa Salon do Libro Infantil e Xuvenil febreiro 2011.

Vigo: conferencia de Emilio Sdun sobre Experiencias dun editor de arte

O mércores 2 de febreiro, a partir das 19:00 h., no Verbum Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e con entrada gratuíta ata completar aforo, terá lugar a conferencia de Emilio Sdun sobre Experiencias dun editor de arte, onde contará a súa experiencia como editor de arte desde 1984, coñecendo máis en profundidade o proceso de creación de libros singulares e edicións de luxo.

Santiago: actividades de xaneiro de Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, na Cidade da Cultura

Os sábados 15 e 29 de xaneiro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Cidade da Cultura, terán lugar estas actividades:

15 de xaneiro. Rosalía, a voz dun pobo:
12:00 | Relatorio: María do Cebreiro Rábade Villar. Poeta, profesora e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente desenvolve un estudio no que aborda diferentes aspectos da obra de Rosalía de Castro.
13:00 | Ao raso coas lebres (60’), da compañía CasaHamlet. Textos de Rosalía de Castro dramatizados e musicados a cargo desta compañía dirixida por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.
Presenta: Helena Villar Janeiro, presidenta da Fundación Rosalía de Castro.
29 de xaneiro. Manuel Antonio: “venador” de horizontes:
12:00 | Relatorio: Xosé Luís Axeitos. Catedrático de Lingua e Literatura Castelá e Secretario da Real Academia Galega. Experto na obra de Manuel Antonio, ten publicado varios libros sobre a poética do visionario rianxeiro.
13:00 | Manuel Antonio e mais dispois (35’). A poeta performática María Lado acompañada polo xenial pianista Nacho Muñoz interpretan textos de Manuel Antonio que mostran a súa concepción radical da creación artística.

A Coruña: Marinhas del Valle e a lusofonia na sua obra poética, conferencia de António Gil Hernández

O martes 25 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, e con entrada libre, o ensaísta e profesor António Gil Hernández falará, dentro do ciclo Lingua, Literatura e Nación da A. C. O Facho, sobre Marinhas del Valle e a lusofonia na sua obra poética.

Vigo: conferencia Castelao e a Galiza do futuro, de Francisco Rodríguez

O martes 25 de Xaneiro, ás 20:00 h., na Casa Galega da Cultura (Praza da Constitución) de Vigo, Francisco Rodríguez pronunciará a conferencia Castelao e a Galiza do futuro, en conmemoración do 125 aniversario do nacemento de Castelao. O acto está organizado pola Asociación Cultural O Castro.

A Coruña: conferencia de Xosé Henrique Costas sobre Situación actual da lingua

O martes 18 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24) da Coruña, o profesor doutor da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas González, falará, dentro do ciclo Lingua, Literatura e Nación, organizado pola A. C. O Facho, sobre Situación actual da lingua.