Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 29 de xullo

A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.

Este é o programa para o 29 de xullo:
Tarde 18:30
Carman, de Javier Ariza
Duracion: 50 minutos
Idade recomendada a partir de 4 anos
Carman é unha comedia de rúa para un showman e un Seat 600, un divertido espectáculo no que o coche icónico da mobilidade cobra vida e rematará por conducir sen conductor nunha rutina musical e circense que pode chegar a Eurovisión.

Tardiña 21:00
Ítaca Paradiso
Antía Otero, Alba Cid, Ismael Ramos, Gonzalo Hermo e Luís Monsalve (piano)
A illa, dende Circe a Homero, é sempre un territorio de excepción, tamén de posibilidade. A poesía esencial e vianesca de Antía Otero, o canto carsoniano e internacionalista de Alba Cid, co coro intimista de Ismael Ramos e Gonzalo Hermo, viaxa coa música no piano de Luís Monsalve, de regreso a un paradiso chamado poesía. Escoitade o murmurio ao lonxe, o eterno si do mar do que falaba Homero. Sssshhh…”

A Coruña: presentación de A (des)memoria, de Clara Vidal

O 23 de xullo, ás 19:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Olmos, 16-18, 1º), preséntase o poemario A (des)memoria, de Clara Vidal, editado por Medulia. As persoas interesadas deben reservar praza no correo electrónico acab@mundo-r.com

Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 22 de xullo

O 22 de xullo comeza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao, con horario de 12:00 a 14:00 horas, e de 18:30 a 22:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

13:00 h. Acto de inauguración. Pregón a cargo de Montse Fajardo.
18:30 h. Montse Fajardo asina A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, publicada polo Concello de Pontevedra.
20:30 h. Arantza Portabales asina A vida secreta de Úrsula Bas, publicado por Galaxia.
21:30 h. José Carou Rey asina Hemisferio auga, publicado por Medulia.

Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 22 de xullo

A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.

Este é o programa para o 22 de xullo:
Tarde 18:30
Abracadáver, de AsSircópatas
Duración: 45 minutos
Idade recomendada para todos os públicos
Volve Rogelio, cun espectáculo desde a súa casa. Unha cura colectiva para perder o medo. Unha terapia de choque. Cos números de circo máis terroríficos que xamais se viron e que nos porán os pelos de punta. Malabares, faquirismo, acordeón, equilibrios e moitas sorpresas máis non aptas para cardíacos.

Tardiña 21:00
Vigo-Xinzo-Lalín-extravío
Chus Pato, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón e Leo Arremecághona
Cómpre transitar o verso como unha estrada do mar, unha pista forestal, a segunda vía. Apartarse do camiño na procura da promesa, coma situacionistas de Debord. Chus Pato, unha das voces fundamentais e de máis percorrido internacional da poesía galega contemporánea, a poética críptica e exploratoria de Oriana Méndez e o ensamble de versos con ecos do Delta de Matamá: a reivindicación do rural coa poesía lúcida de Xabier Xil Xardón e a transgresión rebelde do Leo Arremecághona. Extravío para respirar.”

A Residencia Literaria 1863 acolle un proxecto de tradución da poesía galega moza para o finés

Ao longo de todo este mes de xullo, a Residencia Literaria 1863 ten a sorte de acoller a escritora, tradutora e cantante lírica finlandesa Rita Dahl, quen xa participara no Obradoiro de Tradución Poética da illa de San Simón en 2017.
Para honra da nosa literatura, o proxecto no que esta autora se encontra embarcada consiste nunha antoloxía da poesía galega máis moza en tradución ao finés. Por iso, durante estas semanas, a ocasión de traballar sobre o propio terreo fornécelle da oportunidade de se ir encontrando cos/as poetas antologados, a fin de achegar posturas, desvelar cuestións e resolver dúbidas, coa proximidade do encontro cara a cara.
Trátase de autores/as da calidade literaria de Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Míriam Ferradáns, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón, Lorena Souto, Charo Lopes, Lara Dopazo, Samuel Solleiro, Jesús Castro Yáñez, Celia Parra, Francisco Cortegoso e Belén Senín.
Institucións públicas de fomento da cultura finesa como Taiteen edistämiskeskus – Taike, a Unión de Escritores/as de Finlandia (Suomen Kirjailijaliitto) ou a Unión de Tradutores/as e Intérpretes (Suomen kääntäjien ja tulkkien liitto – Finlands översättar- och tolkförbund) apoian a Rita Dahl neste enriquecedor proxecto durante a súa estadía na rúa Rego de Auga da Coruña.
Tamén xornalista e docente, Master en Ciencias Políticas, en Xornalismo e en Literatura Comparada, Dahl ten publicados 21 libros de ficción e non ficción: poesía, relato curto, viaxes, ensaios sobre política e poética, etc.
Así mesmo, encóntrase a piques de ver unha antoloxía da súa propia poesía publicada no Brasil pola editorial Bestiário, así como, en Finlandia, o seu primeiro CD de arias italianas interpretadas xunto á pianista Anu Kosonen.
Como tradutora deu ao prelo en Finlandia 5 libros, entre eles a primeira antoloxía da poesía portuguesa contemporánea, Maailman syrjällä. Para alén da preparación da mencionada antoloxía, Rita planea gravar dous podcasts con algúns dos nomes incluídos, ao tempo que tamén traduce a poesía de Hilda Hirst.”