Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Hoxe cúmprense cen anos do nacemento de Xosé Mª Álvarez Blázquez (Tui, 1915- Vigo, 1983). Caderno da crítica quere tributarlle un recoñecemento a un autor que sempre admirou e que abrazou con convicción a polifacecia cultural -editor, poeta, narrador, arqueólogo, investigador, libreiro, promotor do libro galego, docente….- ao servizo do seu país.
Por esta razón incorpórase abaixo o manuscrito do poema “Solpor” -por cortesía de Xosé María Álvarez Cáccamo-, unha magnífica composición publicada postumamente nas páxinas do Faro de Vigo o 31 de marzo de 1985, aínda que foi asinado orixinalmente en Coruxo en agosto de 1982. Ás persoas interesadas na intrahistoria do poema remito ás edicións das Obras completas do autor tanto a cargo de Rodríguez Baixeras como a do propio Pepe Cáccamo.
Embaixo de “Solpor”, e por cortesía de Alfonso Álvarez Cáccamo, velaí unha tarxeta de presentación do autor, xunto cun breve texto manuscrito. A miña gratitude pola cesión de ambos documentos.”
Arquivo da categoría: Poesía
Outeiro de Rei: actividades do primeiro trimestre na Casa Museo Manuel María
Manuscritos: Xosé Díaz Jácome
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nos fondos da Fundación Penzol consérvase este manuscrito que desde aquí se dá a coñecer. Trátase do poema “Éstase” de Xosé Díaz Jácome, autor que foi de tres libros de poemas: Primeiras cantigas de amor (1936), Pombal (1963) e Muíño Fidel (1983). Este que aquí se incorpora asínao o autor mindoniense, en papel timbrado do Faro de Vigo -xornal no que traballou durante moitos anos como xefe de redacción-, o 12 de decembro de 1953. A miña gratitude á Fundación Penzol pola cortesía.”
Compostela: presentación de Espectros, de Rosa Enríquez
O mércores 4 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, Rosa Enríquez presenta o seu novo libro de poemas, Espectros, publicado pola editora O Figurante. No acto, xunto á autora, participan María do Cebreiro e Ismael Ramos.
Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte arredor de Rastros con enrugas, publicado por Corsárias. A entrevista completa pódese escoitar aquí.”
Taboleiro do libro galego XXX (xaneiro 2015), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí o “Taboleiro do libro galego” que incorpora aqueles libros galegos máis vendidos ao longo do mes de xaneiro de 2015. Grazas, nesta ocasión, a un total de doce librarías galegas colaboradoras como son Trama, Paz, Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar, Couceiro, Aira das Letras e Lila de Lilith.
NARRATIVA
1º-. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, Galaxia.
2º-. Somnámbulos, de Suso de Toro, Xerais.
3º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
4º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
5º-. Ofrenda á tormenta, de Dolores Redondo, Xerais.
6º-. A boneca de Blanco Amor, de María Xosé Queizán, Galaxia.
7º-. Flash-Back 13, de Ramón Caride, Urco Editora.
POESÍA
1º-. Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do Colectivo Ronseltz, Edicións Positivas.
2º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
3º-. Tempo de exilio, de Joseba Sarrioinaindia, Faktoría K de Libros (tradución de Isaac Xubín).
4º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
5º-. Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre, Xerais.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira, Através Editora.
2º-. Livros que nom lê ninguém, de Isaac Lourido, Através Editora.
3º-. A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, Kalandraka (tradución de Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez).
4º-. De Beiras a Podemos, de Anxo Lugilde, Meubook/Praza.
XUVENIL
1º-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Xerais.
2º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
3º-. O veleno da risa, de Santiago Jaureguízar, Xerais.
4º-. Os Megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.
INFANTIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
2º-. Porque Cuqui non quere ir á lavadora, de María Lado, con ilustracións de Yanina Torres, Apiario.
3º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e ilustracións de Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
4º-. O homiño vestido de gris e outros contos, de Fernando Alonso, Kalandraka.
LIBROS CD-DVD
1º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras e ilustracións de David Pintor, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Pan de millo, de Migallas e ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
5º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami, sobre poemas de Rosalía de Castro, Galaxia.
6º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
7º-. Cocido sinfónico, de Os tres TENedORES, Galaxia.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
3º-. Cidade de cristal, de Paul Auster, El Patito Editorial (adaptación ao cómic: Paul Karasik; debuxos: David Mazzucchelli; tradución: Xavier Queipo).
Xoán Carlos Domínguez Alberte: “A poesía ten que proclamar alto e claro que nos están aniquilando”
Entrevista de Carme Vidal a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A que responde o título Rastros con enrugas (Corsárias, 2014)?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Rastros fala dun protagonismo colectivo, da explotación laboral desde a perspectiva das vítimas. Co concepto rastros fronte a rostros quérese sinalar a invisibilidade das vítimas. Só hai dous nomes propios no libro, o da percebeira Mercedes Veiga que morreu por non ser atendida a tempo e o do indixente O Pichón que apareceu morto na súa casa. Do resto, todos son sen nome. Se nun hospital, de repente, desaloxan os enfermos; se un comercio ou unha fábrica pecha… esa xente desaparece. Para enfatizar a invisibilidade das vítimas emprego o concepto de rastros, como as marcas sobre a terra, que tamén fala do asoballamento por parte do capital que trata ao ser humano coma unha lesma. Son as pequenas pegadas das vítimas que se invisibilizan mais están aí. (…)
– SG: A poesía cumpre, ao seu ver, ese papel de denuncia?
– XCDA: Defendo que a poesía cumpre unha función moi acaída nese sentido, para min é como unha inxección de adrenalina en vea que ten unha dobre particularidade. A primeira é o seu efecto inmediato, unha carga de profundidade directa á intelixencia e a segunda é o seu valor duradeiro. O libro de poesía permíteche múltiples lecturas e relecturas e non se esgota nunca. Unha novela remata cando se le, a poesía é distinta en cada nova lectura. Se me pediran que escollera só un libro para levar a unha illa deserta sería, seguro, de poesía, por esa condición de obra de multitude de lecturas. (…)
– SG: A literatura ten, en certa medida, obriga de transparentar o sofrimento da súa época?
– XCDA: A función do escritor é ser testemuña do seu tempo. No libro aparecen moitas citas de autores e autoras aos que sigo e estimo. Son autores que, sen dúbida, están comprometidos coa realidade do seu tempo desde Sarrionandia ate Mahmud Darwix e en todos eles dase esa mesma vontade. Quedan aínda escritores qu enon fuxen desa realidade aínda que haxa tamén moitos que se evaden en torres de cristal ou que se deixan suavizar polos bálsamos e pequenas tentacións que lle ofrece o poder. Para min, o intelectual ten que estar comprometido e ser crítico, se non non é intelectual. (…)
– SG: Malia iso, o libro non é pesimista. É a vontade de reaxir a que o impide?
– XCDA: Non comparto a visión desde a nostalxia, o paraíso perdido que é como aceptar a denuncia, a derrota. Dado o meu carácter vital e comprometido non podo compartir esa posición. Son contraposto á rendición e, nese sentido, unha máxima que teño sempre presente é a de “denantes mortos que escravos”. O compromiso é loita e movemento e non pode claudicar, renunciar, ningún intre da nosa existencia.”
Armando Requeixo: “Foi o primeiro poemario publicado en galego durante a Guerra Civil”
Entrevista de Yolanda García a Armando Requeixo en La Voz de Galicia:
“(…) O venres, terá lugar ás 20:30 horas no Concello de Mondoñedo a presentación do libro de Daniel Pernas Nieto (Abadín, 1884-Mondoñedo, 1946) Fala das Musas e outros poemas. O editor do mesmo é Armando Requeixo.
– La Voz de Galicia (LVG): Recupérase un libro publicado en galego durante a Guerra Civil e iso o fai do máis interesante.
– Armando Requeixo (AR): Imprimírase nos Talleres Foxo de Ortigueira. El estudou no Seminario de Mondoñedo, cidade na que se instalou, arredor da escola literaria mindoniense. Ten un interese polo valor documental da obra, porque é un dos moi poucos poemarios publicados en galego durante a Guerra Civil. Foi o primeiro e é unha das escasas mostras en galego desa época. Ten un valor histórico-literario tamén. Ten ese simbolismo e significación para a cultura e historia galegas. Sen embargo, non se podía acceder a el a non ser que fora nunha bibioteca moi especializada. Interesoume recuperar ese volume e facelo nunha edición moderna para as xeracións novas. Unha vez feito o esforzo de recuperar o título, ao longo de anos de investigacións atopei outros poemas do autor que deixara espallados en revistas e xornais de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo, non recompilados. O que fixen foi facer esa edición con Fala das Musas e outros poemas restantes. Acaba sendo unha especie de poesía, máis que completa, reunida. Aproveitei para compilar toda a outra produción. Ten tamén interese o libro porque o volume do ano 1936 ten un prólogo de Álvaro Cunqueiro, interesante, obra mestra coma todas as del, no que fala da poesía en xeral, da palabra creativa. O libro ten o aliciente de que no estudo introdutorio que antecede á recollida da sua produción poética fixen un perfil biográfico amplo. Era pouco o que se coñecía de Daniel Pernas, reconstruínlle a súa peripecia vital e editorial, que así queda para futuros investigadores. Primeiro, a presentación é unha panorámica do valor da súa obra escrita. Eu abrín o camiño. Penso que esta é unha base sólida sobre a que construir. Ademais, o libro ten unha parte final, críticas que se fixeran de Fala das Musas a primeiros do 37, falando sobre o autor.
– LVG: ¿Tivo Pernas Nieto boa crítica?
– AR: O plus que engade é que escribiu en galego en tempos que non axudaban nada a que puidese saír así, pero fixo que se aplaudise algo así. Metín textos de varias persoas que saudaron positivamente o libro cando apareceu para completar a visión.
– LVG: ¿Que reflectiu nos poemas?
– AR: Daniel Pernas Nieto foi un poeta da escola noriegana, de Noriega Varela. A poesía dalgúns versos son de impronta paisaxista, outros son máis arredor de feitos ou acontecementos da vida local de Mondoñedo e da Mariña e ata hai unha vea social de denuncia referida á emigración ou a circunstancias da realidade da comarca e tamén poesía de sentimento.”