Estas son algunhas das fotografías do acto 2015, ano Lois Pereiro, que tivo lugar o sábado 11 de abril en Monforte. Pódese ver a galería completa aquí.
Arquivo da categoría: Poesía
Fran Alonso: “Se perdemos a capacidade de ironizar, de provocar, a arte é un servizo funcionarial”
Entrevista
de Montse Dopico a Fran Alonso en Praza:
“(…) – Praza (P): Foi, así, na práctica, autoedición. Ti maquetaches e buscaches audios, vídeos, links… Como foi ese proceso de edición do libro [Poétic@.gal]?
– Fran Alonso (FA): Efectivamente, eu maquetei e busquei absolutamente todos os materiais, ligazóns, vídeos e recursos. Foi un proceso lento e, sobre todo, interminable, porque a cada paso íanseme ocorrendo novas cousas que engadir. É un traballo de asociación de ideas tan sedutor que te absorbe ata tal punto que tes que poñerlle punto final para que non sexa infinito. En realidade foi un proceso moi fascinante, que me serviu para aprender a potenciar o texto a través da tecnoloxía e dos recursos alleos que están a disposición do público na rede. Eu buscaba un perfil o máis innovador posible sen perder nunca as posibilidades de conectar cos lectores e lectoras. Nese sentido, identifícome co que me dixo un bo amigo, tamén escritor, por correo electrónico con respecto a Poétic@: “xa desapareceu ese aroma a experimento, propio das instalacións virtuais”. Eu non o pensara pero, efectivamente, creo que é preciso innovar transmitindo a idea de que estamos diante dun novo camiño e non dun novo experimento, algo frecuente na literatura electrónica noutras linguas.
– P: Máis que poemario, é instalación poética, explicas. Con estrutura de arañeira. Uns poemas remiten a outros, de xeito que o libro pode lerse de varias maneiras, con voltas adiante e atrás, saíndo e entrando nos poemas a través de links, vídeos… É a fragmentación propia da era dixital. Como agardas que se lea o libro, nese sentido?
– FA: Eu reivindico a autonomía absoluta dos lectores e lectoras. Feito público, o texto deixa de ser meu e cadaquén faino seu como desexe. A deseñadora e mais eu trazamos unha vertebración tradicional, con paxinación e mesmo un certo sombreado de páxina. Iso convida a unha lectura ordenada e garda relación co libro en papel. Pero unha vez que comezas a lectura e interactúas, acabas saíndo do itinerario convencional e creas o teu propio itinerario. Eu creo que Poétic@ dá esa enorme liberdade para que cadaquén poida lelo como queira. A lectura cambia moito se se prescinde, por exemplo, das ligazóns, porque engaden novos significados e outras dimensións. Ás veces, mesmo contradín as teses iniciais. Pódense facer lecturas textuais, lecturas gráficas, lectura hipertextuais, lecturas de audio… ou todo conxuntamente en itinerarios á carta. Na rede, o protagonismo dos lectores e lectoras aumenta exponencialmente. (…)
– P: Un dos xogos máis presentes é o que ironiza sobre a relación do creador ou creadora co mercado. Se a poesía é libre por ser minoritaria e non vivir sometida ao mercado, cando liberamos a narrativa?, pregunta un poema. O poeta en paro ofrécese para escribir poemas. O propio libro ofrécese para a súa venda, en prezo crecente segundo avanza o poemario. Cal é e debe ser a relación dos poetas co mercado?
– FA: É que eu creo que ese tipo de discursos son moi contraditorios e este libro o que fai é, precisamente, poñer de manifesto moitas contradicións. Se, con respecto ao mercado, a poesía tivese as vendas da narrativa e a narrativa as da poesía, nesas condicións a narrativa sería considerada a literatura “liberada”. As perspectivas enganan moito. Por outra banda, o “malditismo” tamén é valorado cun plus extraliterario de literaturalidade, de autenticidade. Ora, non existe ningún tipo de relación canónica nin preestablecida da poesía ou do poeta co mercado igual que non existe tampouco unha relación canónica do narrador co mercado. Tamén hai narradores “malditos”. Todo depende de cales sexan os obxectivos, as prioridades, as intencións e o espírito dos e das creadoras. En calquera caso, na miña opinión, cadaquén debe ter claro o que pretende. Outra cousa moi distinta é a relación que unha literatura en lingua minorizada establece co mercado. Aí os condicionantes están por riba de calquera tipo de vontades. (…)
– P: Hai outros temas de fondo: poesía e xénero, poesía e nación (o poeta nacional), poesía e revolución social… Que quixeches salientar, en concreto, sobre estas cuestións?
– FA: A miña intención era cuestionalo todo, poñer as cousas patas arriba, como diría Galeano. Efectivamente, busquei cuestións moi emblemáticas para facer que os versos tremesen nos ollos das persoas que os lesen, como cando treme a terra, para facernos sentir inseguridade, para deixar claro que as aparencias enganan. E fíxeno, evidentemente, desde o humor, desde o sarcasmo, que durante tanto tempo desterramos da nosa literatura porque unha certa posición defensiva nos obrigaba –nos obriga– a permanecer á espreita. En calquera caso, se alguén me vai matar, que vexa o meu sorriso irónico, por favor. (…)”
Monforte: 2015, ano Lois Pereiro
As actividades deste sábado 11 de abril en Monforte teñen a súa orixe nunha moción do grupo de goberno que foi aprobada na sesión plenaria celebrada pola Corporación Municipal o pasado 26 de xaneiro. Nesta proposta recollíase declarar o 2015 como Ano Lois Pereiro e darlle o nome do poeta á Casa da Cultura e á Biblioteca Pública Municipal.
Os actos, abertos á participación da cidadanía, comezarán ás 11:45 horas coa recepción á familia de Lois Pereiro, e ás autoridades e invitados/as.
Ás
12:00 h. celebrarase o acto de nomeamento da Casa da Cultura de Monforte de Lemos como CASA DA CULTURA POETA LOIS PEREIRO e da Biblioteca Pública Municipal como BIBLIOTECA PÚBLICA POETA LOIS PEREIRO, dándose lectura á acta da sesión plenaria onde se recolle este acordo.
Ás 12:15 h. abrirase a Biblioteca Pública Municipal e realizarase o selado de diferentes libros de e sobre Lois Pereiro co novo selo coa súa imaxe.
A partir das 12:30 h., no salón de actos da Casa da Cultura, desenvolverase un acto aberto ó público no que participarán varios autores/as pertencentes á Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG). Este acto comezará co saúdo do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e continuará coa lectura de textos de Lois Pereiro por parte, entre outros/as, dos e das escritores/as Rosalía Fernández Rial, Manuel Rivas, Xurxo Souto, Antón Lopo, Mario Regueira, Iago Martínez, e Mercedes Queixas. Entre as diferentes lecturas, o músico monfortino Gonzalo Herrero interpretará breves pezas musicais.
O Concello encargou unhas chapas con estrofas de poemas de Lois Pereiro, chapas que se repartirán entre as persoas que asistan ao acto.
A xornada conmemorativa rematará ás 21:00 h. cun concerto na Praza de España a cargo dos grupos VERA LYNN e OS TRES TREBÓNS.
Por outra banda, as portas de acceso á Biblioteca Pública Municipal serán rotuladas coa imaxe do poeta e o nome que a partir do sábado denominará a este centro de estudo e lectura.
Ademais das actividades programadas para este sábado, ó largo do ano 2015 desenvolveranse varios actos sobre a figura de Lois Pereiro. O primeiro deles levarase a cabo este xoves día 9 de abril e terá coma escenario os tres IES da cidade.
García, integrante do grupo Dios Ke Te Crew, e o cantautor punk O Leo, ofrecerán ao estudantado de bacharelato unha charla-actuación para divulgar e motivar á mocidade na participación dos actos do sábado día 11.
García e Leo teñen musicado varios poemas de Lois Pereiro, ademais Leo (filólogo e profesor de galego) é un erudito na obra do escritor e poeta monfortino.
As charlas serán ás 10:15 h. no IES Daviña Rey, ás 12:00 h. no IES Río Cabe, e ás 13:25 h. no IES A Pinguela.
Todas estas actividades contan co patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.
Programa da visita da poeta támil Thamizhachi, Re-activa Galicia!
A poeta e activista india Thamizhachi está en Galiza no marco do program REACTIV_ARTE da ONGD Implicadas. Ademais de ser unha das voces máis prestixiosas da escrita poética en lingua támil, tamén é unha traballadora incansable a prol da palabra das mulleres. Podedes atopar máis información sobre a autora tanto na súa web, como na páxina web de Implicadas.
Coñecida no mundo literario como Thamizhachi Thangapandian, ten colaborado con Implicadas nos programas de cooperación ao desenvolvemento en Támil Nadu, e a súa visita a Galicia rematará o día 13 de abril cun encontro ás 19.30 na biblioteca do Ágora (A Coruña) no que a AELG colabora.
Este é o programa de actividades nas que participou e participará a escritora:
-
8 de abril ás 19:00 h. na Biblioteca Pública Central de Vigo: Encontro en colaboración co Centro de Documentación e Recursos Feministas do Concello de Vigo.
-
9 de abril ás 20:00 h. na Libraría Lila de Lilith (R/ Travesa, 7 Santiago): Encontro en colaboración coa plataforma A Sega. “A lingua e a literatura como ferramenta de empoderamento feminista”.
-
11 de abril de 16:00 a 20:00 horas, no local de Implicadas no Desenvolvemento (R/ Barcelona, 86. Vigo): Obradoiro de escrita con autoras organizado por Implicadas e Apiario.
-
12 de abril ás 20:30 h. no restaurante Da India (Rúa Puerto Rico, 2. A Coruña): Cea (aberta ao público xeral) con Thamizhachi e coas voluntarias de Implicadas.
-
13 de abril ás 10:45 h. no Teatro As Torres de Santa Cruz de Oleiros: Charla en colaboración coas Bibliotecas de Oleiros para estudantes de secundaria.
-
13 de abril ás 19:30 h. na Biblioteca do Centro Ágora (A Coruña): Encontro en colaboración coa AELG.
Ponteceso: presentación de Terra fría, de Miguel Mato Fondo
Arteixo: recital poético-musical con Maria Castelo, Mário Herrero, Verónica Martínez Delgado, Alberte Momán e Isabel Rei Samartim
Asados, Rianxo: II Torneo poesía recitada erótica Ferve a lingua
Vigo: espectáculo de poesía e música Sempre en Ibiza, con María Lado e Lucía Aldao
O
domingo 12 de abril, ás 12:00 horas, na Sala Ártika (Avenida Beiramar, 113) de Vigo, María Lado e Lucía Aldao presentan Sempre en Ibiza, un espectáculo con poesía e música que abre o ciclo de vermús do Colectivo Perverso. A entrada custa 5 euros para o público adulto.
Vigo: presentacións de Muller de papel, de Rochi Nóvoa, (No) Meio (do) Oriente, de Artur Alonso, e nova edición do Círculo Poético Aberto
O
sábado 11 de abril, ás 22:00 horas, no Café Uf Negra Sombra Blues de Vigo (Rúa do Pracer, 19), terá lugar a presentación dos libros Muller de papel, de Rochi Nóvoa, publicado por Abooks e (No) Meio (do) Oriente, de Artur Alonso Novelhe, publicado por Círculo Edições. Despois das presentacións, haberá espazo para a poesía e a música nunha nova edición do Círculo Poético Aberto, organizado por Penúltimo Acto.












