Madrid: presentación de catro poemarios da colección O Roibén

A Coruña: X Encontros con creadores, con Manuel Álvarez Torneiro e Ánxeles Penas

O martes 10 de decembro, ás 18:30 horas, no Salón de Actos da Uned de Coruña, comeza unha nova edición das Xornadas A creación literaria e os seus autores: X Encontros con creadores. A sesión inaugural contará coa presenza dos poetas Manuel Álvarez Torneiro e Ánxeles Penas. Organiza estes encontros o Centro de Formación e Recursos da Coruña, baixo a coordinación de Javier Pintor. Intervén como interlocutor na mesa de debate, Xavier Seoane. recoñecido autor galego. Este é o programa completo das xornadas: X Encontros con Escritores.
Estes encontros concíbense da maneira máis libre e aberta posible xa que o que se pretende é manter uns diálogos literarios e culturais con algúns dos autores máis relevantes do momento presente. Ademais de comentar textos, aproveitarase a cercanía dos autores para establecer vías de diálogo e pontes de debate, tanto sobre as súas obras como sobre aspectos culturais da actualidade dentro dun ambiente distendido e participativo.

Compostela: nova sesión dos Picaversos, co título Ingleses

O martes 10 de decembro, a partir das 21:00 horas, no Paraninfo da Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Ingleses, coa participación de Mariña Pérez Rei, Alexandra Lores, Gonzalo Hermo, Antía Otero, Ismael Ramos, Luís Valle, Teófila Noemí Ruiz, Alfonso Barata e Mark Wiersma.

Cork, Irlanda: conferencia de Helena González e recital de Lorena Souto

O venres 6 de decembro, a partir das 16:00 horas, no campus principal da University College de Cork (Irlanda), o Centro Irlandés de Estudos Galegos organiza unha xornada dedicada á poesía galega contemporánea escrita por mulleres. En primeiro lugar, Helena González Fernández (Centre Dona i Literatura, Universitat de Barcelona) ofrecerá un seminario de investigación titulado O territorio convulso da nación. A comunidade, o xénero e as poetas galegas. Seguidamente, Lorena Souto (Bangor University) levará a cabo unha lectura poética baixo o título de Fendas tronzando os muros da casa, que nos achegará poemas do seu libro Fase de Trema (A Coruña: Espiral Maior, 2012, Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé).