Arquivo da categoría: Poesía
Manuscritos: Silvia Penas
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Vigo: presentación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira
O martes 23 de abril (Día do Libro), ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei, s/n), preséntase o libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira, publicado en Xerais. No acto participan Abel Caballero, Isaura Abelairas, Anxo Angueira e Manuel Bragado. Alba M. Rodríguez Díaz cantará dous temas rosalianos e a poeta Luciana recitará varios poemas.
A Coruña: De nome Rosalía, recital poético e musical do Grupo Ouriol
O martes 23 de abril, ás 20:30 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar De nome Rosalía, unha homenaxe en forma de recital monográfico dedicado á súa poesía no 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos, a cargo do Grupo Ouriol (Fito Ares, Bernardo Martínez e Eva Veiga).
Ferrol: actividades destacadas do sábado 20 e domingo 21 de abril na Feira do Libro
O sábado 20 e domingo 21 de abril prosegue a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados:
Sábado 20:
– 12:30 h. Presentación do libro Enredando nos antropónimos, de Xulia Marqués, con ilustracións de Sandra García Gutiérrez, editado por Galebook. Participarán no acto as autoras.
– 18:00 h. A compañía Maquinarias Teatro representará a obra de teatro Touporroutou, adaptación da peza de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño.
– 18:00 h.: Antonio Seijas autor de Cartas de inverno. Novela gráfica, asinará exemplares na Caseta da librería Espacio Lector Nobel.
Domingo 21:
– 12:00 h. Presentación do libro de teatro infantil O mistério da escada interior, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Celsa Sánchez Vázquez, publicado por Edicións do Castro.
– 19:30 h. O escritor Xesús Bermúdez Tellado presenta o seu poemario Viaxe sen cancelas publicado pola editorial Redelibros. Ao remate do acto, o autor dos libros asinará exemplares dos mesmos.
A Coruña: recital de Manuel Forcadela e Claudio Pozzani no Ciclo Poetas Di(n)versos
O luns
22 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, co recital poético de obra propia nun man a man de Manuel Forcadela e o poeta italiano Claudio Pozzani, que introducirán elementos sonoros ou videográficos na súa actuación.
Pontevedra: Festival PontePoética, actividades do fin de semana do 20 e 21 de abril
O sábado 20 e domingo 21 de abril continuará a nova edición do Festival de Poesía PontePoética, promovido polo Concello de Pontevedra, coa colaboración do Ateneo de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa:
Sábado 20
– 18:30 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital dos poetas: María do Cebreiro, Biel Mesquida e Claudio Pozzani. Presenta: Antón Sobral.
– 20:00 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital final con todos os poetas participantes e clausura de PontePoética 3: Lino Braxe, Raquel Lanseros, Claudio Rodríguez Fer, Rosa Alice Branco, Biel Mesquida, Marta Dacosta, Roger Wolfe, Kirmen Uribe, María do Cebreiro e Claudio Pozzani. Presenta: Yolanda Castaño.
Domingo 21
– 11:00 h. Fundación Cuña-Casasbellas. Sala Versus (Rúa de Xerardo Álvarez Limeses, 12).
Obradoiro especializado de Poesía: Kirmen Uribe.
Compostela: exposición Silencios de tinta, de Baldo Ramos
Lugo: estrea do documental Uxío Novoneyra. Poeta, alén
Rosalía é Mundial
Reportaxe en Praza:
“Farväl älvar, farväl källor, farväl alla backar små. Deste xeito comeza en sueco o poema Adiós ríos, publicado no Cantares Gallegos de Rosalía. A Fundación Rosalía e a Universidade de Vigo presentaron este xoves o proxecto Rosalía é Mundial, que fai un chamamento á tradución de poemas de Cantares gallegos ás linguas do mundo para celebrar os 150 anos da publicación desta obra.
Neste momento xa se poden atopar na web do proxecto as traducións de Airiños, airiños aires e Adiós ríos, adiós fontes a 15 linguas: Catalán, Checo, Español, Eusquera, Galurés, Grego, Inglés, Italiano, Polaco, Portugués, Romanés, Sueco e Ucraíno. O chamamento está aberto até o 1 de xullo e os organizadores contan con chegar a 50 linguas.
A coordinación das traducións corre a cargo dos profesores Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo, e Malores Villanueva, da Universidade de Barcelona. Na iniciativa están participando de forma desinteresada tradutoras e profesoras de moitas universidades estranxeiras, desde Finlandia até Armenia, xunto cun numeroso grupo de exalumnos dos cursos de galego para estranxeiros da USC e da UVigo.
As traducións dos poemas estarán tamén en PDF para poderen ser baixadas por calquera usuario como se for un cartel. Na semana previa ás Letras quérese “que todo o Casco Vello de Vigo estea decorado con estes carteis-poemas, que a xente poida descolgalos e levalos, que estean en bares e comercios a disposición da xente, que a xente leve os versos de Rosalía no idioma que queira para a casa, para o traballo, etc.”. Sin ela vivir non podo, non podo vivir contenta, ou como se diría en romanés: Fără ea să trăiesc nu pot, nu pot trăi bucuroasă.”