Arquivo da categoría: Poesía
Vigo: presentación de Vinte en escena, de Rosalía Fernández Rial
O xoves 21 de febreiro, ás 20:00 horas, no café Llave de oro (Avenida das Camelias, 112) de Vigo, preséntase Vinte en escena, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Positivas. No acto participará a autora do libro.
Rianxo: actos relacionados co Día de Rosalía
Redondela: lectura pública de textos de Rosalía en Radio Redondela
“Radio Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística promoven a homenaxe a Rosalía de Castro para conmemorar o aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro, e os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. Para iso organizan a lectura pública de textos da autora durante esta semana, de 12:30 a 13:30 h. na Radio Municipal.”
Manuscritos: Antía Otero
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Todo a punto para o Día de Rosalía máis colectivo
Desde Sermos Galiza:
“Durante toda a semana mais de maneira especial nas vesperas do día, centros de ensino, concellos e asociacións conmemorarán o Día de Rosalía na que promete ser unha convocatoria multitudinaria. Así está a ser a resposta á convocatoria da AELG para que arredor da data do nacemento da escritora tivera unha especial relevancia social, de maneira singular no ensino.
Dúcias de centros educativos anotáronse xa para participar nas lecturas colectivas da obra de Rosalía nesta edición de especial relevancia ao se cumpriren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro escrito integramente en galego que marca o renacemento da nosa literatura e está considerado fundacional nas letras galegas contemporáneas. Será o venres 22 de febreiro o día lectivo elixido para que os centros de ensino inclúan na súa xornada actividades especiais como lecturas e gravacións audiovisuais, das que se fará eco a páxina web da AELG coa idea de darlle visibilidade social. Imaxinativas propostas están a chegar á asociación de centros nos que o alumnado participará de maneira especial. Ábrese con este fin a sección “Poemas soltos” onde se deitarán as gravacións en vídeo dos poemas.
Para o sábado día 23, a partir das sete da tarde, cidades, vilas e locais de asociacións e entidades serán o escenario para as lecturas de poemas de Rosalía, estendendo a conmemoración a toda a cidadanía nunha festa colectiva para honrar á poeta. A AELG elaborará un manifesto conmemorativo para estes actos cívicos. A Biblioteca do Centro Ágora na Coruña, a Libraría Couceiro en Santiago, o Marco en Vigo ou o Refectorio do Museo Provincial en Lugo, o Salón de plenos de Cangas, a Casa da Cultura de Noia ou o Café Comercial en Madrid son algúns dos lugares nos que xa se prepara o acto público do sábado ao serán. As asociacións e colectivos culturais están a ter un especial protagonismo na organización destes actos que procuran unha lectura expansiva e colectiva da obra de Rosalía por todo o país. Varios concellos sumáronse tamén á convocatoria, organizando actos institucionais na memoria da escritora.
Acto poético nacional en Bonaval
O domingo día 24, data do aniversario de nacemento de Rosalía, a AELG centrará a atención no Panteón de Galegos Ilustres, onde está soterrada a escritora. Alí hase de desenvolver un acto nacional con lectura de poemas de Cantares Gallegos, alén dunha ofrenda floral.
A AELG agarda que a cidadanía responda ao seu chamamento agasallando cun libro e unha flor na conmemoración do nacemento da escritora fundadora da literatura galega contemporánea. A Asociación Cultural Vagalumes, xunto coa Sociedade Cultural Medulio, organizan o domingo 24 ás 19:00 horas na Estrada un acto sob o rótulo de Unha escenificación dunha viaxe pola obra de Rosalía de Castro.
Recitais, poesía e música
A poesía e a música pairarán por todo o país arredor do día do nacemento da grande escritora e, desta maneira, actos conmemorativos terán lugar organizados por distintas entidades que se suman neste ano especial a festexar o aniversario do nacemento de Rosalía.
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña convoca para o venres 22 de febreiro un maratón de lectura e unha charla sobre Rosalía que comezará ás 18.00 horas.
Tamén o día 22 ás 20.00 horas, o Teatro Principal de Pontevedra abrirase para acoller os poemas de Rosalía a ritmo do rap de Aid e o blues de Sés na homenaxe que a Concellaría de Cultura da cidade lle rende á escritora, un acto literario e musical que conducirá Comba Campoy e contará coa participación das poetas Elvira Riveiro, Rosalía Fernández Rial e Marga do Val, alén do escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
O xoves 28, os Comités Abertos de Vigo preparan un recital ás 20:30 horas co apoio de Trabalingua e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.”
Taboleiro do libro galego (III), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Continúa a entrega destas listaxes dos libros galegos máis vendidos que, desde agora, recollerá quincenalmente as modificacións que se produzan en todos os xéneros, de as houber. Desde esta entrega incorpórase á listaxe a libraría moañesa «O Pontillón». Tanto a esta última como ás librarías restantes, cuxos logos se reproducen á dereita, o meu agradecemento pola súa colaboración.
NARRATIVA
1º-. O gardián invisible, de Dolores Redondo, Edicións Xerais.
2º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais de Galicia.
3º-. Viagem ao Curdistán para apanhar estrelas, de Séchu Sende, autoedición.
4º-. En vías de extinción, de María Reimóndez, Edicións Xerais.
5º-. Todo OK, de Diego Ameixeiras, Edicións Xerais.
POESÍA
1º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
2º-. Carnia haikai, de Elvira Riveiro, A. C. Caldeirón.
3º-. Cidades, de Fran Alonso, Edicións Xerais.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, Edicións Xerais
2º-. Obras completas I, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
3º-. AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, de Manuel Darriba e Daniel Salgado, 2.0 Editora.
4º-. O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
5º-. Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco, Laiovento.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Dragal III, de Helena Gallego, Xerais.
2º-. Palabras de auga, de Marcos Calveiro, Edicións Xerais.
3º-. O misterio do Faro Vello, de Fina Casalderrey, Edicións Xerais.
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
2º-. Titiricircus, de Tanxarina, Kalandraka.
3º-. O crebanoces, de María Canosa e David Pintor, Pablo Zaera editor.
BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Cartas de inverno. Novela gráfica, de Antonio Seijas e Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
3º-. Nómades, de Xosé Tomás, Galaxia.”
Vídeo da intervención de Rafa Yáñez en Poesía en galego desde Madrid
Desde o blogue Galego en Madrid:
“Rafa Yáñez Jato, un poeta novo da Terra Chá que vive en Madrid, visitounos o día 13 de decembro. Podedes ler aquí a intervención de Rafa Yáñez, os seus poemas, e lembrar o encontro tamén con estes vídeos:”
Mondoñedo: recital de poesía na Casa de Mañas
O sábado 16 de febreiro, ás 21:00 horas, terá lugar un recital de poesía na Casa de Mañas (Calvela, 1 – Vilamor) de Mondoñedo, coa participación de María Lado, Elvira Riveiro, Modesto Fraga Moure, Jose Estévez e Max Logo. Empezarase cuns pinchiños e uns viños para ir abrindo boca e seguidamente será o recital. Unha parte estará dedicada á poesía erótica á que acompañará un tango. O prezo para acudir a esta velada é de 15 euros. O aforo é limitado por unha cuestión de espazo. As persoas que estean interesadas, poderán reservar a súa entrada no teléfono 619 916 341. Os asistentes recibirán un caderno cos poemas que se lean no acto.
Gondomar: espectáculo poético-musical Tristecentos versos
O venres 15 de febreiro, ás 21:00 horas, no Nornas Hostel (Rúa da Igrexa, 15) de Gondomar, Xabier Xil, Elvira Riveiro e Silvia Penas, acompañados pola DJ Carina Posse, ofrecen o espectáculo poético-musical Tristecentos versos. O prezo da entrada é de 2 euros.