Propostas con premio: O que precede a caída é branco, de Oriana Méndez

Entrevista de Ramón Nicolás a Oriana Méndez, no seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Tras Derradeiras conversas co capitán Kraft e Cero, agora chegará este O que precede a caída é branco. Que recrea basicamente este novo libro?
– Oriana Méndez (OM): Hai un intento de cristalizar o instante previo a que algo se precipite, ese intre que algunha vez vimos pasar axiña, a que se precipite unha folga xeral, o momento anterior a ser concibida pola comunidade e é entón cando non existe posibilidade de retorno.
– RN: Alberga talvez unha modulación distinta das anteriores entregas?
– OM: Non hai unha narrativa, como quizais en Kraft, nin tampouco unha procura, como podería ser en Cero; hai este producirse o capitalismo que nos atravesa e atravesa a miña cidade, Vigo, e provoca poemas como provoca as Marchas da Dignidade. (…)”

Boca do Río, Carnota: IV Enarborar o bosque, o 7 de xuño

Debido aos fortes ventos na praia de Boca do Río, e por motivos de seguridade, trasládase o evento e a carpa ao entorno do Polideportivo de Pedrafigueira.

Este ano terá lugar o IV Enarborar o bosque que, como sabedes, organizamos o colectivo artístico Arteu e Factoría Delideas. Trátase dunha convocatoria artística para defender o noso medio natural, durante unha xornada, o 7 de xuño na praia da Boca do río en Carnota.
Este ano a loita será contra o lume nos nosos bosques, que cada ano destrúen a nosa paisaxe.
Cada artista leva os seus materiais para crear ao aire libre e o seu xantar, nunha xornada na que tamén haberá música e poesía. A convocatoria está aberta ademáis ao público xeral, todas e todos son benvidos, rapazada e adultos.
Gustaríanos contar contigo. Podes ver información sobre este e os eventos anteriores no noso blogue tamén o evento que temos creado no Facebook.

A Coruña: recital de Alfonso Pexegueiro e Ming Di no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 19 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Alfonso Pexegueiro e a poeta chinesa Ming Di. Máis información aquí: Folleto Di(n)versos maio 2014.