Piloño, Vila de Cruces: XI edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural

Desde La Voz de Galicia:
“A úndécima edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural celébrase os 12 e 13 de xullo. Así o deron a coñecer os patronos de A Solaina, Damián Payo e Armindo Salgueiro, coa presidenta Carmen Lareo ao fronte quen remarcou que se oficializou o nome da fundación como Paco Lareo-A Solaina de Piloño.
A forxa tributará homenaxe ao escritor cruceño Xosé Neira Vilas e que comezará ás 18:00 horas do venres 12 cunha benvida da presidenta e autoridades para dar paso á inauguración de dúas exposicións; unha de Ángel Utrera que se abrirá ao público baixo o título de Invisibles como nós e as Rosas brancas entre dúas lúas, de Dolores Tranché. De seguido dará comezo unha mesa redonda na que intervirán o propio Neira Vilas xunto a Xesús Alonso Montero, Valentín García, Cándido Pazó, Xosé Luna, Rosario Golmar e Xosé Luís Reimóndez. A primeira xornada da forxa proseguirá co descubrimento dun bronce coa figura de Neira Vilas, autoría de Paco Lareo, que deixou feito en vida para esta homenaxe. Interpretaranse as Muiñeiras de Neira Vilas e de A Solaina, haberá poesía de Rosalía Morlán e Loli Veloso e concertos de Mini e Mero, Manoele de Felisa, Xosé María Varela xunto á actriz Tamara Lema e Alba Costa; para rematar cun ágape agasallo de Siro. O sábado 13, á mesma hora, abrirase a forxa cun recital músico poético con intervencións de Alba Payo, Andrea Porto, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Cristina Gende, Iria Pedreira, Lucía Aldao e María Lado. O grupo de clarinetes de Lalín, os Hadhietxekos, porán as notas músicais a un día no que se lle fará entrega da medalla de Amigos de A Solaina a José Luis Ferreiro e Ana Fernández Carlín. Haberá un ágape para pechar os encontros.”

O Freixo, Outes: XI Encontro de Embarcacións Tradicionais

Desde Sermos Galiza:
“O Freixo. Un lugar onde levan máis de 200 anos a construír barcos. Chegou a ter máis de 40 estaleiros nos seus 14 quilómetros de costa. No Freixo (Outes), aínda hoxe seguen a facer barcos, aínda que fiquen xa só 3 estaleiros. Pois O Freixo (Outes) acolle do 11 ao 14 deste mes o XI Encontro de Embarcacións Tradicionais, un evento que cumpre este ano 20 anos de existencia. E xa está todo listo para gozar nese porto do marabilloso mundo da embarcación tradicional (e, tamén, a festa e da cultura)”.
Dentro do programa, que pode verse aquí, destacan as seguintes actividades literarias:

Venres 12
20:00 h. Recital de poesía no Náutico.

Sábado 13
19:00 h. Amarre das embarcacións:
Homenaxe aos carpinteiros de ribeira.
Recital de poesía mariñeira.

Santiago: presentación de Raíz da fenda, de Berta Dávila

O xoves 11 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago, preséntase o poemario Raíz de fenda, de Berta Dávila, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Marilar Aleixandre, Fran P. Lorenzo e Fran Alonso. A autora fará un agasallo a cada un dos asistentes.

Santiago: recital colectivo Ollando fóra

A Casa das Crechas (Vía Sacra, 3), en Santiago de Compostela, organiza dúas sesións de recitais Ollando fóra. Poesía galega para galeg*s de adopción, a partir das 20:00 horas.
– O martes 9 de xullo participan Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Antía Otero, Lorena Souto, Mario Regueira, Ismael Ramos, Estevo Creus e Lucía Novas.
– O mércores 10 de xullo participan, na segunda sesión, Naír García Abelleira, Chus Pato, Francisco Cortegoso, Antón Lopo, Agustín Delicias, Alicia Fernández, María do Cebreiro, Alba Cid e Andrea Nunes.

Taboleiro do libro galego (XIII), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a nova entrega da listaxe de libros en lingua galega máis vendidos na última quincena, última ata o mes de setembro. Agradezo a xenerosa colaboración destas dezasete librarías galegas para compola: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith, Livraria Suévia e Carricanta.”

NARRATIVA
1º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz, Edicións Xerais.
2º-. Faneca Brava, de Manuel Portas, Edicións Xerais.
3º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
4º-. O anxo de Eva, de Marina Mayoral, Edicións Xerais.
5º-. Winnipeg, de Hixinio Puentes, Edicións Xerais, e Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, Editorial Galaxia.

POESÍA
-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais.
2º-. Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, Edicións Xerais (edición de Fran Alonso).
3º-. Resina de poliéster, de Xabier Correa Corredoira, Baía Edicións.
4º-. Carne de Leviatán, de Chus Pato, Editorial Galaxia.

ENSAIO-TEATRO
-. A cociña dos Cunqueiro, de Elvira González-Seco Seoane, Editorial Galaxia.
2º-. Inmateriais, de Suso de Toro, Edicións Xerais.
3º-. Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, Edicións Xerais.
4º-. As lambetadas de Larpeiros, de Merchi Rodal, Editorial Galaxia.

INFANTIL-XUVENIL
-. Flor de area, de Manuel Lourenzo González, Edicións Xerais.
-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.
-. Soños de fútbol en Bangui, de Yves Pinguilly, Editorial Galaxia (tradución de María González).

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
-. Bicos de música de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. Marcopola 2, de Jacobo Fernández Serrano, Edicións Xerais.
2º-. Máis alá, Inacio / Iván Suárez, Demo Editorial.
3º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.

As Pontes: presentación de Fume de cerna, de Ofelia López

O venres 5 de xullo, ás 21:00 horas, na Casa Dopeso (Rúa Rosalía de Castro, 24) das Pontes, Ofelia López, pertencente ao grupo Alalá, presenta o seu primeiro poemario editado por Edicions Galebook Fume de cerna. No acto, xunto á autora, participa o prologuista da obra, Xulio L. Valcárcel.