Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 21 ao 25 de outubro

Deixamos aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 21 ao 25 de outubro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:

– Entrevista con Cesáreo Sánchez Iglesias arredor do Galeusca 2013.
– Premios da Crítica Galicia 2013.
– O bosque é grande e profundo de Manuel Darriba no comentario semanal de crítica literaria con Chus Nogueira.
– Entrevista con Darío Xohán Cabana, homenaxeado en Lugo pola Asociación de tradutores galegos.
– Reportaxe do Día Mundial das Bibliotecas.
– De cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI: Manuel Darriba.
– Entrevista con Antón Riveiro Coello pola presentación do novo libro Acordes náufragos.

Pontevedra: Encontro da Federación Galeusca 2013, do 25 ao 27 de outubro

Do venres 25 ao domingo 27 de outubro terá lugar o Encontro da Federación Galeusca do 2013 en Pontevedra, baixo o título A literatura infanto-xuvenil: Perspectivas de futuro e adecuación a novos formatos, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra.

O programa está formado polo seguintes actos (sublíñanse os actos abertos ao público en xeral):

Venres, 25 outubro
– 20:30 h. Recepción no Pazo Mugartegui (Praza da Pedreira).
Este acto contará coa presenza do Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e dos tres presidentes das asociacións que conforman a Federación, e que atenderán á prensa:
Cesáreo Sánchez Iglesias (AELG).
Guillem-Jordi Graells (AELC).
Ander Iturriotz (EIE).

Sábado, 26 outubro. Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11).
– De 10:00 a 12:00 h. Mesa redonda de narrativa (presenta e modera Francisco Castro).
Pere Morey (AELC), María Reimóndez (AELG), Fernando Morillo Grande (EIE).
– De 12:30 a 14:00 h. Paseo literario por Pontevedra, con Xosé Vázquez Pintor e Fina Casalderrey.
– De 16:00 a 18:00 h. Mesa redonda de poesía (presenta e modera Antía Otero).
Josep Francesc Delgado (AELC), Carlos Negro (AELG), Nicolás Zimarro Bravo (EIE).
– De 18:15 a 20:15 h. Mesa redonda de teatro e outros formatos (presenta e modera Mercedes Queixas).
Pau Marqués (AELC), Ánxeles Cuña (AELG), Alaitz Olaizola Borda (EIE).

Domingo, 27 outubro. Casa das Campás.
– De 10:30 a 12:00 h. Asemblea Federación Galeusca.
– De 12:00 a 12:30 h. Lectura de conclusións e clausura.

As asociacións de escritores en catalán, éuscaro e galego formaron a Federación Galeusca o 15 de xuño de 2008, en Poblet, coincidindo co 25 aniversario da reunión anual Galeusca creada para establecer relacións entre os creadores/as de obras literarias na tres linguas minorizadas de España. O obxectivo da súa creación é que as tres asociacións teñan un instrumento legal para a coordinación e a acción conxunta, e cinco anos despois, a Federación Galeusca converteuse nunha ferramenta que é esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas.
Actualmente a presidencia da Federación corresponde á asociación vasca, e será cedida ao remate da Asemblea da Federación ao presidente da catalá, Guillem-Jordi Graells.

Lugo: presentación de Un feixe de poesía na porta e recital de poesía e música

O sábado 26 de outubro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8), nun acto coorganizado coa Área de Cultura da Deputación, preséntase o poemario colectivo, Un feixe de poesía na porta, publicado por A porta verde do sétimo andar. No acto participan Verónica Martínez Delgado, María José Fernández, Xosé Iglesias, Alberte Momán, Adela Figueroa, Miguel Ángel Alonso Diz, Toño Núñez, Ramón González, Montse González Álvarez, Mar Romero, Lois Pérez, Ramiro Vidal Alvarinho, Inma Alonso, José Estévez, Antom Laia, Eva Xanin Navia, Natalia Alonso Ramos, Naír García Abelleira, Rochi Nóvoa e outros poetas.

Miguel Mosquera, finalista do Certame Anual de Literatura Internacional LAIA

O sábado 26 de outubro, no transcurso da Cea Anual de Agradecemento que se celebrará no Queen Museum of Art de Nova York, terá lugar a Gala de entrega de premios do Certame Anual de Literatura Internacional L. A. I. A. 2013 convocado por Latin American Intercultural Alliance. No evento o escritor ourensán Miguel Mosquera Paans recibirá o premio de finalista nesta convocatoria pola obra poética Aromas da cidade de Ourense.
Nun comunicado emitido pola Casa da Literatura Peruana en Lima o pasado 15 de outubro o autor Miguel Mosquera Paans, que ostenta outros galardóns internacionais, ven de ser nomeado finalista do Premio Internacional de Ensaio Proxecto de Lei do Escritor do Perú, obra que a proposta da Asociación de Escritores e Artistas do Orbe considerarase á hora do desenvolvemento do citado proxecto lexislativo.

Publicado o número 1 de Elipse. Revista literária galego-portuguesa

Aparece o número 1 de Elipse. Revista literária galego-portuguesa, publicada por Círculo Edições. Na secção da revista do blogue estão disponíveis as condições de colaboração com o seguinte número e a informação necessária para adquirir a revista. Aquí pode descargarse parte deste primeiro número: Elipse número 1 outubro 2013 mostra.