Penas de Rodas, Outeiro de Rei: cabodano de Manuel María, o domingo 8

O domingo 8 de setembro celébrase o Día Nacional Manuel María, organizado pola Irmandade Manuel María da Terra Chá e a A. C. Xermolos de Guitiriz. O programa de actos é o seguintes:

14:00 h. Xantar de irmandade no restaurante Río Ladra, entre Rábade e Penas de Rodas. Para reservar chamar ao teléfono 646413890 ou enviar un correo electrónico a xermolos@xermolos.org
17:30 h. Recital poético e lecturas de Manuel María en Pena de Rodas.
18:30 h. Acto de afectos e lealdade a Manuel María. Memoria e ben, no cemiterio de Outeiro de Rei. Ofrenda floral (as persoas asistentes levarán consigo unha flor). Lecturas ao Manuel.
19:30 h. Na Carballeira de Santa Isabel (devoción máxima de Manuel María), acto de entrega da Navalla de Manuel a Paco Martín. De seguido, acto musical e de irmandade fraterna no ir das voces de Mini e Mero, Miro Casabella e nos saberes compartidos de pan de Boimorto, queixo de Ulloa e Tabeirós e viño de Sober.

A Coruña: obradoiro De literatura e outras artes, impartido por Dores Tembrás

Desde o blogue de Dores Tembrás:
“Arrinca este outono, dentro do programa de lecer do Ágora, un curso que leva por título: De literatura e outras artes.
Había tempo que quería traballar neste sentido. Prestar atención ao contacto de determinadas obras da literatura universal con outras disciplinas artísticas como cine, pintura, arquitectura… Coido que dita conexión permite contextualizar a palabra e aprofundar nas características que singularizan determinados movimentos. O que me interesa é reparar nos fíos, máis ou menos explícitos, entre disciplinas.
Como dialogan a literatura e outras manifestacións da vangarda histórica? Cal é a relación entre o personaxe de Ana Karenina de Dostoievski e a protagonista da última adaptación que se levou ao cine? E entre De sobremesa e a pintura prerrafaelita? Ou entre a cerámica de Sargadelos e a obra de Luís Seoane?
Dende clásicos do século XIX, pasando pola vangarda, ata autores recén publicados, o percorrido sinalará conversas, apuntará fontes comúns e espazos transitados pola interdisciplinaridade.
O prazo de matrícula será os días: 9, 10 e 11 de setembro na conserxería do Ágora (9:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00 h.).”

Betanzos: presentación de Instantes detidos, de Santi del Moral

O xoves 5 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos de Betanzos (Rúa Santiago, 4), preséntase o poemario Instantes detidos, de Santi del Moral, publicado en Biblos Clube. No acto, xunto ao autor, participan Eduardo Estévez en compañía do chelista Juan José Díez.

Vigo: VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Unha outra literatura para un outro tempo

Do 26 de setembro ao 7 de novembro terá lugar o VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Unha outra literatura para un outro tempo, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Terá lugar a partir das 12:00 horas dos días sinalados, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución.

26 de setembro. Narrativa.
Ser ou non ser posmoderno? As oportunidades perdidas e os ciclos pechados. Con Alberto Lema e Samuel Solleiro.
Sobre a relación coa posmodernidade.

3 de outubro. Poesía.
Furia estratéxica para un tempo salvaxe? Precariedade e poesía. Con Berta Dávila e Gonzalo Hermo.
Da incidencia da situación económica e política no modo en como se concibe o discurso poético.

7 de novembro. Teatro.
Teatro impuro para tempos bastardos. Con Antía Otero e Vanesa Sotelo.
Sobre o hibridismo de linguaxes nas novas tendencias escénicas.

O adeus galego a Seamus Heaney, o irlandés con “imaxinación poética” da Fisterra

Desde Sermos Galiza:
“Nos chanzos da relación literaria entre Irlanda e Galiza, a figura de Seamus Heaney protagoniza un episodio de especial relevancia, non só pola recepción da súa obra na nosa lingua senón tamén polo propio recoñecemento que o poeta tiña do noso país, ao seu ver, a primeira terra da “imaxinación poética” de Irlanda.
Ferrín dedicoulle Estirpe, a Universidade da Coruña nomeouno Honoris Causa e Xerais inaugurara unha colección coa súa obra. O mundo da literatura galega lamenta de maneira especial a morte do escritor Seamus Heaney e, desde que a noticia se fixo pública, foron varias as mostras de pesar pola desaparición dun Premio Nobel para o que Galiza existía como nación e como universo literario. Deixouno claro cando participou no acto de nomeamento como doutor Honoris Causa da Universidade da Coruña, cando xa recibira o Nobel, nun discurso no que evocou a Fisterra como unha das palabras claves no seu imaxinario biográfico e sinalou que, desde Irlanda, “Galiza non é a fin da terra, senón o seu comezo, a primeira terra que atopamos. E Galiza é tamén, até certo punto, a primeira terra da nosa imaxinación poética”.
O libro Traballo de campo, na tradución de Vicente Araguas para a nosa lingua, ía inaugurar a colección de poesía Ablativo Absoluto de Xerais en 1996, apenas dous meses despois do acto no que Heaney recibía o Premio Nobel. O tamén escritor Manuel Outeiriño foi o encargado de verquer na nosa lingua a obra teatral A cura en Troia, apenas dous anos antes de que, no 2000 o vínculo con Galiza se estreitase ao ser investido Doutor Honoris Causa pola Coruña. No 1999, a obra de Heaney merecería un lugar destacado no volume antolóxico, Poesía irlandesa contemporánea, de Antonio de Toro Santos, profesor que impulsou o nomeamento do poeta pola Universidade da Coruña.
“Como a nosa Rosalía, Heaney foi un poeta capaz de canxar a vontade de estilo coa estirpe do xenio popular, converténdose nun heroe nacional e nun referente moral”, escribe Manuel Bragado, director de Xerais, selo que lle deu o destaque de inaugurar a súa colección poética. “Poeta da terra e da experiencia campesiña, inserido na natureza e comprometido co proceso de resistencia da súa comunidade católica no Ulster, Seamus Heaney amosa o papel cívico esencial do poeta para cada unha das súas comunidades, que é o mesmo que dicir para toda a humanidade”, sinala Bragado.”

Salvaterra: 27 Festival da Poesia da S. C. D. Condado, Desobediência

Dentro das actividades do XXVII Festival de Poesia do Condado, que se celebra en Salvaterra do Miño, organizado pola S. C. D. Condado, destacamos as seguintes actividades do sábado 31 de agosto:

18:00 h. Covas de Dona Urraca. Presentación de Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure
, publicado por Através Editora.
21:00 h. Zona das Murallas. Festival poético-musical coa participación d@s poética de Aurora Ceibe, Elvira Riveiro, Chus Pato, Celso F. Sanmartín, Nolim Gonzalez, Dores Tembrás, Afonso Pexegueiro, Márcio-André, Séchu Sende, María Rosendo e Mario Regueira.

A Insua dos Poetas dedicará a Blanco Amor a Festa da Palabra do 2014

Desde La Voz de Galicia:
“O padroado da Fundación Insua dos Poetas celebrou o 25 de agosto a súa xuntanza constitutiva, na que tamén acordou dedicarlle a vindeira Festa da Palabra a Eduardo Blanco Amor. Celebrarase o primeiro sábado de xullo do 2014 na propia Insua, na Esgueva, Madarnás, no Carballiño, onde o artista Acisclo Manzano erixirá un monumento alusivo á obra do escritor, conforme ao espírito da fundación de manter «un diálogo permanente entre literatura, artes plásticas e creación cultural coa natureza», segundo declarou onte o presidente da fundación, Luís González Tosar. Completan a directiva da entidade o vicepresidente, Domingo Manuel Calvelo Iglesias; o secretario, Xabier Castro González; e os vogais Antón Pulido, Víctor Campio Pereira, Celso Sánchez González e Antonio Piñeiro. Á xuntanza de onte tamén asistiron convidados o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, ademais dos artistas Xosé Cid, Manuel Penín, Vidal Souto, Acisclo Manzano e Nicolás González Aller.
No 2014 cúmprense 35 anos do pasamento de Blanco Amor, «unha figura un tanto desvalida, xa que non ten unha fundación ou familiares directos que velen pola súa obra e garden a súa memoria», indicou Tosar, quen tamén se felicitou de que Blanco Amor siga a ter moitos lectores, «aínda que a súa faceta poética, o seu teatro e o seu xornalismo merecen máis atención». O vindeiro 21 de marzo a Insua dos Poetas tamén celebrará os días mundiais da árbore, da auga e da poesía.”