A literatura galega ábrese paso en Bulgaria

Reportaxe de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“Cinco títulos de catro autores galegos xa están ao dispor dos lectores búlgaros na súa propia lingua. A Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, e O lapis do carpinteiro -edición xa esgotada- de Manuel Rivas, veñen de sumarse Que me queres, Amor?, do mesmo autor, a Poesía completa de Lois Pereiro e Aire negro, de Agustín Fernández Paz.
Todos eles aparecen en Small Stations Press, o selo do tradutor Jonathan Dunne, e que tamén ten versións inglesas de títulos galegos no seu catálogo. Dunne subliña a acollida que están a ter os libros, en boa medida polo interese da comunidade lectora e unha tradición de respecto polas traducións, que arranca dos anos do socialismo. «En Bulgaria están afeitos a outras culturas, a leren traducións, non representa ningún problema para eles», resume Dunne.
Ademais, Small Stations continúa co labor de difusión da literatura galega en inglés. Dunne quere poñer o foco sobre a literatura infantil e xuvenil, empezando por títulos de Fina Casalderrey, Fernández Paz, Elena Gallego e Marcos Calveiro. Tamén pretende ampliar a colección Galician Classics con Nimbos, de Díaz Castro, unha obra de Novoneyra e continuar coas traducións de Rosalía, despois do «éxito considerable» de Cantares gallegos en versión de Erín Moure.
Ademais, nas vindeiras semanas aparecerá Poesía última de amor e enfermidade, de Lois Pereiro, en edición bilingüe galego-éuscaro, preparada por Joxemari Sestorain para Cenlit-Denonartean. «Es una poesía fuerte, poderosa, dramática, muy sentida y sincera», explica o tradutor. Tamén destaca a orixinalidade da voz de Pereiro, quen nas numerosas referencias da súa poesía tamén incluía a ría do Nervión. Sestorain cita os congresos de Galeusca como exemplo do interese dos lectores en éuscaro pola literatura galega, ademais da súa condición de linguas minorizadas: «Hay un interés, que nace de una solidaridad y una simpatía, por ver qué se hace en Galicia, sus mundos y su expresión».”

Santa Comba: presentación de Alturas do Monte Pindo, de Rafael Lema

O venres 4 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Ler de Santa Comba (Rosalía de Castro, 32), preséntase o libro Alturas do Monte Pindo, de Rafael Lema, editado pola Consellería de Cultura e o Concello de Negreira, e que recibira o primeiro premio Xosé Manuel López Ardeiro.

A Coruña: presentación de Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure

A quinta feira 3 de outubro, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase Eu violei o lobo feroz, primeiro poemario de Teresa Moure, publicado en Através Editora. No acto, xunto á autora, participa Rafa Vilar.

Vigo: mesa redonda Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

O xoves 3 de outubro continúa o VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Unha outra literatura para un outro tempo, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A partir das 12:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, conversarán sobre a incidencia da situación económica e política no modo en como se concibe o discurso poético, Berta Dávila e Gonzalo Hermo, co título: Furia estratéxica para un tempo salvaxe? Precariedade e poesía.

Taboleiro do libro galego (XIV), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Retorna, tras o período estival e uns días en que esta bitácora non actualizou os seus contidos, a sección do Taboleiro do libro galego recollendo os libros máis vendidos en lingua galega na derradeira quincena do mes de setembro. O meu agradecemento, outra vez, ás librarías colaboradoras que foron nesta ocasión:  Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil,  Andel, Couceiro, Pedreira, Aira das Letras, Torga, Paz, Libros para Soñar,  Livraria Suévia, Carricanta e Biblos Libraría.”

NARRATIVA
1º-. Aquel neno, de Xosé Neira Vilas, Embora e Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
2º-. Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, Edicións Xerais.
3º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz, Edicións Xerais.
4º-. Días que non foron, de Luís Rei Núñez, Edicións Xerais.

POESÍA
1º-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais.
2º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
3º-. Carne de Leviatán, de Chus Pato, Editorial Galaxia.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Historia de Galicia,  Anselmo López Carreira, Edicións Xerais.
2º-. Historia da Literatura Galega. I, de Xosé Ramón Pena, Edicións Xerais.
3º-. Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Edicións Xerais.

INFANTIL-XUVENIL
1º-. Flor de area, de Manuel Lourenzo González, Edicións Xerais.
2º-. Verdedades, Yolanda Castaño e Xosé Tomás, Biblos.
3º-. Os Megatoxos e os templarios da luz, de Anxo Fariña, Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.
2º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
3º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.

BANDA DESEÑADA
1º-. Vida de nai, por Gemma Sesar, El Patito Editorial.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Palestina / Goražde, zona segura, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.

Betanzos: presentación de Con barqueira e remador

O mércores 2 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos de Betanzos (Rúa Santiago, 4), preséntase o libro colectivo Con barqueira e remador, coordinado e traducido por Yolanda Castaño, e publicado pola Deputación de Pontevedra. No acto, xunto á autora galega, participa Merja Virolainen.

Pontevedra: presentación de Con barqueira e remador, coordinado e traducido por Yolanda Castaño

O luns 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, ás 20:00 horas, no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra (Rúa Sarmiento, 51), preséntase o libro colectivo Con barqueira e remador, coordinado e traducido por Yolanda Castaño, e publicado pola Deputación de Pontevedra, como froito do I Obradoiro Internacional de Tradución Poética que tivo lugar no outono do ano pasado na illa de San Simón. No libro recóllense poemas de Marko Pogačar (croata), Txema Martínez (catalán), Margrét Lóa Jónsdóttir (islandés), Brane Mozetič (esloveno), Sergei Timofejev (letón de expresión rusa) e Merja Virolainen (finés), nunha edición multilingüe cos orixinais e as traducións ao galego, con limiar da propia Yolanda Castaño. A presentación incluirá algo de música e a presenza de dous dos poetas antologados: o catalán Txema Martínez e a finesa Merja Virolainen.