A Matanza, Padrón: presentación de Dezaoito

Burela: presentación de Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho

A sexta-feira 23 de novembro, ás 20:30 horas, no Salón de Conferencias de Burela (Rúa do Correo), preséntase o libro Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho, publicado polos Cadernos Q de Vian, nun acto organizado polo Colectivo Cultural Buril.

A Coruña: performance (Retro)visor, con Antía Otero e Isaac Garabatos

O xoves 22 de novembro, ás 20:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, Antía Otero e Isaac Garabatos, partindo do libro (Retro)visor, publicado pola propia Antía Otero en 2010, afrontan a escenificación dos textos partindo da hibridación da escrita cunha atmosfera sonora onde conflúen o vídeo, o Live Cinema, a instalación artística e o poema obxectual. Unha proposta metaliteraria onde o xogo temporal se desdebuxa, creando unha voz monologada que se separa da propia autoría, para facerse acción e diálogo co público. Trátase dun espectáculo creado en residencia artística en Normal. A entrada é libre até completar aforamento.

(Retro)visor, máis que poesía con Antía Otero

“Acompañada de Isaac Garabatos, a poeta e actriz Antía Otero afronta na sala Normal da Coruña a escenificación dos seus textos de 2010, cunha atmosfera sonora onde conflúen o vídeo, a instalación artística e o poema obxectual.” No programa Zig zag, da Televisión de Galicia.

Santiago: recital Picaversos, Rock and Roll

O martes 20 de novembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Rock and Roll, coa participación de Lucía Aldao, Alfonso Espiño e Luís Pardo. A entrada custa 2 euros.

Parlamento das Letras: Antonio García Teijeiro

Entrevista de Armando Requeixo a Antonio García Teijeiro no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Antonio García Teijeiro (AGT): Eu creo que lle faltan lectores/as. Custa moito que a xente lea en galego. Hai moito traballo por diante e torpedéase con demasiada frecuencia todo proxecto en galego con mentiras pensadas para deformar a realidade. Hai unha chea de discursos que dan noxo. Non sei como se pode ser tan ruín. Precisamos, coido, de máis escritores/as con “voz propia” que dean fondura á escrita. E que conste que xa hai, pero non sobran. Tamén me gustaría que se lese máis esa literatura que marca e que modifica conceptos. Que se fuxa dos clixés moi utilizados. Que se valore a LIX para facer lectores/as sólidos pensando no seu presente e no seu futuro. Todo isto non impide que crea que a nosa literatura está a atravesar unha época magnífica, pois hai variedade de temas, editoriais que arriscan, xéneros que se teñen en conta (ai, de todos os xeitos, o teatro e a poesía…!). Existe xente nova con ganas de innovar e outros que pretenden (e conseguen) fuxir do panfleto. Destaco as traducións que se están a facer doutras linguas (ademais de Galaxia e Xerais, saliento o labor de Rinoceronte), que, sen dúbida, enriquecen o noso panorama literario. Boto en falta xornais e revistas en galego que prestarían maior atención ás nosas letras e lamento e aplaudo ese esforzo que hai que facer para que subsistan os suplementos literarios en galego. O Faro da Cultura do Faro de Vigo é un exemplo de proxecto literario noso, serio e rigoroso. Onde noto un grande avance de algo que se precisaba urxentemente é no eido da crítica. Hoxe hai críticos moi preparados que permiten que teñamos referencias do que vai saíndo do prelo e fan visible unha boa parte do que se publica no noso país. Para rematar dúas cousas: a primeira, desexo unha maior atención á LIX (xa se vai conseguindo), ademais de darlle o prestixio que ten; a segunda, salientar o conxunto de blogues que existen nos que podes entrar e deixarte guiar polo que neles se di. (…)
– AR: Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AGT: Algo (ou bastante) xa o dixen noutra pregunta. Eu destacaría a normalidade literaria que comeza a haber. Saen constantemente autores e autoras con propostas interesantes. E conviven coas obras dos máis veteranos. O esforzo das editoriais é ben grande. Fan apostas nada doadas. E saen adiante. Gustaríame que a xente visitase as librarías. Que follease os nosos libros, agás excepcións, algo agochados entre o número de volumes publicados, bastantes deles sen interese ningún. Hai libreiros moi comprometidos co galego e a nosa literatura e debemos axudalos a subsistir para que non perdan o ánimo. Merquemos máis libros en galego, borremos os prexuízos e complexos e fagamos da nosa literatura algo que a permita seguir medrando en todos os sentidos. (…)”.

Donas, Gondomar: Opera aperta, con Julián Hernández e Manuel Romón

O sábado 17 de novembro, ás 22:30 horas, na Casa da Lectura de Donas, Gondomar, Espazo Lectura celebra unha nova edición das Noites Golfas, onde o músico Julián Hernández e o poeta Manuel Romón realizarán un recital performativo, baixo o nome de Opera aperta, construído a base de combinar a palabra, a música e os silencios, establecendo un diálogo contemporáneo entre a palabra e a música.

Entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns

O sábado 17 de novembro, ás 19:30 horas, na Escola de Guillufe (Gondomar), terá lugar o acto de entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns á gañadora desta edición Conchita Álvarez Lebredo, consistente en 3000 € en efectivo, unha escultura creada para este certame polo artista Fino Lorenzo e a publicación do libro, Distancias e Simetrías, que se presentará neste acto. A escritora e xornalista Araceli Gonda será a encargada de dirixir a velada.
A banda de gaitas Balcón do Miñor abrirá o evento ao son da música tradicional. Posteriormente o público poderá gozar coa estrea de Os polos de Rianxo, unha dramatización do conto de Victoriano Taibo, a cargo de Bertorella, un novo grupo de afeccionados ás táboas que farán o seu debut nesta cerimonia. A continuación Marta Dacosta fará un breve panexírico do persoeiro que dá nome ao premio e lerá a acta do xurado como preámbulo da entrega dos premios do certame a Álvarez Lebredo. Momento no que Urbano Esmerode, presidente da ELM, dirixirá unha palabras á gañadora e asistentes. Soño de Calíope, o afamado proxecto musical creado polo mestre e artista natural de Morgadáns, José P. Pérez, que promove novos valores da canción galega, pechará a gala cultural. Finalmente Carlos Méixome director do Instituto de Estudos porá broche oficial á V edición dos premios. Un albaroque animado polas gaitas do Balcón do Miñor permitirá aos asistentes, entre viños e petiscos dialogar con Conchita Álvarez Lebredo e os artistas convidados. Como é tradicional nas cerimonias de entrega do Premio de Poesía Victoriano Taibo, a entrada é de balde.

Santiago: VII Encontro de Escritoras/es Novas/os: Da palabra á acción, o sábado 24 de novembro

O sábado 24 de novembro, no Auditorio da Cidade da Cultura, e con entrada de balde até completar aforo, celébrase o VII Encontro de Escritoras/es Novas/os, baixo o lema Da palabra á acción, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a Fundación Cidade da Cultura.
Pódese acceder aquí ao blog do Encontro, e aquí á sección Palabra Audiovisual, na que están os vídeos achegados por diversos creadores/as.
Este ano, o formato consiste na organización de grupos de traballo sitos en diferentes cidades galegas -formados por escritoras e escritores novas/os e creadores doutras disciplinas como poden ser a danza, as artes plásticas ou a música-, grupos que na actualidade xa están inmersos nun proceso de creación desenvolvido ao longo dos últimos meses, e que rematará o día da celebración do Encontro, cando teñan a oportunidade de mostraren as súas propostas creativas e falárennos de como as desenvolveron.
Con esta iniciativa, o VII Encontro de Escritoras/es Novas/os tratará de ser unha pequena plataforma dende a que mostrar ao vivo os diferentes xeitos de creación dun espectáculo escénico interdisciplinar, partindo das orixes ata a presentación ante o público e tendo como punto de partida o texto e a palabra. Unha oportunidade de achegarnos aos procesos de creación colectiva, rachando a soidade á que normalmente estamos acostumados e debatendo sobre eles, non só dende unha visión teórica senón tamén práctica.

PROGRAMA

MAÑÁ

10:00 h. Chegada e presentación.
10:30 h. Mostra do traballo grupo 1: Bingo-me, se teño sorte.
Sinopse: Caixas de zapatos. Stop. O azar xógase en cada número. Stop. Neve, serra eléctrica ou cafeteira. Non se sabe. Stop.
Integran o grupo:
* María Rosendo é feminista, taberneira e poeta. De corpo Nómade, na actualidade vai migrando polos equinocios na cidade de Compostela. Sabe que na forza das mulleres está o camiño da emancipación.
* Roberto Casteleiro é educador social, músico, e dalle con contar algunha cousa nos seguintes proxectos musicais: Koroiev, Fagot y Popota, Korokati, Primrose e Federico Testa.
* Borja Fernández é actor e frontman no grupo de rock absurdo ES UN ÁRBOL. Colabora habitualmente con colectivos de artes escénicas coma Voadora, Chévere, Orquesta Metamovida, Pistacatro, Pt. Excéntricas, entre outros.
11:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: María Rosendo, Roberto Casteleiro e Borja Fernández.
12:00 h. Pausa/café.
12:30 h. Mostra do traballo grupo 2: Escola do Resentimento.
Sinopse: Poesía, música e danza fúndense nun devir espontáneo e natural sobre a construcción dun espazo imaxinario froito da investigación nos ámbitos da fala, o son e o movimento corporal a partir dos textos de poemario CRAC (Gonzalo Hermo, 2012). O resultado é unha combinación das especialidades de cada un dos integrantes do proxecto. Mais non todo é o que parece…
Integran o grupo:
* Gonzalo Hermo é licenciado en Filoloxía Galega pola USC e actualmente traballa no Instituto da Lingua Galega. Os seus textos viron a luz en Revista das Letras, Andar21 ou Dorna. En 2010 gaña o 1º premio na modalidade de poesía do certame Xuventude Crea co poemario Crac editado por Barbantesa. É membro das Redes Escarlata.
* Begoña Cuquejo é licenciada en psicoloxía e fórmase en danza contemporánea, butoh e creación escénica. Funda trasPediante e dirixe o Festival de danza e artes do corpo de rúa en Ourense, corpo(a)terra. Premio injuve por Habelas 2010, traballa noutras producións como trans-hito, nin1mm, Baleadas, planificar a caída. Foi directiva de Danesga no 2008 e 2009.
* Ariel Ninas é un artista sonoro que traballa entre a música tradicional e a vangarda experimental, principalmente coa zanfona onde toca na OMEGA, Ulobit ou Aia. Desenvolve a súa actividade profesional na producción e comunicación con aCentral Folque. No seu último proxecto en solitario desenvolve o concepto de Música para peto para instrumentos miúdos.
13:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: Gonzalo Hermo, Begoña Cuquejo e Ariel Ninas.

TARDE

16:30 h. Mostra do traballo grupo 3: Medo.
Sinopse: Medo non se trata dun espectáculo baseado no terror senón na experimentación artística sobre o concepto do medo e da fobia. Trátase dunha mostra en imaxe, música e palabra na que tres artistas de diferentes campos exploran o medo tanto dende o punto de vista íntimo como dende o plano máis social do concepto (as fobias).
Integran o grupo:
* Daniel Landesa é licenciado en filoloxía galega para desgracia da súa conta corrente e orgullo da parede onde seus país colgaron a orla. Creativo, enquisador, comercial de desparafusadores, bolseiro, desempregado, xefe de comunicación, amo de casa, docente, chaqueta vermella en elcorteingles, adestrador deportivo, conferenciante, borracho gracioso ou pai de familia son parte do seu currículo profesional ademáis de narrador, escritor con vocación poética e membro de Poetas da Hostia.
* Andrea Costas é mestra e na súa labor creativa emprega linguaxes como instalación, vídeo ou performance, e fotografía. As súas pezas foron mostradas en varias exposicións e a súa obra premiada en certames como Novos Valores (2001), Injuve (2002), Artes Plásticas Ourense (2007). Aparte dos libros de fotografía Formas de Ser (CEF, 2002) e Persoal e transferible (CEF, 2006), é co-autora xunto a Yolanda Castaño do libro Cociñando ao pé da letra (Galaxia, 2011).
* mdmme é músico dende os quince anos e na actualidade compaxina a súa actividade performática con varias liñas de investigación relacionadas co son, espazo público, arte e medio rural e o labor docente dende o ano 2000 no proxecto pedagóxico Orquesta 3xploratoria. É coordinador do espazo Alg-a Lab e director do programa de investigación sobre arte e medio rural Verbenas Periféricas.
17:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: Daniel Landesa, Andrea Costas e mdmme.
18:30 h. Palabra e movemento: o espello da imaxe.- Mostra de videopoemas, pezas de videoarte e videodanza.

Vilaboa, Culleredo: presentación de A noiva e o navio, de Susana Arins e Mordida, de Eugénio Outeiro

A sexta feira 16 de novembro, ás 19:30 horas, no Pazo de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), preséntanse as obras A noiva e o navio, de Susana Sánchez Arins, e Mordida, de Eugénio Outeiro, publicadas por Através Editora. No acto participa tamén Mário Herrero.