Santiago: presentación de Crac, de Gonzalo Hermo

O mércores 18 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase Crac, de Gonzalo Hermo, publicado por Barbantesa. No acto participarán Chus Pato, Oriana Méndez, Fran Cortegoso, Alicia Fernández (que recitará poemas do libro) e o propio autor.

Lugo: recital-presentación de O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, de Elías Knörr

O martes 17 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, terá lugar a presentación de O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, de Elías Knörr, publicado en Barbantesa. No acto terá lugar un recital poético do propio autor. Entrevista posterior en El Progreso.

Santiago: presentación de Na véspera do silencio, de Soledad Pite

O martes 17 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do poemario Na véspera do silencio, de Soledad Pite. O acto estará presentado por Luís Cochón e Luís Alonso Girgado.

Vigo: nova edición de A hostia en verso

O sábado 14 de xaneiro, ás 22:00 horas, no Bar Hipólito (Avenida de Castrelos, 26) de Vigo, terá lugar unha nova velada poética de A hostia en verso, que nesta ocasión enfrontará a Aliens Vs. Predators. Da man das poetas presentadoras da gala María Lado e Lucía Aldao os asistentes poderán decidir cal das dúas bestas primixéneas será a que poña fin a este mundo. Para a defensa de cada bando contarase coas poetas: Ledicia Costas, Nolim González, Edu Estévez, María N. Soutelo, O Leo de Matamá e Daniel Landesa. Coa actuación musical de Mig Seoane.

Publicado o nº 1 da Revista de Poesía

Desde Poesía galega:
“Publicamos hoxe o número 1 da Revista de Poesía, un proxecto semestral do Grupo Alea de Análise Poética dirixido a investigadores/as e público en xeral que inclúe artigos, entrevistas, reseñas e traducións sobre poesía galega e internacional. Poesiagalega.org pon hoxe a disposición do público o primeiro número pechado da súa Revista de Poesía, cuxo comité de redacción está formado por Margarita García Candeira, María López Sández, Montse Pena Presas e María do Cebreiro Rábade Villar. A saída de cada número da Revista de Poesía ten un dobre carácter: líquido (iremos publicando na páxina web os artigos do número seguinte na medida en que os vaiamos recibindo) e sólido (semestralmente, en maio e novembro, pecharemos e maquetaremos cada número nun arquivo conxunto). Actualmente ofrecemos xa material do número 2, onde potenciamos a revista con seccións novas e máis colaboracións abrindo unha vía cara aos contidos gráficos e a poesía visual. O enderezo de contacto para enviar textos é gaapsdc@gmail.com e podedes consultar aquí as normas de publicación.”

Lugo: presentación de Muller pra lonxe, de Uxío Novoneyra

O martes 10 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Salón da Deputación de Lugo, preséntase Muller pra lonxe, de Uxío Novoneyra, unha reedición do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo. No acto participan Luís Cochón, Claudio Rodríguez Fer e Isidro Novo.
Crónica posterior en El Progreso.

Santiago: presentación de O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, de Elías Portela

O mércores 11 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, de Elías Knörr, publicado en Barbantesa. No acto terá lugar un recital do propio autor.

As escollas electivas, novo blog sobre poetas contemporáneos en lingua galega

“Benvidos ao caderno As escollas electivas, espazo onde se ligan os poetas contemporáneos en lingua galega.
Criterios para participar deste espazo.
– Os poetas para seren incluídos terán:
– Que ser proposto/a por outro/a poeta.
– Escribir poesía en lingua galega, independientemente do lugar de residencia ou da nacionalidade.
– Nomear alomenos a outro/a poeta, ata un máximo de vinte.
Cada poeta achegará:
– Bio-bibliografía.
– 1 fotografía.
– Nomeado/a por…
– Mencionar a (máximo 10 nomes de poetas vivos en lingua galega).
– Poética (espazo libre no que expresar a túa reflexión en canto á poesía).
– Enderezos electrónicos do autor (caderno, web, facebook, twitter, tuenti…)
– Selección de poemas. Máximo 1.000 palabras. Pode estar publicado ou ser inédito.
Enviarase ao enderezo: asescollaselectivas@gmail.com
O material achegarase en formato .odt, .doc ou .docx.
A imaxe en formato .jpg.
Dito material será achegado polo interesado persoalmente. Non se admiten envíos de terceiras persoas.”