Vigo: recital-conferencia Itinerario poético pola defensa do idioma, por Carlos Callón

O xoves 12 de maio, ás 20:00 horas, no local da Mesa pola Normalización Lingüística en Vigo (Rúa Abeleira Menéndez, 28, baixo), terá lugar un Itinerario poético pola defensa do idioma, a cargo do seu presidente, Carlos Callón. No recital-conferencia, organizado en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, farase un percurso pola historia contemporánea da lingua galega partindo de textos poéticos que a reivindican, desde os albores do Rexurdimento até os versos máis actuais das novas fornadas creativas. Segundo o autor, “nos poemas que se abordarán no evento de hoxe, poderemos constatar a forza destes creadores e creadoras para que a lingua galega sobreviva e se revitalice; en fin, a forza dun pobo que quere existir, que se nega a ser asimilado”.

Vigo: presentación de O meu gato é un poeta, de Fran Alonso e Xurxo Souto

O venres 13 de maio, ás 18:30 horas, Fran Alonso e Xurxo Souto presentan na Librería Libros para Soñar na (Rúa Triunfo, 1) de Vigo o espectáculo poético musical O meu gato é un poeta, dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos e tamén, por suposto, a adultos. Durante a sesión, a poesía convertirase en maxia, música e en xogo, e soará o acordeón. O espectáculo está baseado no libro dos autores publicado en Xerais.

Lugo: presentación de Lois Pereiro. O negro leite da aurora

O venres 13 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4), preséntase o libro Lois Pereiro. O negro leite da aurora, de José Luís Calvo e Carlos Gegúndez, publicado en Toxosoutos. Tras a presentación terá lugar un recital por parte dos poetas colaboradores no volume.

Chapela: Encontro poético no Edificio Multiusos

O venres 13 de maio ás 19:30 horas, no Multiusos de Chapela ( Redondela), celébrase o Encontro Poético na Biblioteca da Chapela, no que recitarán Belém Andrade, Concha Rousia, Asun Arias, Carlos Rafael, Carmeliña Garcia, Rosa Garcia e Nolim González.

Lalín: actividades do xoves 12 de maio na Feira do Libro

Ábrese a Feira do Libro de Lalín (na Praza da Igrexa) con horarios de 10:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. Das actividades do xoves 12 destacamos as seguintes:
11:30 h. Participación na feira do libro da escritora Tere Fernández, autora dos libros A funámbula e Viaxe a Terranova, publicados por Edicións A Nosa Terra.
19:00 h. O escritor Xosé Neira Vilas asinará exemplares dos seus libros.
20:00 h. Pregón a cargo da escritora Yolanda Castaño. Ao remate do acto, a escritora asinará exemplares dos seus libros.

A Coruña: Gala homenaxe a Lois Pereiro, con poesía e música

O mércores 11 de maio, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, terá lugar unha Gala homenaxe a Lois Pereiro, composta por un recital poético de compañeiros de Lois Pereiro no grupo De Amor e Desamor e un concerto de Manu Clavijo versionando obras do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.