Rianxo: recital-performance de Elías Portela

O xoves 25 de outubro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal de Rianxo, o poeta Elías Portela realizará un recital-performance baseado no seu último libro publicado en galego, O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, publicado en Barbantesa. A entrada será de balde.

Santiago: recital Picaversos, Da casa

O martes 23 de outubro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Da casa, coa participación de María do Cebreiro, Elías Knörr e Iolanda Zúñiga. A entrada custa 2 euros.

Tres mulleres á fronte das ágoras poéticas

“(…) As segundas feiras -día pouco frecuentado na programación cultural- e unha por mes, Poetas di(n)versos convoca o público para vivir a poesía e partillar do diálogo que se estabelece entre os nomes máis destacados da literatura galega para partillar cos de diversos países do mundo. “O interesante é ese encontro. Ás veces a sesión achéganos a poéticas semellantes, ás veces é o contraste o que os pon en relación”, explica Yolanda Castaño, dunhas sesións en que as persoas convidadas de fóra asisten á lectura da súa obra traducida ao galego.
O formato de Picaversos é distinto. A ágora non se atopa nun auditorio, senón nun ámbito máis informal, nun dos locais nocturnos de máis historia de Compostela, o Modus Vivendi da zona vella. Pola cidade, como pola Coruña, hai cartaces pendurados aínda anunciando a segunda edición que vén de comezar. Un paxariño de papiroflexia, deseño de Marcos Vigo, identifica o ciclo xestionado por Branca Novoneyra e Olalla Cociña, dúas poetas que viven na cidade e buscaron na noite un espazo e un tempo alternativo para compartir poesía. Nos Picaversos cada quince días, por volta das 21 horas, danse cita no Modus para escoitaren tres persoas convidadas que comparten os seus poemas preferidos. Veñen do mundo da literatura, mais tamén da música, do teatro, da maxia ou de oficios varios, e xúntanse arredor dun mesmo lema. “Naceu pola ansia de facer algo novo, autoxestionado, ocupando un espazo distinto diante dunha programación tristeira” explica Branca Novoneyra. Contan tamén coa boa resposta do público que enche o local en cada sesión, partillando con Branca e Olalla a vontade de seren partícipes do pracer de ler e escoitar a lectura. A música tende a agromar tamén nas sesións de Picaversos. “Pretende facer visible a poesía fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público”, explican. No horizonte prometen novos proxectos de difusión poética, entre outros, a Compostelá, unha iniciativa pola que entran na rede de a Parisiense e A Porteña de difundir os versos na rúa a través de carteis. (…)” Desde Sermos Galiza.

Convite a participar na mesa redonda Cercando as ondas, no Obradoiro Internacional Con barqueira e remador, o martes 30 de outubro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convida a participar nunha actividade na que colabora e que se enmarca no amplo programa do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador.
Presentamos unha mesa redonda con título Cercando as ondas. Que significa ser poeta en … (Finlandia, Cataluña, Croacia, Islandia, Eslovenia, Letonia e Galiza), a celebrar o martes 30 de outubro no Pazo de Mugartegui (Praza da Pedreira, Pontevedra) ás 19:30 horas, como foro aberto dirixido a todos os escritores/as, docentes de literatura, editores/as, tradutores/as e persoas interesadas na escrita poética do noso e doutros territorios.
Para iso contaremos coa presenza de sete poetas de recoñecido prestixio en lingua finesa, croata, rusa, catalá, islandesa, eslovena e galega -cuxas biografías podedes consultar no documento anexo-, e así achegarnos á realidade poética e autorial desoutros sistemas literarios, e tamén para que os e as convidadas teñan a ocasión de coñeceren máis de perto o tecido cultural do noso país e tomar contacto cos nosos públicos.
Para facilitarmos a organización do evento, de carácter aberto, agradecemos que nos confirmes a túa asistencia antes do 29 de outubro nos contactos habituais da nosa oficina técnica:
– Teléfonos: 981 133 233 e/ou 696 581 971.
– Correo electrónico: oficina@aelg.org.

Illa de San Simón: Con barqueira e remador, obradoiro internacional de tradución poética, do 29 de outubro ao 3 de novembro

Do luns 29 de outubro ao sábado 3 de novembro, na Illa de San Simón, terá lugar o obradoiro internacional de tradución poética Con barqueira e remador, promovido pola Consellería de Cultura e Educación, en colaboración coa institución británica Literature across frontiers, e coordinado por Yolanda Castaño.
Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia concibida a semellanza doutros proxectos de tradución de grandes literaturas que se levan a cabo en países europeos. Ao longo desa semana, os e as participantes convivirán e traballarán para trasladar os seus textos, de ata sete páxinas por autor, a cada unha das linguas representadas neles mesmos. Os participantes, Brane Mozetič (esloveno), Margrét Lóa Jónsdóttir (islandés), Txema Martínez (catalán), Marko Pogačar (croata), Sergej Timofejev (ruso), Merja Virolainen (finés) e Yolanda Castaño (galego), cumpren o dobre perfil de seren poetas de recoñecida traxectoria no marco do seu respectivo sistema literario e, asemade, posuíren experiencias no eido da tradución. Mediante lecturas en voz alta, postas en común, debates grupais ou diálogos por parellas, os autores e autoras puirán, perfilarán e rematarán os bosquexos de traducións que os e as poetas traian a Galicia. Tras este traballo inicial, o compromiso finalizará unha vez de volta nos seus países de orixe, onde rematarán os seus traballos antes de darllos a coñecer ao público lector.
Os seráns de seis días de convivencia e traballo encheranse cunha serie de actividades que lles permitirán aos participantes coñecer máis de preto o tecido cultural do país. A mesa redonda Cercando as ondas. Que significa ser poeta en… (Finlandia, Croacia, Cataluña, Letonia, Eslovenia e Islandia) será a primeira delas e terá lugar o martes 30 de outubro, ás 19:30 horas no Pazo de Mugartegui, en Pontevedra. A acción, amais de co apoio da Xunta de Galicia, conta coa colaboración da AELG e do Concello de Pontevedra.
Dous recitais poéticos multilingües que levan por título Atendendo ao meu amigo serán a mellor mostra do traballo poético dos autores e das autoras. Un deles terá lugar o mércores 31 de outubro, ás 19:30 horas, no Museo do Mar de Vigo. O outro, o venres 2 ás 20:00 horas no Auditorio Multiúsos da Xunqueira, en Redondela, en colaboración co Concello.
O programa complétase con Non morrerán fremosos. Un paseo polo Vigo de onte, unha ruta literaria polo Vigo histórico que arrancará no número 1 da rúa Urzáiz o xoves 1 de novembro, ás 17:30 horas, cunha duración de hora e media. Achegaralles aos participantes anécdotas e fitos relacionados con autores e autoras locais e universais, en colaboración coa Fundación Carlos Casares.
Todas as actividades do programa son gratuítas e abertas ao público en xeral.

Rosa Enríquez: “Non hai mudanza política sen saír do patriarcado”

Entrevista a Rosa Enríquez en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): Toda a túa obra ten que ver coa deshumanización, a violencia estrutural, a insolidariedade… E a desobediencia contra elas. Atlas de Chaguán vai nesa mesma liña, non si?
– Rosa Enríquez (RE): Si, pero este libro é máis completo, porque nel conflúen moitas cuestións distintas: o patriarcado na política, na economía, na cultura, coa violencia que iso implica. En Desobediencia a crítica centrábase na cultura patriarcal que fai da literatura, por exemplo, un produto de mercado, un xeito de exhibición dos egos. Entón pásase do pracer da arte ao consumo de arte. O resultado acabará sendo unha literatura líquida, con pouco peso. E non falo só da literatura galega, senón de todas. Atlas de Chaguán abrangue máis cousas, é máis fondo que Desobediencia. (…)
– D: Ademais de Bataille, están presentes no libro moitos máis autores. Como Uxío Novoneyra.
– RE: Hai referencias a Uxío, si, que o considero como un bardo: a súa poesía é música. Un bardo rexio, forte, e ao mesmo tempo feble, que sofre. Tamén Zygmunt Bauman coa súa idea da sociedade líquida. Porque na nosa sociedade todo se volve obxecto de consumo: as persoas, o sexo, a literatura, o amor, a amizade… Cando falo de ir emplumada tamén hai unha referencia á literatura española medieval, que me gusta moito. Cando unha muller era acusada de bruxa, ou de puta, emplumábana para marcala socialmente, para avergoñala. Por iso digo que a Baby a “emplumarán” polas cousas que di. (…)”.

Tres trabes máis no universo Manuel María

Onde atoparmos o resplandor total/ capaz de iluminar, dunha vez/ e para sempre, a noite escura?. Os lonxes do solpor pecha a obra poética de Manuel María. Trátase do que se considera o derradeiro título de poesía para o que el propio lle tiña encargado o prólogo a Miguel Anxo Fernán Vello. A Fundación que leva o seu nome publícao agora canda o CD Andando a Terra, Uxía canta a Manuel María máis o DVD De amor e cantería, un documental que nos achega de forma poética a súa casa.
O encontro foi feliz e a voz de Uxía deu un novo traballo musical arredor da obra de Manuel María, sen dúbida, o poeta máis cantado das nosas letras. Desa tradición de cancións, Uxía bota man de dúas, O Carro que compuxo Mero para Fuxan os Ventos e Manual do Señorito, que soara na voz de María Manuela para completar un traballo en que o groso son composicións novas para as que Uxía contou con Sérgio Tannus. “Manuel María é o gozo de vivir, e eu fixen un pacto con el para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser pó, seixo ou silveira”, comenta Uxía. Coa presentación do 16 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea anúnciase xa unha xira que levará a Uxía por distintas cidades e vilas, para cantar a Manuel María, cun espectáculo en que, ademais das cancións do novo traballo, haberá a presentación dunha figura local da cultura e a proxección do documental De amor e cantería, a terceira trabe que amplía o universo Manuel María. (…)”. Desde Sermos Galiza.

Rianxo: obradoiro Divorciando a Poesía, por Elías Portela, os 19 e 20 de outubro

O poeta Elías Portela desenvolverá en Rianxo o obradoiro Divorciando a Poesía. O obradoiro desenvolverase o venres 19 de outubro (de 20:00 a 21:30 h.) e o sábado 20 (de 12:00 a 13:00 h.) na Biblioteca Municipal de Rianxo, e será de asistencia libre e gratuíta, previa inscrición enviando un correo electrónico antes do día 19 ao enderezo cultura@concelloderianxo.es, indicando nome e apelidos e co asunto Obradoiro de Elías Portela.

Santiago: presentación-exposición Linde, sobre Cristal escuro, de Branca Novoneyra

A instalación sonora Linde, que presenta e dá corpo ao novo poemario de Branca Novoneyra, Cristal escuro, abrirase ao público o xoves 18 de outubro a partir das 20:30 horas na Galería SQC (Pérez Constanti, 12, baixo) de Santiago de Compostela. O espazo sonoro foi preparado por Branca Novoneyra e Mónica de Nut e o visual por Jesús Andrés Tejada.