“O Salón de Actos da Biblioteca Ánxel Casal de Compostela (Xoán XXIII) acolle até o 31 de xaneiro a exposición Os ollos das palabras, onde se recollen os libros de artista de Baldo Ramos. Poeta e artista plástico, a súa obra esculca fundamentalmente nos espazos que comparten a poesía e a pintura. Como artista, utiliza o soporte papel para expor o diálogo entre a imaxe e a palabra, creando obras de arte nas que o texto se converte nun elemento pictórico máis, sen importar o seu contido, só a súa función visual no conxunto da obra. Ten editado varios libros de artista, como Raíz do voo , As follas da memoria , Ut pictura poesis, Signos de cinza ou Branco sobre negro“. Vía Galicia Hoxe.
Arquivo da categoría: Poesía
A Coruña: Ciclo Poetas di(n)versos, recital de Xavier Seoane e Rosa Alice Branco
O luns
17 de xaneiro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, prosegue o ciclo Poetas Di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño, e organizado pola Concellaría de Cultura da Coruña, iniciativa que ten como obxectivo centrarse en achegar a poesía ao público en xeral amosando outra forma de disfrutar a poesía dun xeito case escénico, constituindo o único ciclo estable de lecturas poéticas públicas contando con autores/as de dentro e fóra de Galicia, unha oportunidade única de degustar a poesía producida hoxe en castelán, catalán, éuscaro ou portugués na voz dos propios creadores/as. Os protagonistas do recital deste día son:
– Xavier Seoane (A Coruña, 1954). Dende 1975 ven desenvolvendo a súa actividade nos terreos da creación literaria, da arte e na animación cultural. Así, organiza conferencias e debates, coordina premios ou participa en cursos literarios. Impulsor de innúmeros proxectos de dinamización cultural no noso país, ten comisariado dende exposicións ata libros colectivos, e desenvolveu tanto proxectos videográficos ou mostras de poesía visual como colaboracións escritas en multitude de publicacións periódicas, catálogos de arte, obras colectivas e antoloxías dentro e fóra de Galicia. Poeta con obra traducida a varios idiomas e tamén conferenciante, ten publicado igualmente libros de aforismos, de ensaio, compilacións de textos, novelas, estudos sobre multitude de artistas galegos, reflexións teórico-críticas sobre arte ou escrita, ou obras dirixidas a público infanto-xuvenil.
– Rosa Alice Branco (Aveiro, 1950). Doutora en Filosofía Contemporánea -nas áreas de Filosofía e Psicoloxía da Percepción- pola Universidade Nova de Lisboa. Actualmente ensina Teoría da Percepción na Escola Superior de Artes e Design do Porto (en Matosinhos), mentres dirixe a revista “logovemos” (on line) e fai parte da Unidade de investigación en Design, Media e Cultura (ID+). Ademais diso, ten xestionado publicacións, coloquios e Encontros Internacionais de Poesía. Autora tamén de libros de ensaio, artigos en revistas especializadas e textos traducidos a outras linguas, Rosa Alice Branco participou en encontros e festivais de poesía de todo o mundo e ten libros de poemas publicados no Brasil, Suíza, Luxemburgo, Canadá, Tunicia, Venezuela ou Córcega.
Pódese descargar máis información neste ficheiro en .pdf: Programa Ciclo DinVersos xaneiro 2011.
A Nosa Terra: “Biblioteca da poesía 2000-2010”
Lois Pereiro: “O poeta contra o abismo”
(El País)
Pontevedra: presentación de Pel con pel
O luns 17 de xaneiro, ás 17:30 h., na Fundación Caixa Galicia de Pontevedra, preséntase o libro Pel con pel, publicado por Galaxia. No acto participan Ledicia Costas, Marta Dacosta e Francisco Castro.
A Coruña: Opera Aperta (en parte) volume I, con Manuel M. Romón e Julián Hernández
O domingo 16 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco s/n.) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar Opera Aperta (en parte) volume I, “recital performativo, celebración da palabra, do silencio, da música e do silencio; un diálogo entre a palabra e a música, onde a música ten, significativamente, a primeira e a última palabra; duelo irónico entre os diversos textos que le Manuel M. Romón e os diferentes instrumentos que toca Julián Hernández.
Cangas: presentación do libro Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez
O domingo 16 de xaneiro, a partir das 18:00 h., no Auditorio Municipal de Cangas (Sala de Exposicións), preséntase o libro Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez, publicado en Ir Indo. Posteriormente, haberá un recital poético a cargo da propia autora, acompañada á guitarra por Estela Martínez Martínez e Alejandro Lorenzo Díaz.
Vigo: nova edición do Círculo Poético Aberto, do grupo Penúltimo Acto
O sábado 15 de xaneiro, a partir das 21:00 h., no Café Uf “Negra Sombra” (rúa Pracer, 19) de Vigo, haberá un recital promovido polo Grupo de Acción Poética Penúltimo Acto, no que participarán, ademais dos membros deste colectivo, Iria Bragado, Belém Grandal, Dara Escribano e Simón Cabo.
A Coruña: presentación de A voz da auga, de María do Carme Kruckenberg
O venres 14 de xaneiro, a partir das 19:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24) da Coruña, preséntase o poemario A voz da auga, de María do Carme Kruckenberg, publicado por Edicións Barbantesa. No acto, presentado por María Pilar García Negro, a autora recitará algúns dos seus poemas.
A Coruña: recital poético Música e poesia, no C. S. Gomes Gaioso
O venres 14 de xaneiro, a partir das 21:00 h., no C. S. Gomes Gaioso (R. Marconi, 9, baixo) da Coruña, terá lugar un recital poético, baixo o título Música e poesia, coa participación de Iolanda Aldrei, Begoña Paz, Belém Grandal, Rosa Enríquez e María N. Soutelo.