Santiago: presentación de Bater de sombras, de Francisco Fernández Naval

O martes 23 de novembro, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, preséntase Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval, gañador do X Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, publicado en Espiral Maior. No acto, acompañando ao autor, participan Miguel Anxo Fernán-Vello e Cesáreo Sánchez Iglesias, ambos os dous membros do xuri.

Moaña: exposición e recital de Pel con pel

O sábado 20 de novembro, ás 12:00 h., no Concello de Moaña (Rúa das Barxas, nº 2), comeza a exposición do II Concurso de fotografía Lactación Materna 2010, organizado por Fedegalma e a Editorial Galaxia, acompañadas por textos literarios, recollido no libro Pel con pel. No acto participan Marta Dacosta, Ledicia Costas e Eduardo Estévez.

Maside: nomeamento de Víctor Campio Pereira como fillo predilecto e de Francisco Luís Bernárdez como fillo adoptivo de Maside

O sábado 20 de novembro, na Casa da Cultura de Maside, terá lugar o nomeamento de Víctor Campio Pereira como fillo predilecto e de Francisco Luís Bernárdez como fillo adoptivo de Maside. O programa do acto (que se pode descargar aquí en formato .pdf: Programa oficial Maside 20-11-2010) é o seguinte:
– 12.00 Apertura e Lectura dos Títulos de Nomeamento.
– 12.02 Semblanza de Francisco Luís Bernárdez, a cargo do Profesor Luís González Tosar.
– 12.15 Resposta de D. Xosé Ricardo Rodríguez.
– 12.17 Semblanza de D. Víctor Campio Pereira, a cargo do Profesor D. Xesús Alonso Montero.
– 12.35 Resposta de D. Víctor Campio Pereira.
– 12.45 Intervención de D. Xosé Luís Méndez Ferrín, Presidente da Real Academia Galega.
– 13.00 Lectura de dous Poemas por alumnos do CPI de Maside.
– 13.05 Intervención de D. Francisco López Rodríguez, Director Xeral de Promoción e Difusión da Cultura.
– 13.10 Intervención de D. Anxo Lourenzo Suárez, Secretario Xeral de Política Lingüística.
– 13.15 Intervención de D. Celso Fernández López, Alcalde de Maside.
– 13.20 Interpretación do Himno Galego.

A Coruña: presentación de Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 19 de novembro, ás 20:00 h., en Portas Ártabras (rúa Sinagoga, 22), da Coruña, preséntase o libro Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval, gañador do X Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, publicado en Espiral Maior. No acto, acompañando ao autor, participan Miguel Anxo Fernán-Vello e Teresa Seara.

Vigo: II edición de A hostia en verso, recital con poesía, música e pintura

O venres 19 de novembro, a partir das 21:30 h., na Galería Jazz (Ronda de don Bosco, 21) de Vigo, celebrarase a segunda edición de A hostia en verso, un combate lírico que enfrentará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, David Rodríguez, Lara do Ar, Miguel Valverde e Xabi Xardón, ou o que é o mesmo: poetas montañeses VS. poetas pescos! O acto estará presentado polas tamén poetas Lucía Aldao e María Lado e contará coa intervención musical de Mr. Carácter. Para máis, a pintora María Longa fará unha intervención en directo.

Santiago: presentación de O gume dos espellos, de Ramón Caride

O venres 19 de novembro, a partir das 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o novo libro de Ramón Caride O gume dos espellos, publicado en Toxosoutos. No acto participan, acompañando ao autor, Miguel Anxo Martínez Oubiña, David González Couso e Xoán Fuentes Castro, autor da novela O cuadrilátero, sobre a que se manterá tamén unha lectura-coloquio.

Santiago: presentación de Noente Paradise, de Ugia Pedreira

A sexta-feira, 19 de novembro, a partir das 20:00 h., na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase o libro-CD Noente Paradise, de Ugia Pedreira, publicado por Através Editora. No acto intervirán Marina Oural (Rapsoda), Martázul Busto, Raquel Miragaia e a propia autora.

A Coruña: presentación de Cantares Galegos

A sexta-feira 19 de novembro, ás 20:00 h., no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9) da Coruña, preséntase Cantares Galegos, publicado polas Edições da Galiza, na primeira edición da obra de Rosalía seguindo as normas do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa. No acto participan António Gil Hernández e Xavier Vásquez Freire.