O
venres 24 de febreiro, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha homenaxe a Rosalía de Castro, en conmemoración do 175º aniversario do seu nacemento. A partir das 20:00 horas, Pilar García Negro dará unha charla sobre a súa figura e César Morán rematará o acto lendo poemas da autora.
Arquivo da categoría: Poesía
Parlamento das Letras: Olga Novo
Entrevista
de Armando Requeixo a Olga Novo, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Olga Novo (ON): Ningún. Escribo como vivo, con entusiasmo natural e naturalidade entusiasmada. Non necesito nada especial para escribir, soamente o pulo vital que me leva a facelo. Ademais, eu creo que as poses literarias contradín a propia poesía. (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– ON: Eu penso que cada quen debe ser libre de buscar a súa propia verdade literaria, alleo/a a modas e a correntes máis ou menos efémeras. Eu creo na independencia radical e, polo tanto, tamén na máis total e profunda independencia creadora. Creo precisamente que falta esta independencia e esta radicalidade. Penso que nas letras galegas, coma na literatura universal, falta Poesía e sobra Literatura, no sentido que a estas palabras lle deu Verlaine. (…)
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– ON: Na miña poesía, coma na miña vida, gustaríame que rexese esta máxima pompeiana escrita sobre un dintel, acompañando unha imaxe fálica: HIC HABITAT FELICITAS –Aquí habita a felicidade-, quizais a máis fonda revolución individual e, polo tanto, literaria e que, como quería Pascal, por fin lle quitemos a venda dos ollos a Eros e amor poida contemplar as belezas múltiples coa soa lucidez que importa.”
Lalín: presentación de Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor
O
venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, no Museo Ramón María Aller Ulloa (Rúa Ramón Aller, 9) de Lalín, preséntase Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor, publicada por Espiral Maior. No acto, no que terá especial relevancia a proxección de imaxes das obras de arte dos pintores e escultores de Galicia, participa, xunto ao autor, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello.
O autor fíxonos chegar este poema que abrirá o acto, co que se suma tamén á iniciativa do Día de Rosalía promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:
ROSA EN IRIA
COMO NOS VAI NA URDIME DAS PALABRAS
por tanto aniversario que trasnoita
e anda en soño sentido nas esperas?
E véxote sempre vir de algar canda os fulgores
do solsticio, noite en luz que nos amence e somos
posuídos pola maxia das fontes e dos mares:
versos brancos cabalados no alto coma pedras
informes onde asubía o vento dos refachos
que despois vai no auxilio de alguén que chama ao lonxe
e grita: ven axiña, non pouses, sube ao colo
da Terra e cadra aquí con nós un tempo
de silencio encantenón acorda outra mornura
e antes foxe o desamor, o esquenzo, a tolería
de non ser senón aquela sombra que acompaña:
ROSALÍA NA DANZA DA RISA E DA INTEMPERIE
NUNCA ALTARES
Xosé Vázquez Pintor.
Vigo: presentación de Os quilómetros que percorremos desnde aquela, de Alberte Momán
O
venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, na Libraría Andel Virtual (Pintor Lugrís, 10) de Vigo, preséntase Os quilómetros que recorremos dende aquela, o novo poemario de Alberte Momán, publicado en Toxosoutos.
Santiago: presentación da edición ilustrada de Follas Novas en El Patito
O
venres 24 de febreiro, ás 20:00 horas, no espazo de arte de El Correo Gallego (Rúa do Preguntoiro, 29) de Santiago de Compostela, preséntase a edición ilustrada por Álvaro de la Vega de Follas Novas, de Rosalía de Castro, publicada pola Editorial El Patito. No acto intervirán Xerardo Conde Roa, o Secretario Xeral de Cultura e Gemma Sesar, xunto ao ilustrador.
Santiago: presentación de Bretemada, de Gonzalo López Abente
A Coruña: presentación de papel a punto de, de Estíbaliz Espinosa
Continúa a recuperación da obra literaria de Gonzalo López Abente
“Con
só un ano de actividade, a Fundación Gonzalo López Abente está a lograr unha visibilidade inédita da obra deste escritor muxián. Deste xeito, a entidade acaba de anunciar que asinou a un acordo coa editora Espiral Maior para tirar do prelo a poesía completa deste autor en 2013, a coincidir co 50 seu cabodano. A edición farase na colección Ópera Omnia e será coordinada por Miro Villar. Xa este mesmo ano, Xerais publicará A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, un volume que recolle seis relatos do escritor canda a un estudio de Xesús Sambade. Estas publicacións súmanse aos do poemario Bretemada, que da man de Alvarellos é finalista aos Premios da Edición deste ano.” Vía Cultura Galega.
Xabier Cordal: “Na poesía hai feitos inexplicables”
“O
Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista con Xabier Cordal, sobre o seu último libro de poemas, transmuta, que publica logo de dez anos de silencio. Na poesía hai feitos inexplicables, asegura Xabier ao longo da entrevista, que, en formato mp3, pode escoitarse ou descargarse aquí.” Vía Xerais.
A Coruña: recital-presentación de Pan de ánimas, de Xoán Abeleira
O
mércores 22 de febreiro, ás 19:30 horas, na Libraría Nova Colón (Rúa Olmos, 9) da Coruña, terá lugar un recital-presentación do novo libro de poemas de Xoán Abeleira, Pan de ánimas, publicado en Xerais.

