Comezan as publicacións sobre Valentín Paz Andrade

A coincidir co Día das Letras que o homenaxea, comezan a ver a luz os lanzamentos editoriais arredor de Valentín Paz Andrade. Xan Carballa é o autor da biografía e mais da antoloxía do autor que acaba de tirar do prelo Galaxia. No caso da Antoloxía, Carballa seleccionou obras de ensaio, poesía e prosa do homenaxeado no Día das Letras deste ano, incluíndo o texto íntegro do seu poemario Pranto matricial. Galaxia adianta tamén a vindeira edición de Castelao na luz e na sombra, a biografía sobre o líder galeguista que publicou Paz Andrade.

Gonzalo Hermo: “Quero crer que non existe un manual establecido de como sermos galegos”

Entrevista a Gonzalo Hermo en Dioivo:
“A óptica “dos que viron extinguir o seu fogar e humillar a súa identidade”. A perspectiva dos expulsados ás marxes. É a adoptada por Gonzalo Hermo en Crac, o poemario co que gañou o premio Xuventude Crea -co bipartito GZCrea-. O libro parte dun só texto, Escola do resentimento. “Por iso o meu poema é só un acto de vinganza”, di. O autor presentou hai pouco en Compostela esta obra, editada por Barbantesa.
– Dioivo: O libro parte do primeiro poema. Que fala da poesía como acto de vinganza. Do resentimento dos que “fomos castrados”. Cal é o motivo dese resentimento? Cales son as violencias contra as que se rebela?
– Gonzalo Hermo: Poderiamos falar de violencias en plural pero son, ao cabo, distintas pólas dunha mesma realidade: a violencia exercida polos elementos que ostentan a hexemonía simbólica contra aqueles que non a posúen. A dinámica centro/periferia existe, e non só no plano xeográfico ou xeocultural (binomios do tipo occidental/oriental, etc.), senón tamén en experiencias coma o xénero, a raza ou a opción sexual. Tal e como eu o vexo, Crac representa un intento de colocarse, en sentido amplo, no lado feble da balanza. Nun espazo onde circulen distintos procesos identitarios vertebrados en torno á idea de subalteridade. Non son tan pretensioso como para pensar que o libro vaia cambiar as cousas, pero gústame escribir como se esa posibilidade fose real. Cando menos non ser cómplice dunha orde de cousas ilexítima e perversa. (…)”

Recital Antolóxico da Poesía Galega dos séculos XII ao XX, en 1956

Desde Cultura Galega:
“Eduardo Blanco Amor coordinou o Recital Antolóxico da Poesía Galega dos séculos XII ao XX, que se celebrou en Bos Aires o 24 de xullo de 1956, nos locais do Centro Galego. Contou coa colaboración da Asociación Galega de Universitarios, Estudantes e Artistas. Este documento sonoro excepcional foi o primeiro recital antolóxico da poesía galega. Contou coas voces de Fernando Iglesias Tacholas, Pilar Lebrón, Lita Soriano, Anita Fontao e Lito López. Agora podes escoitar este volume 15 da colección As Nosas Voces que o Arquivo Sonoro de Galicia editou en 1998.”

Santiago: Picaversos especial en homenaxe a Wislawa Szymborska

O martes 28 de febreiro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Especial Wislawa Szymborska, onde participarán Piedad Cabo, Olga Novo, Alicia Fernández e Paula Carballeira poñendo voz aos poemas da poeta, ensaísta e tradutora polaca.

Rosalía, máis viva que nunca

Reportaxe de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“(…) Os actos centrais das homenaxes á escritora terán lugar en Santiago con dos puntos de atención. O acto convocado pola Fundación Rosalía de Castro realizarase na capela do Hostal dos Reis Católicos, espazo que no ano de nacemento da poeta, 1837, era un hospital. Nese mesmo espazo, segundo as biografías, foi bautizada Rosalía de Castro e este é o motivo de que a conmemoración principal saia por primeira vez da sede da fundación en Padrón. Unha circunstancia que disgustou á veciñanza da vila por máis que a presidenta da fundación, a tamén escritora Helena Villar Janeiro, sinalou que era unha decisión relacionada co carácter especial da celebración.
Lectura e cancións sobre poemas serán o eixo central das celebracións. En primeiro lugar, no acto do Hostal, que se iniciará ás sete da tarde, pero tamén haberá lecturas e poemas no acto que se fará de xeito expandido por toda Galicia, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e que terá como centro dos actos o Panteón de Galegos Ilustres. Nese espazo, a homenaxe de carácter participativo comezará arredor das seis da tarde. A lectura estendida realizarase nas principais cidades galegas e tamén en boa parte das vilas.
Un pouco máis lonxe, terá lugar outra homenaxe que tamén está relacionada coas primeiras horas de vida da escritora. Está convocada polos veciños de Conxo, ás oito menos cuarto, na Praza de Vigo, cunha ofrenda floral e un recital de Marilar Aleixandre e Anxo Angueira. O acto terá lugar no monolito que lembra a casa desa localidade na que naceu a escritora tal día coma hoxe. (…)”