Desde a Xunta de Galicia:
“(…) Manuel Lourenzo, coa obra Suite Artabria, é o gañador do XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes do alento á dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón, que o dramaturgo do Valadouro recibe por segunda vez, desvelouse canda a do IX Manuel María de literatura dramática infantil, que foi para Carlos Labraña por O valo, e o XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que na modalidade para adultos recaeu en Roi Vidal Ponte por Marcha fúnebre para un monicreque, e na infantil, en Inacio Vilariño por Os golfiños e o xigante, quen xa foi distinguido con este premio en dúas ocasións anteriores. (…)
Os nomes dos catro gañadores, decididos por maioría de votos, foron comunicados polo xornalista e crítico teatral Camilo Franco, en representación dun xurado que estivo presidido por Anxo Abuín e do que tamén formaron parte como vogais Santiago Cortegoso, Inma López Silva, Tito Asorey e María Torres. Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, interviñeron neste acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e os propios galardoados, cuxas obras foron seleccionadas entre un total de 72 textos recibidos: 38 para o Álvaro Cunqueiro, 11 para o Manuel María, 8 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 15 para a de teatro para rapaces deste último premio. No caso de Roi Vidal Ponte, que non puido acudir por motivos familiares, recolleu o galardón, no seu nome, Miguel Mosqueira Fociños.
Os catro recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic mantén en colaboración con varias editoriais galegas. (…)
Máis información aquí.”
Arquivo da categoría: Premios Literatura Infantil
Bases do X Certame Literario Terras de Chamoso
Héctor Cajaraville Araujo gaña o 7.º Premio Meiga Moira 2016 de Literatura Infantil-Xuvenil convocado por Baía Edicións
“O Xurado, formado polas escritoras Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) coa obras Violeta tamurana e Miña querida Sherezade, respectivamente) e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López, profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, a tamén escritora Marica Campo, que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o martes día 11 de outubro de 2016 resolveu conceder por unanimidade o 7.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “Briolanxa”.
Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada polo escritor compostelán Héctor Cajaraville Araujo, que leva como título Denébola a Roxa e proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos.
O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:
«Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, ambientada no século XVII que relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes.
A protagonista, Denébola, que comparte nome coa estrela máis brillante da constelación de Leo, loitará pola procura dun destino máis luminoso que o que seu pai elixiu para ela.
Marcada desde o nacemento pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, tentará rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas da súa propia vida».
A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.
Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que catorce alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.”
Bases do XIV Premio Pura e Dora Vázquez
“A Deputación de Ourense convoca o XIV Premio Pura e Dora Vázquez de narración e ilustración infantil e xuvenil, dotado con 3.000 € para as dúas modalidades, un certame que quere recoñecer a calidade literaria e artística de traballos creados para nenos e mozos, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez.
Ao premio, na súa modalidade de narración, poderán concorrer todos aqueles autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. Os textos presentados han de ser inéditos e totalmente orixinais. As obras, cuxa temática será libre pero acaída para o público infantil ou xuvenil, terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, fonte Times New Roman, tamaño de letra 12 e interliñado 1,5 liñas.
A presentación dos orixinais poderá realizarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense, e os concursantes deberán remitir seis exemplares da obra nun sobre pechado indicando no exterior do paquete PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE NARRACIÓN.
As obras irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico, unha fotocopia do DNI e breve recensión bio-bibliográfica.
O prazo de admisión de orixinais remata o 30 de decembro de 2016, admitíndose, non obstante, aqueles que foran entregados nas oficinas de Correos ese mesmo día. Para esta modalidade de narración establécese un premio de 1.500 €.
O xurado estará composto polo presidente da Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, en que el delegue) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretaria a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue (con voz e sen voto). Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Cultura, Deportes e Mocidade da Deputación Provincial, a proposta dos grupos políticos da Corporación.
A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente e este emitirá o seu ditame no primeiro trimestre de 2017. O premio poderá ser declarado deserto, no caso de que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.
A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.
Unha vez fallado o premio de narración (no primeiro trimestre de 2017) convocarase o premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración. As obras presentadas nesta modalidade tomarán como base o texto premiado na modalidade de narración.”
As bases poden consultarse aquí.
Convocada a 1ª edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta 2016
Cambre: entrega de premios do Concurso Adopta un animal de conto
Gañadoras/es dos Premios Frei Martín Sarmiento 2016
Desde a Xunta de Galicia:
“Premio Frei Martín Sarmiento
Na categoría de 1º e 2º de educación primaria, o Premio Frei Martín Sarmiento recaeu este ano na escritora Paula Carballeira, pola súa obra A Burra Ramona; na categoría de 3º e 4º de primaria, o gañador foi Xavier Frías, por As aventuras de Enrico Müller; na de 5º e 6º de primaria, Xavier Estévez, por Todos os soños; Santiago Jaureguízar fíxose co galardón na categoría de 1º e 2º de ESO por O veleno da risa e Agustín Fernández Paz, con A neve interminable, obtivo o de 3º e 4º de ESO. Na categoría de bacharelato e adultos, gañou o premio Francisco Castro, con Tes ata as dez.”
Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez Iglesias, Premios Xerais 2016
“Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 4 de xuño, anunciouse o ditame da XXXIIIª edición do Premio Xerais de Novela, a VIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre as que se atopaban Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX; Xosé Ballesteros Rei, presidente da Asociación Galega de Editoras; Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia; Bieito Ledo Cabido, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia; Xabier Alonso, concelleiro de Cultura, Turismo e Novas Tecnoloxías de Redondela; Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG-PSOE á Xunta de Galicia, ademais de escritoras, editoras, libreiras, críticas, bibliotecarias, profesoras e outras persoas colaboradoras da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada, na que Lydia Botana se ocupou do apartado musical do serán, salientando (…) que nesta edición de 2016 participaron 89 orixinais entre as tres modalidades de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.
A escritora Ledicia Costas, que esta semana recibiu o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil, como mantedora literaria desta velada, comezou o seu discurso, «Todas as constelacións do mundo», dedicado á Xeración Lamote por abrir o camiño da esperanza, lembrando a súa experiencia como lectora dende cativa:
«Se boto a vista atrás, cousa que fago con certa frecuencia, recoñezo o moito que lle debe a miña xeración ás xeracións anteriores. Ser escolarizada en galego foi determinante para min, unha nena educada integramente en castelán. Aquelas obras que caeron nas miñas mans a principios dos anos noventa abriron unha porta branca por onde empezaron a desfilar en ringleira os personaxes dos libros que me volveron poliédrica. E coa forza das cousas máis auténticas fun inverno, bágoa, agulla. Fun animal, océano, nordés e abismo. Fun unha criatura coas ás pintadas de estrelas e o corazón aberto en tantos anacos coma historias me cativaron. Nese incendio de palabras que se propagaba sen remedio, asoman a cabeza as coleccións Merlín, Xabarín e Fóra de Xogo de Xerais. Non era só que todos aqueles libros en galego me achegasen momentos únicos, é que me fixeron entrar no centro exacto da emoción. A emoción da lectura. Velaí a maxia. Acababa de atopar o mapa de todas as constelacións no mundo.»
Salientou, despois, sentirse orgullosa da entrega á lingua galega «que nos caracteriza a todas e todos nós, que nos fai formar parte dun proxecto común». «Recoñezo que me sinto especialmente vencellada á Xeración Lamote. Os seus textos foron determinantes para a formación daquela lectora que demandaba obras das que enchouparse ata a medula.» (…) «Agora sucede que hai unha nova xeración abríndose paso, a Xeración da Esperanza, que ten interiorizado un proxecto literario de país. Sabemos ben das renuncias que implica escribir na nosa lingua, pero cando cres en algo con tanta forza, as dificultades pasan a ser un elemento secundario.»
Tras vindicar o papel das mulleres na literatura galega, «para que a presenza actual das mulleres no sistema literario galego siga gañando forza e consistencia ano a ano», rematou Ledicia Costas expresando o seu compromiso: «Eu opto pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante». Sigue lendo
Convocado o 7º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2016
Monserrat Pis Marcos gaña o XIII Premio Pura e Dora Vázquez de Narración e ábrese o prazo para o XIII Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración
Desde a Deputación de Ourense:
“A escritora compostelá Monserrat Pis Marcos (Santiago de Compostela, 1983) coa obra Dos estraños ollos de Damaluar e das aventuras que lle sucederon o día que desapareceron as súas zapatillas” (presentada baixo o lema “Cando Lady Moon acordou, o ornitorrinco aínda estaba alí”), foi a gañadora do XIII premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado deu a coñecer a súa resolución esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, destacando da obra galardoada que se trata “dunha historia extraordinaria, que transmite moita tenrura, e ten unha vertente educativa moi interesante na que os personaxes transmiten importantes valores”. Asemade o xurado puxo de manifesto “a narrativa, coloquial pero con cultismos, e o xénero fantástico, que denota unha autoría literaria avezada”, destacando que a obra “axéitase ben para poder ser ilustrada dentro do espírito do premio”.
Das 16 obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou “a alta participación e o alto nivel de todas as obras presentadas, polo que resultou moi difícil tomar a decisión, pero por unanimidade se acordou a obra gañadora”.
Agora ábrese o prazo para o Premio de Ilustración e os interesados en participar no XIII Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Monserrat Pis Marcos. Nesta modalidade establécese un premio coa mesma contía co de narración de 1.500 euros, e os traballos deberán presentarse antes do día 31 de marzo de 2016.
O xurado da XIII edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Carlos Rodríguez Calvo, Mario González Sánchez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez. (…)”