“Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil anuncioulles hoxe aos seus socios que procederá a nomear ao escritor Agustín Fernández Paz socio de honra: «Un ano máis, e como xa fixemos o anterior, imos proceder á distinción de socio de honra de Gálix dun membro da nosa asociación cuxos méritos sexan indiscutibles e sobrados. Se o ano pasado o premio recaía na figura de Xosé Neira Vilas, este ano homenaxeamos a Agustín Fernández Paz, un dos nosos autores máis sobranceiros e sen o que a LIX galega, definitivamente, non sería hoxe a que é». A cerimonia do nomeamento terá lugar o vindeiro 18 de outubro, ás 11:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo e nela participarán numerosos estudantes lectores da obra de Agustín Fernández Paz.” Desde Xerais.
Arquivo da categoría: Premios Literatura Xuvenil
Convocada a X edición do Premio de ilustración e narración Pura e Dora Vázquez
De conformidade co que acordou a Xunta de Goberno desta Deputación, na sesión do día 22 de xuño de 2012, convócase a X edición do Premio de ilustración e narración Pura e Dora Vázquez de literatura infantil e xuvenil, nas modalidades de narración e ilustración, dotado con 3.000,00 € para a totalidade das súas modalidades, que se rexerá polas contías económicas de cada unha delas, que se indican deseguido e con suxeición ás seguintes bases:
A) Bases modalidade narración:
1.- A este premio poderán concorrer todos aqueles autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. Os textos presentados han de ser inéditos e totalmente orixinais.
2.- De cada orixinal presentaranse seis copias, en papel tamaño folio ou en holandesa, mecanografados a dobre espazo e só por unha cara, antes do día 12 de setembro de 2012, no Rexistro Xeral da Excma. Deputación Provincial de Ourense, rúa do Progreso, 32, 32003, Ourense.
3.- Co orixinal, que se presentará baixo lema, achegaranse, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor, así como o título do libro, indicando no sobre: para o X Premio Pura e Dora Vázquez.
4.- Para esta modalidade de narración establécese un premio de 1.500 euros.
5.- O xurado estará composto polos seguintes membros: o presidente da Excma. Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, na que el delegue) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da cultura de Galicia. Actuará de secretario o da Deputación ou persoa en quen delegue (con voz e sen voto).
6.- A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente e este emitirá o seu ditame ou resolución no mes de outubro de 2012.
7.- O acto de entrega do X Premio Pura e Dora Vázquez, nesta modalidade de narrativa, será o día, no lugar e á hora que se comunicarán oportunamente.
8.- O premio poderá ser declarado deserto, no caso de que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.
9.- A Excma. Deputación de Ourense, que se reserva tódolos dereitos de edición sobre a obra premiada en tódalas linguas do Estado, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros, poderá publicar esta sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os cinco mil primeiros exemplares vendidos estarán libres do pagamento de dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.
10.- Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ó veredicto. Os que non se retiren, serán destruídos. A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nestas bases, así como as decisións do xurado, que se teña designado, que serán inapelables.
B) Modalidade ilustración:
1.- Poderán concorrer ó premio tódolos ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións inéditas e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste X Premio Pura e Dora Vázquez e a el referidas.
2.- O conxunto de ilustracións orixinais serán presentadas antes do día 20 de decembro de 2012, no Rexistro Xeral da Excma. Deputación de Ourense, rúa do Progreso, 32, 32003,
Ourense.
3.- Coas ilustracións, que se presentarán, no seu conxunto, baixo lema, achegarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor.
4.- Para esta modalidade de ilustración establécese un premio de 1.500 euros.
5.- O xurado estará formado polos seguintes membros: o presidente da Excma. Deputación de Ourense (ou persoa que el designe oportunamente) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretario o da Deputación ou persoa en quen delegue (con voz e sen voto).
6.- A composición do xurado darase a coñecer, así como o ditame ou resolución deste, en datas, que se comunicarán, oportunamente, nos medios de comunicación.
7.- O premio poderá ser declarado deserto, no caso no que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.
8.- A Excma. Deputación de Ourense, como propietaria das obras, resérvase tódolos dereitos de edición sobre as obras premiadas, en tódolos ámbitos e linguas do Estado, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros, e poderá libremente publicar estas sen limitación de número nin de edicións. O beneficiario ou beneficiarios do premio comprométense a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os dereitos da obra ou das obras relativas ós cinco mil primeiros exemplares. O premiado recibirá gratuitamente vinte exemplares.
9.- Os orixinais non premiados poderán retirarse na Excma. Deputación de Ourense, nos dous meses seguintes á resolución do premio. Aqueles que así non se retiren, poderán ser destruídos. A participación nesta convocatoria e modalidade de ilustración requirirá a aceptación das normas contidas nestas bases, así como as decisións do xurado que se teña designado, que serán inapelables.
Promoción da lectura:
A Excma. Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais).
Ourense, 25 de xuño de 2012. O presidente.
Asdo.: José Manuel Baltar Blanco.
Coñécense os gañadores dos Premios Xerais 2012
“O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e dúas obras, formado por Ledicia Costas (escritora e secretaria de GALIX), Anxo Fariña (escritor, ilustrador e gañador do Premio Merlín 2011), Cristina Fernández Ameal (profesora), Silvestre Gómez Xurxo (escritor e mestre), Ánxeles Saco López (profesora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas Chaeira, Iris Hull e Palabras de auga. Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Palabras de auga, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Marcos Calveiro e corresponde ao título Palabras de auga. Segundo os membros do xurado «os pulmóns de África respiran nas follas deste libro coa forza de todo o continente. A inclemencia do sol, a busca desesperada da auga, a sorte do alimento… E as mulleres, pedra angular das tribus africanas, e que nesta obra representan o sólido capaz sobre o cal descansa toda responsabilidade da supervivencia». «Cunha narración liviá entre a que se van entrelazando o galego e o suahili, o autor fai un impecable retrato do ser humano e do seu comportamento sometido a condicións extremas. O libro reborda lirismo e calidade literaria. É desas obras que emocionan, que conmoven, que cautivan». Por último, os membros do xurado, sinalaron que «Palabras de Auga é unha viaxe cara o interior da África máis pura. Pero tamén cara o interior do propio eu, e esta é unha singradura sen posible retorno».
O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorreron trinta e dúas obras formado por Xaime da Pena Ceide (avogado), Ernesto Sánchez Pombo (xornalista), María Xosé Porteiro (xornalista), Begoña Rodríguez Outeiro (profesora), Xoán Cruz (profesor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas Faneca brava, Ketos e Pouso da Arcai. Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade acordou declarar como gañadora a presentada baixo o lema Pouso da Arcai que, despois de aberta a plica, resultou ser de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, e corresponde ao título Tonas de laranxa. Os membros do xurado do Premio Xerais de novela 2012, no ditame que elaboraron sobre Tonas de laranxa salientaron que «sen menoscabo para as excelentes novelas presentadas a este premio, tivemos moi clara a escolla desde o primeiro momento, feito que deu como resultado unha rapida elección por unanimidade. Non hai dúbida de que os membros do xurado quedamos engaiolados polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral para dar lugar a unha novela fermosa». «A partir da recreación dun espazo imaxinario, marabilloso, que rende homenaxe á narrativa de Álvaro Cunqueiro, no lugar de Moreira, que é onde se desenvolve esta historia, vanse tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se introducen coma po nas nosas vidas e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmósfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo».”
Finalistas dos Premios Xerais 2012
Os xurados
dos Premios Xerais de Novela e Merlín de Literatura Infantil 2012, reunidos no Castelo de Soutomaior durante a tarde do 1 de xuño, declararon as obras finalistas.
O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, formado por Ledicia Costas (escritora e secretaria de GALIX), Anxo Fariña (escritor, ilustrador e gañador do Premio Merlín 2011), Cristina Fernández Ameal (profesora), Silvestre Gómez Xurxo (escritor e mestre), Ánxeles Saco López (profesora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as corenta e unha obras participantes, acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas Chaeira, Iris Hull e Palabras de auga.
O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros, formado por Xaime da Pena Ceide (avogado), Ernesto Sánchez Pombo (xornalista), María Xosé Porteiro (xornalista), Begoña Rodríguez Outeiro (profesora), Xoán Cruz (profesor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes, acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas Faneca brava, Ketos e Pouso da Arcai.
Ambos os dous xurados determinarán as obras gañadoras, na segunda reunión, a celebrar o sábado 9 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar no serán dese día na illa de San Simón. No acto literario participarán como mantedora a escritora Marilar Aleixandre e como músico convidado Xurxo Souto.
Setenta e tres obras compiten este ano polos Premios Xerais
Edicións Xerais,
unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2012, nomeou aos membros dos dous xurados.
O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorren trinta e dúas obras, está formado por: Xaime da Pena Ceide (avogado), Ernesto Sánchez Pombo (xornalista), María Xosé Porteiro (xornalista), Begoña Rodríguez Outeiro (profesora), Xoán Cruz (profesor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren corenta e unha obras, está formado por: Ledicia Costas (escritora e secretaria de GALIX), Anxo Fariña (escritor, ilustrador e gañador do Premio Merlín 2011), Cristina Fernández Ameal (profesora), Silvestre Gómez Xurxo (escritor e mestre), Ánxeles Saco López (profesora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os dous xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 1 de xuño, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 9 de xuño.
Resoluçom do Concurso de Contos de Nenos para Nenos Carlos Casares
“A Agrupaçom Cultural O Facho tem a honra de lhes comunicar a resoluçom do concurso literário Contos de nenos para nenos Carlos Casares na convocatória do ano 2012, segundo acordo do júri formado polos escritores Xabier P. Docampo, Breogán Riveiro Vázquez, Xosé Manuel Martínez Oca, e Soledade González Maside (sem voto):
1º.- Prémios da Categoria A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
– Primeiro prémio: Carta a Pilar, de Andrés Vázquez García. Aluno do CEIP Heloísa Rivadulha, Chantada (Lugo).
– Segundo prémio: A néboa, de David Carpacho Pérez. Aluno do IES Manuel Murguia , Arteijo (A Corunha).
2º.- Premios da categoria B. (Rapazes e rapazas de 13 a 16 anos):
– Primeiro prémio: Unha historia do máis normal?, de María Álvarez Vázquez. Aluna do CPI Terras de Maside, Maside (Ourense).
– Segundo prémio: Murmurio a media noite, de André Graña Casal. Aluno do Colegio Alborada, Vigo (Pontevedra)
Agradecemos a participaçom de todos os/as concursantes e felicitamos mói especialmente aos ganhadores e ganhadoras. Parabéns e cumprimentos.
A Corunha, Maio de 2012″
V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Tiven, outra vez máis, a fortuna de participar no xurado Premio Literario Escolar Novacaixagalicia que se fallou o 10 de maio e que deliberou arredor de case catrocentas propostas literarias provenientes dos últimos anos da primaria, ESO e Bacharelato. Como todos os anos resulta para min unha ocasión magnífica que constata, por unha banda, que hai moita mocidade que escribe e que o fai moi ben e, pola outra banda, testemuña a existencia de novas xeracións que han vir, en ben pouco tempo, a sumarse con eficiencia e talento ao noso sistema literario. Oxalá sexa así. Galardóns coma este, ao meu ver, son moi necesarios e sería doloroso que desaparecesen. Deixo aquí a información oficial sobre a convocatoria e premiados: parabéns a todos eles!
O xurado do V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia reuniuse esta mañá en Vigo para acordar os nomes das alumnas e alumnos gañadores deste galardón. Finalmente, a lista de premiados foi a seguinte: na modalidade de bacharelato, o premio recaeu en Alfonso Francisco Traficante Fernández, do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela (profesor: Manuel Maseda Deán); na de segundo ciclo de ESO, a premiada foi Leticia Álvarez Teruelo, do CPI Tomás Terrón Mendaña de Carballeda de Valdeorras (profesora: María Blanco Crespo); na de primeiro ciclo de ESO, o galardón foi para Daniel Alonso Lorenzo do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (profesora: Marina Iglesias Iglesias); e na de terceiro ciclo de primaria, a gañadora foi Silvia Dorila de Diego Millarengo, do CEIP de Maciñeira en Neda (profesora: M.ª Rosa Piñeiro Grandal). O xurado estivo composto polo escritor Francisco Castro, que actuou de presidente; pola escritora Beatriz Fraga; a poeta Dores Tembrás; o crítico literario Ramón Nicolás; e o escritor Álvaro Otero. O prazo de presentación dos traballos para o Premio Literario Escolar Novacaixagalicia, no que podían participar todos os alumnos e alumnas de Galicia que estivesen cursando terceiro ciclo de primaria, eso ou bacharelato, estivo vixente desde o mes de febreiro ata o día 13 de abril. Nestes dous meses e medio en que se abriu a recepción de escritos inéditos e orixinais, chegaron ás oficinas de Novacaixagalicia 371 obras, o cal constata o éxito de participación deste premio literario.”
Os escolares escollen os mellores libros nos premios Frei Martín Sarmiento
“Entregáronse os Premios Frei Martín Sarmiento nas tres categorías de educación primaria. As obras gañadoras foron: As espiñas do porco espiño, de Abraham Carreiro, publicado en A Nosa Terra, no primeiro ciclo; Xoa, de Antonio Yáñez Casal, publicada en Xerais, no segundo ciclo; e A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, publicada tamén en Xerais, no terceiro ciclo.” Vía Fervenzas Literarias.
Coñécense os gañadores dos Premios da Edición da Asociación Galega de Editores
Desde a Asociación Galega de Editores:
“O gremio editorial galego celebrou o serán do venres 9 de marzo en Compostela a VII Noite da Edición de Galicia-Premios Ánxel Casal, unha gala na que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido do libro, a súa creación, edición e comercialización. No acto entregáronse os Premios da Edición correspondentes ó ano 2011. O acto tivo lugar no Hotel A Quinta da Auga, e nel participaron destacadas autoridades do mundo do libro, a cultura e a política de Galicia. Presidido por Manuel Bragado, presidente da AGE, contou coa presenza do Secretario Xeral de Cultura, a Vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, do gremio de libreiros, o presidente da Associació de Editors en Llengua Catalana, entre outros moitos e moitas representantes de entidades relacionadas co sector. A gala foi conducida pola xornalista Iria Pinheiro. Unha proxección de vídeo, patrocinada por GADIS, e elaborada por Illa Bufarda, lembrou as figuras de Isaac Díaz Pardo e Carlos Casares.
PREMIADOS
– Premio Francisco Fernández del Riego: Xesús Couceiro e a súa emblemática libraría, por toda unha vida adicada á promoción do libro e a cultura galega.
Tralas votacións dos membros do xurado, composto por editores, escritores, ilustradores, libreiros e xornalistas, entre outros, resultaron gañadores das cinco categorías contempladas nos Premios da Edición:
– Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2011, Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, editado por Edicións Xerais, por ser unha ollada crítica da nosa sociedade, unha visión intelixente sobre como o pasado condiciona o noso presente, o xurado decidiu que o premio de Mención especial do xurado fose para Centauros do Norte, de Marcos Calveiro, obra destinada ó público xuvenil, pola súa calidade.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do ano 2011, Obra Gráfica de Conde Corbal, de varios, editado por Nova Galicia Edicións, pola calidade da edición, a posta em valor do autor e a súa obra e a escolla da documentación gráfica. Por solicitude expresa do xurado, Mención para O escano baleiro. No Caurel con Uxío Novoneyra, de Xulio Valcárcel, editada por Biblos, pola estética da linguaxe e por ofrecer unha visión persoal do autor, e para Loita de clases, a represión franquista no mar, de Dionisio Pereira, editado por Xerais, polo contributo documental e testemuñal a unha faceta pouco coñecida da ditadura franquista.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano do ano 2011, Poesía completa de Lois Pereiro, editado por Edicións Xerais, pola calidade da edición e por tratarse dunha edición literaria fiable e reunir a obra completa do poeta.
– Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano 2011, Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra, editado por Editorial Galaxia, pola súa contribución ó achegamento da poesía aos nenos mediante a fusión do texto e a música. Por petición expresa do xurado, unha Mención especial para O Apalpador e a castaña máxica, pola recuperación dunha figura da mitoloxía infantil e a orixinalidade da edición ilustrada. Mención especial tamén para Canto de Nadal, de Charles Dickens, pola gran calidade da edición, así como pola contribución da tradución deste clásico ó corpus galego.
– Premio Lois Tobío ao Libro traducido do ano 2011, Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo, editado por Edicións Xerais, pola magnífica tradución e edición crítica e pola súa contribución ao enriquecemento do galego cunha obra universal e imprescindible.
– Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2011, Contos por teléfono, de Pablo Otero, editado por Kalandraka Editor, pola calidade da ilustración e a súa contextualización. Mención expresa do xurado para o libro Lois Pereiro. Breve encontro, de Jacobo Fernández Serrano, de Edicións Xerais, pola calidade da ilustración e da edición.
– Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ó libro educativo do ano 2011, As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo. Polo seu valor documental e a importante achega ao papel da muller galega na nosa historia contemporánea. Mención expresa do xurado para Un cadro de Velázquez, de Claire D’Harcourt, editado por Kalandraka, pola escolla dun cadro especialmente necesitado dunha explicación didáctica e polo desenvolvemento pedagóxico e material de edición.
– Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2011, Xavier Queipo, pola traxectoria da súa obra.
– Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2011, Transformacións de álbums ilustrados en series de animación audiovisual: Os contos do camiño e Caracois, de Oqo Editora, pola innovación que conleva e a súa contribución á difusión dos contos para nenos a través doutros soportes.
– Premio Edición Histórica 2012. XXV aniversario de Andavira Editora
O xurado destacou a calidade de todos os finalistas e solicítalle á Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que se merque un exemplar para cada unha das bibliotecas públicas pertencentes á rede de Bibliotecas de Galicia.
Convocado o 5º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2012
“Baía Edicións convoca o Premio de Creación Meiga Moira de Literatura infantil e xuvenil, que se rexerá polas seguintes
– PRIMEIRA. Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 8 a 16 anos. As obras deberán ser inéditas e non premiadas. Se no período de tempo transcorrido entre a presentación do orixinal e o ditame do xurado a obra obtén outro premio ou é publicada, a autoría vese obrigada a comunicalo á editorial e non poderá recibir este premio.
– SEGUNDA. O orixinal, escrito en letra Times, corpo 12 e a dobre espazo, enviarase xunto con cinco copias debidamente encadernadas a:
BAÍA EDICIÓNS
Polígono Pocomaco, 2ª Avda.
Parcela A2 / 22. 15190 A Coruña.
O prazo de recepción de orixinais remata o 17 de Maio de 2012.
– TERCEIRA. Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico da autoría, así como o título da obra e grupo de idade ao que vai dirixida (8 a 12 anos ou 12 a 16), indicando no mesmo: Premio Meiga Moira 2012.
– CUARTA. O premio, que poderá quedar deserto, considerará un único galardón, ao que se lle asigna unha dotación económica de 2.500 euros. A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira, renunciando a persoa gañadora aos dereitos de autoría da primeira edición, tanto en galego como noutras linguas de posíbel publicación por parte da editorial. No caso de realizarse unha segunda edición, esta rexerase polo modelo de contrato de autoría propio de Baía Edicións. A obra finalista será publicada segundo contrato de autoría estabelecido por Baía Edicións.
– QUINTA. O xurado está composto por cinco persoas de recoñecido prestixio, unha delas da propia editorial, que actuará, asemade, como secretaria.
– SEXTA. A resolución do xurado darase a coñecer o 17 de setembro de 2012.
– SÉTIMA. As obras non premiadas non serán devoltas pola editorial.
– OITAVA. A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.”