Desde CEDRO:
“O escritor, xornalista e guionista Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras 2024, vén de recibir o Premio Cedro 2025, outorgado pola entidade que xestiona os dereitos de autor das persoas creadoras de obras escritas no Estado español. A decisión recoñece a súa ampla traxectoria como defensor da cultura, da lingua galega e dos dereitos das autoras e autores, así como o seu compromiso ético e social coa creación.
O acto de entrega decorreu esta sexta feira no Ateneo de Madrid, nunha cerimonia presentada pola xornalista Pepa Fernández e que contou coa presenza da vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz; da subsecretaria de Cultura, Carmen Páez; e do director de Bibliotecas do Concello de Madrid, Emilio del Río, entre outras autoridades.
Durante a súa intervención, Rivas advertiu sobre os perigos dunha intelixencia artificial sen control: “Sen regulación estrita e sen unha ética eficaz da empatía, existe o perigo real de que os novos emporios tecnolóxicos propicien un gran espolio do patrimonio intelectual e creativo”. O autor d’O lapis do carpinteiro reclamou que o Estado español sexa “un espazo de vangarda” na regulación da IA, garantindo “consentimento, transparencia e remuneración” para as persoas creadoras.
A presidenta de Cedro, Carme Riera, destacou na súa intervención o “carácter solidario e coherente” de Rivas, quen participou en 2022 na campaña #CEDROteAcompaña para dar visibilidade ás axudas que ofrece a entidade a persoas autoras en situación de vulnerabilidade. Riera salientou tamén a súa defensa constante da lingua galega, dos dereitos culturais e da propiedade intelectual na era dixital.
Rivas, con máis de catro décadas de traxectoria, é unha figura clave da literatura galega contemporánea. Ao longo da súa carreira combinou creación literaria, activismo cultural e compromiso social. “Preservar a autoría é preservar a democracia”, afirmou durante a súa intervención, reivindicando que a defensa do patrimonio intelectual é tamén unha defensa da decencia política e da liberdade colectiva.
Na súa intervención, Riera apuntou a necesidade de seguir modelos europeos máis garantistas, como os dos países nórdicos, onde a autoría se protexe mediante sistemas baseados en autorización, remuneración xusta e transparencia. “As nosas obras non son datos sen valor: son o froito do talento, do esforzo e da profesionalidade de quen as crea e edita”, defendeu.
A presidenta da entidade fixo tamén un chamamento ás institucións públicas para que lideren a protección da cultura escrita fronte os desafíos da intelixencia artificial e do consumo masivo de contidos sen contraprestación.
O Premio CEDRO, que chega este ano á súa novena edición, recoñece persoas e institucións que destacan na defensa dos dereitos de autor e da cultura escrita. Entre as persoas galardoadas en anos anteriores están Lorenzo Silva, Julia Navarro, Rosa Montero, José María Merino ou Antonio Muñoz Molina.
A entrega do premio a Rivas supón un recoñecemento ao seu compromiso público coa lingua galega e co dereito a vivir da creación cultural. Nun momento en que os dereitos de autor están en perigo pola automatización de contidos e a mercantilización da cultura, voces como a súa cobran especial relevancia.
Rivas rematou a súa intervención cunha mensaxe clara: “O futuro da cultura e da democracia dependerá da nosa capacidade para defender os dereitos de quen crea fronte á voracidade de quen depreda”. Desde Cedro, a mensaxe foi rotunda: “Non hai cultura viva sen autoría recoñecida nin sociedade libre sen dereitos culturais garantidos”.”
Arquivo da categoría: Premios e concursos (outros)
Paula Carballeira, Premio dos Clubs de Lectura 2025
Desde Xerais:
“Paula Carballeira é a gañadora do Premio dos Clubs de Lectura 2025, que se concede anualmente ao autor ou autora galega máis lida, segundo as bases do premio, polos clubs de lectura participantes na convocatoria de Clubs de Lectura durante o curso precedente 2023/24. A Xunta de Galicia anunciou o premio con motivo da celebración do Día do Libro o pasado 23 de abril. No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Desde hai dous cursos, contribúe a este recoñecemento o alumnado dos clubs de lectura da educación primaria. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. “
Margarita Ledo e a plataforma Mina de Touro-O Pino Non, Premios Moncho Valcarce 2025
Desde Nós Diario:
“(…) O vindeiro 10 de maio a Irmandade Moncho Valcarce realizará o acto de entrega dos Premios Moncho Valcarce 2025, que este ano recollerán na categoría “Pola Promoción da Terra” a escritora e xornalista Margarita Ledo e na de “Pola Defensa da Terra” na Plataforma veciñal Mina de Touro-O Pino non. O ano pasado Nós Diario foi galardoado co premio “Pola Promoción da Terra”. Estes galardóns, que fan 22 edicións, son xa unha cita obrigada para homenaxear aquelas persoas, colectivos ou entidades que teñan unha traxectoria contrastada na defensa dos máis desfavorecidos, na defensa do noso idioma, da nosa cultura e da nosa identidade.
Margarita Ledo recibirá o premio na categoría “Pola Promoción da Terra”. A escritora, xornalista, decana da facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago (USC) onde exerce na actualidade como catedrática de Comunicación Audiovisual, académica numeraria da Real Academia Galega, Premio Nacional da Cultura Galega, fundadora e directora do semanario A Nosa Terra, é tamén directora de cine e activista social e cultural.
Na categoría “Pola Defensa da Terra” a Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino NON” será recoñecida pola Irmandade Moncho Valcarce polos oitos anos -desde 2017- que leva liderando a loita contra a reapertura da mina a ceo aberto para a extracción de cobre. (…)”
Barcelona: actos de homenaxe a Margarita Ledo Andión, galardoada na II edición do Premio Letras Galegas Vivas
Acta do xurado dos VI Premios Mil primaveras
Concurso de viñetas Ano Castelao 2025
Bases do Premio Exeria a proxectos de creación literaria 2025
Compostela: entrega do Premio San Clemente a Antón Riveiro Coello

Desde Galaxia:
“O escritor Antón Riveiro Coello recollerá o martes 25 de marzo, o Premio Literario San Clemente, na categoría de novela en galego, pola súa obra Hotel Carioca. O acto de entrega celebrarase no IES Rosalía de Castro de Santiago, ás 18 h.
O galardón, decidido por un xurado único formado por alumnado de Bacharelato, recoñeceu a novela do autor de Xinzo de Limia como unha “obra redonda, moi ben construída e escrita”. Destacaron tamén a súa “intriga constante, con moitos xiros, que logra que os lectores e lectoras manteñan unha atención continua”. (…)”
Claudio Rodríguez Fer, Premio Babel de Literatura 2025 na Universidade de Texas
“O poeta, narrador e ensaísta en galego Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, acaba de ser galardonado co Premio Babel de Literatura 2025 na Universidade de Texas pola “calidade excepcional e a importante contribución do seu traballo” no campo literario. O premio, que se entrega anualmente, “honra a persoas que promovan o diálogo literario entre linguas e culturas”, pois o escritor lucense conseguiu que a súa escrita en galego sexa un referente do multilingüismo literario mundial a través da tradución.
Mundus Artium Press, entidade radicada na Universidade de Texas en Dallas, concedeu o Premio Babel de Literatura 2025 ao poeta, estudoso e tradutor Claudio Rodríguez Fer, profesor visitante en diversas universidades de Estados Unidos e de Europa, cuxos “recoñecementos inclúen o Premio Nacional da Crítica de España e o doutoramento honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña en Rennes”. A eles poden engadirse distincións tan diversas como a da Medalla Eminescu en Romanía ou a de Cunqueiriano de Honra en Galicia.
O comité internacional que outorga o premio caracterizou así os valores do galardoado: “Defensor da paz e dos dereitos humanos, Rodríguez Fer influíu no discurso literario global a través da súa poesía, estudos e publicacións multilingües. O Premio Babel recoñece os seus logros ao longo da súa vida para superar as divisións lingüísticas e culturais”.
Claudio Rodríguez Fer, “voz destacada da literatura de vangarda”, é un escritor galego traducido a numerosos idiomas (castelán, portugués, inglés, francés, alemán, italiano, grego, romanés, ruso, árabe, bretón, esperanto, etc.) e o seu poema “A cabeleira” está traducido a máis de oitenta idiomas dos cinco continentes da Terra, sendo por tanto o texto con máis versións da historia da literatura galega.
O Premio Babel de Literatura recoñece a persoas cuxo labor literario inverte o antigo símbolo da Torre de Babel, que simbolizaba o esforzo humano condenado ao illamento lingüístico e moral. Por isto premia aos escritores que nas súas vidas e nas súas obras se valen da forza da tradución literaria como medio de superación do solipsismo persoal e social en beneficio de valores profundos de maior alcance, como a paz, a liberdade, a xustiza, a memoria e o entendemento xeral entre os pobos e as persoas.
É a primeira vez que tal distinción recae en Galicia, pois anteriormente foron galardoados escritores de Italia, Albania, Francia, Rusia e Corea do Sur.”
A AELG congratúlase pola concesión do Premio CEDRO 2025 a Manuel Rivas
A AELG congratúlase polo premio CEDRO 2025 a Manuel Rivas, concedido pola Xunta Directiva de CEDRO, da que forma parte a AELG a través do seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Con este galardón, recoñeceuse o seu firme compromiso coa cultura, así como a súa contribución á defensa dos dereitos de autoría e a propiedade intelectual.
Carme Riera, presidenta de CEDRO, destacou que «este ano, quixemos recoñecer a Manuel Rivas o seu activismo e compromiso público coa promoción e defensa da creación literaria, dos valores culturais e dos dereitos de autoría».
«Ao longo de toda a súa traxectoria profesional, tanto literaria como xornalística, Rivas sempre estivo a carón da cultura e das súas creadoras e creadores», sinalou Riera, lembrando a constante defensa de Rivas dos dereitos de escritoras/es e tradutoras/es ante o uso non autorizado das súas obras por parte dos desenvolvedores de intelixencia artificial xenerativa.
Así mesmo, a presidenta de CEDRO salientou que «Manuel Rivas non dubidou nunca en reivindicar publicamente a necesidade de preservar a autoría e a xusta retribución das escritoras e escritores na era dixital». E tamén destacou «o carácter solidario de Rivas», lembrando a súa participación en 2022 nunha iniciativa impulsada por CEDRO para dar a coñecer as axudas que a Entidade ofrece a escritoras/es, tradutoras/es e xornalistas que pasan momentos de dificultade.
O Premio CEDRO, que se concede con motivo do Día Internacional de Propiedade Intelectual, naceu en 2017, co obxectivo de recoñecer anualmente, e de maneira simbólica, a traxectoria dunha persoa ou institución que destaque por defender a cultura en xeral e os dereitos de autoría en particular. Desde entón foron premiadas/os, entre outras/os: Lorenzo Silva, Rosa Montero, José María Merino e Antonio Muñoz Molina.











