Desde
Sermos Galiza:
“O Fundación Otero Pedrayo escolleu ao escritor Agustín Fernández Paz para lle outorgar o Premio Trasalba 2014. A súa sólida e recoñecida traxectoria literaria, o compromiso inquebrantábel coa lingua e a súa participación activa nos movementos de renovación pedagóxica son algunhas das razóns que a entidade expón á hora de valorar o nome do autor como representante da cultura galega a homenaxear este ano na casa grande de Cimadevila, en Amoeiro, nun acto que terá lugar o vindeiro 29 de xuño. (…)
O escritor e presidente de Galix, Francisco Castro será quen lea a laudatio do premiado nunha xornada na que se entregará un libro homenaxe sobre o autor coa súa traxectoria literaria e biográfica. (…)”
Arquivo da categoría: Premios e concursos (outros)
Coñécese o gañador do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada
“Reunido
en Canido (Ferrol), o día 24 de abril de 2014, o xurado do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada, convocado pola Asociación Sociocultural Muíño do Vento, constituído por Sari Alabau Albors, Carmen Cuesta García, Ánxeles Pernas García, Elia Rico Lagarón e Antonio Yáñez Casal, que actuou en calidade de secretario, con voz e sen voto, acordou outorgarlle o premio, por maioría, ao texto da contraportada da obra A Terra Queima, de Lalo Carnota e Xurxo Souto.”
Brétemas lanza un premio para os escaparates que promovan o libro galego
Desde Sermos Galiza:
“O Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego do ano recoñecerá o esforzo das librarías na promoción da produción editorial galega. O editor e presidente da AGE, Manuel Bragado lanza desde o seu blog Brétemas unha serie para recoñecer o papel do escaparatismo na promoción do libro galego e un concurso para premiar ao mellor do ano. (…)
“Nun momento crítico no que o libro galego quedou recluído a algunhas poucas mesas de novidades ou andeis dalgunhas librarías especializadas ou agarimosas co libro galego, reclamar a súa presenza gratuíta nos escaparates é unha acción positiva, tan xusta coma necesaria”, recoñece o editor que lamenta a pouca presenza do libro galego nos espazos de promoción dos puntos de venda.
Convoca finalmente aos lectores e lectoras do seu popular blog, Brétemas, para outorgar a fin de ano o Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego do ano e abre a súa bitácora a quen queira remitir imaxes de vitrinas que promovan a produción editorial galega.”
Aurora Marco, Republicana de Honra 2014
O
xoves 10 de abril, ás 19:30 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), presentará a Aurora Marco como Republicana de Honra 2014. No acto intervirán, xunto á autora, un representante da CRMH, un representante da Real Academia Galega e o historiador Bernardo Máiz.
Chus Pato, autora do ano nos premios Irmandade do libro
Desde
Sermos Galiza (a foto é da Federación de Librarías):
“A XXIII edición dos premios Irmandade do Libro que anualmente entrega a Federación de librarías de Galicia tivo lugar desta volta en Rianxo. A vila de Castelao acolleu a cerimonia de entrega que contou coa presenza, entre outras persoas, do conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, e do propio alcalde, Adolfo Muíños.
Nesta ocasión, os galardóns Irmandade do libro foron para Chus Pato, como autora e Ulises de James Joyce (Editorial Galaxia) como libro do ano 2013. Nas demais categorías trunfaron a triloxía Ámote Leo A. de Rosa Aneiros como obra infantil e xuvenil e a Libraría Ramón Cabanillas de Cambados, que recibiu o recoñecemento da Federación nesta ocasión.
Pola súa banda, a Biblioteca Pública Valle Inclán de Redondela recibiu o galardón polo seu fomento da leitura. O premio Irmandade do libro á mellor colección do 2013 recolleuno a Colección Cociña infantil e familiar da Editorial Ouvirmos. En relación aos centros de ensino, a Federación premiou o CEIP Manuel Suárez Marquier do Rosal.
Os premios concedidos, explican desde a Federación, visan recoñecer “a todos os que cren que traballar polas ideas, pola lingua, pola cultura é unha excelente achega para o desenvolvemento integral da nosa sociedade” polo que animaron a todo o sector a “non fechar os ollos” malia a situación económica e continuar traballando a prol do “libro e a leitura” como “ferramentas imprescindíbeis de progreso”. (…)”
Entregados os Premios Ánxel Casal da Edición de 2013
Desde
a Asociación Galega de Editores:
“O gremio editorial galego celebrou o serán do venres 21 de marzo en Betanzos a IX edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a diversos colectivos relacionados con mundo do libro e a cultura galega. O acto tivo lugar no Liceo de Betanzos e nel participaron autoridades do mundo do libro, a cultura e a política de Galicia. Estivo presidido polo Alcalde de Betanzos, José Ramón García Vázquez; Manuel Bragado, presidente da AGE e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén asistiron ao acto o director de marketing de GADIS, Antonio Cortés; Concelleiro de Cultura da cidade, Antía Otero, Vicepresidenta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o presidente do Clúster Gráfico, a directora das Bibliotecas Municipais da Coruña, a presidenta da Federación de Libreiros e outros integrantes do gremio de editores, escritores e representantes da vida cultural galega. A actividade foi coorganizada pola AGE e o Concello de Betanzos e contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Secretaría Xeral de Cultura e GADIS. O grupo vocal EntreElas, da Coruña, presentou e amenizou a velada.
Formaron parte do xurado dos premios Mercedes Queixas, profesora e Secretaria da AELG; Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora de Filoloxía Galego Portuguesas da UDC; Roberto Castro Iglesias, libreiro, Librería Sisargas; Isabel Blanco Pardo, directora das Bibliotecas Municipais da Coruña; Xesús Fraga, escritor e xornalista en La Voz de Galicia; exercendo como secretaria Luz Picos, con voz e sen voto. Os premios son os seguintes:
– Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 2013: O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, editado por Galaxia.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro 2013: Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, editado por Alvarellos.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción 2013: Cantares Gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de María Pilar García Negro, editado por Alvarellos.
– Premio Lois Tobío á Tradución 2013: Ulises, traducido por María Alonso, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle, editado por Galaxia.
– Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2013: Pan de millo, ilustrado por Dani Padrón, editado por Kalandraka.
– Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil 2013: A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar, editado por Biblos.
– Premio Xosefa Iglesias Villaverde ao Libro Educativo 2013: Vento e Chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago, editado por Xerais.
– Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013: Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos tradicionais, de Xerais.
– Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/autora ou colectivo de autores en lingua Galega 2013: Berta Dávila.
– Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2013: Librería Couceiro da Coruña. Aos libreiros Carmiña Couceiro e Pepe Díaz.
Coñécense os finalistas do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada
“Reunido
o xurado do II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada, formado por Sari Alabau Albors, Carmen Cuesta García, Ánxeles Pernas García, Elia Rico Lagarón e Antonio Yáñez Casal, que actúa en calidade de secretario, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas os textos das obras A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo; As crónicas de Landereina: Bágoa de Lúa, de Sabela González; A Terra Queima, de Lalo Carnota e Xurxo Souto, e O Castañeiro de Abril, de Antonio Manuel Fraga.
Ferrol, 10 de marzo de 2014″
Coñécense os finalistas do XX Premio Arcebispo San Clemente
Desde La Voz de Galicia:
“Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras; A vitoria do perdedor, de Carlos G. Reigosa; e Costa do Solpor, de Xosé María Lema, son as tres obras finalistas en lingua galega da vixésima edición do premio Arcebispo San Clemente, convocado polo IES Rosalía de Castro de Santiago. (…)
O fallo será decidido por un xurado integrado por estudantes do IES Rosalía de Castro de Santiago, e doutros catro institutos galegos (un por provincia), que se elixirán por sorteo, segundo anunciouse na presentación das narrativas finalistas. O fallo prevese que se dará a coñecer en xuño, no instituto compostelán.”


