Oroso: presentación do Dicionario Ramón Piñeiro

O “Dicionario” Ramón Piñeiro de Xoán Pastor Rodríguez Santamaría preséntase mañá xoves 28 de maio no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa, en Sigüeiro, Oroso. No acto intervirán o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, o director editorial de 3C3, Antonio Puentes Chao, e o propio autor.

Bruxelas: presentación de libros de Xavier Alcalá e Xavier Queipo

Mañá mércores 27 de maio no Instituto Cervantes de Bruxelas (Avenue de Tervueren 64) ás 18:30 terá lugar a presentación dos libros Al sur del mundo de Xavier Alcalá e Las aventuras del Capitán Duchesnoy de Xavier Queipo. O acto contará coa participación de José Manuel Silva, Director Xeral de Investigación da Comisión Europea, e María González Encinar, do departamento de Educación da Embaixada de España en Bélxica.

A Coruña: presentación de libro na Galería Sargadelos

Hoxe venres 22 de maio ás 20,30 preséntase o libro Os documentos Fonterosa de Margarita Rodriguez Otero na Galería Sargadelos da Coruña (Real, 56). No libro a escritora volve á casa paterna en Monforte de Lemos na busca de repouso e tranquilidade. Os recordos da infancia e dos seus antergos axéxana en cada recuncho. Unha tardiña descubre casualmente un atadallo de vellos papeis entre as pertenencias do seu pai. O achado desencadea unha serie de extraordinarias revelacións sobre o pasado da familia Fonterosa e tamén, sobre un enigma histórico de trascendencia universal. No acto de hoxe intervirán no evento José Luis Rodríguez Pardo, abogado e presidente da Asociación Cultural O Facho, Susana Veiga, editora, e a autora.

A Coruña: David Otero presenta un libro sobre Alexandre Bóveda

O xoves 21 de maio ás oito da tarde na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña (na Rúa Olmos) preséntase o libro Alexandre Bóveda, na demanda de restauración, escrito por David Otero e editado por Laiovento. Participarán no acto Pancho Pillado, Avelino Pousa Antelo, Xosé Luís Bóveda, Xoán Xosé Abella e Mini e Mero. A entrada é libre.

A Coruña: presentación de Lúa de xemas frías, escolma de poesía mapuche de Xulio L. Valcárcel

Xulio L. Valcárcel: “Hoxe, cunha globalización que pretende chegar coa súa teima uniformizadora e esterilizante aos lugares máis recónditos, os mapuches tratan de conservar a súa identidade. A loita tenaz e admirable deste pobo pola preservación, fronte a tanta e tan aberta hostilidade, dos seus sinais identitarios, a súa encomiable resistencia fronte á sociedade consumista de carácter masificador e homogenizador, e o papel esencial que nese proceso de afirmación do propio teñen desempeñado con orgullo os seus poetas, explican o porqué deste libro”.

A presentación de Lúa de xemas frías (Espiral Maior), a recente escolma de poesía mapuche cuxa edición vén de realizar Xulio L. Valcárcel, terá lugar o mércores 20 de maio ás 20,00 horas na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56). O acto contará coa participación de Iván Contreras, Miguel Anxo Fernan Vello e Xulio L. Valcárcel. Tamén ofrecerán unha participación especial o actor Gustavo Pernas e a actriz Ánxela G. Abalo.

Vigo: presentación do libro Deter o día cunha flor

Mañá mércores 20 de maio ás 19:30 horas na Casa do Libro de Vigo (R/ Velázquez Moreno, 27) terá lugar a presentación do libro de poemas de Luz Pozo Garza Deter o día cunha flor, ilustrado a toda cor polo gravador betanceiro José Valentín e editado por Baía. No acto, xunto a Luz Pozo e José Valentín, intervirán o profesor, poeta e crítico literario Xosé María Álvarez Cáccamo, a poeta María do Carmo Krukenberg e a directora editorial Belén López Vázquez, quen se encargarán de facer unha aproximación crítica a esta obra que combina a literatura poética e a expresión plástica e que ofrecerán un recital poético.

«”Non existe a arte, só os artistas”. Se así o aceptamos, podería explicarse a afinidade, a irmandade, entre dúas formas de expresión, imaxe e palabra, que se complementan. Antiga é a relación. Xa Simónides de Ceos sostiña que “a poesía é unha pintura falada, e a pintura unha poesía muda”. Luz Pozo e José Valentín seguen unha tradición ben nosa: houbo épocas nas que non se concebía a edición dun libro galego sen as correspondentes ilustracións: de Colmeiro, Seoane, Laxeiro, Xohan Ledo (…).

Relación constantemente renovada, a da pintura e a poesía, que volvemos atopar nesta obra, síntese fecunda de dúas achegas a un todo harmónico. Deter o día cunha flor, este é o título, enunciado-propósito, do libro de Luz Pozo Garza e José Valentín; Luz Pozo, unha das nosas máis grandes poetas; José Valentín, revelación serodia, pero a tempo, dun artista moito máis importante do que a súa modestia lle permite aceptar. Luz e José, dous creadores cun enfoque común de interacción e apoio».

(Do prólogo de Xulio López Valcárcel)

 

A Coruña: presentación de libros da fotógrafa Maribel Longueira

O mércores día 20 de maio ás 20.00 horas na Fundación Caixa Galicia na Coruña presentaranse os libros Entremiradas I Galicia-Bos Aires e Entremiradas II Galicia-Cuba da fotógrafa Maribel Longueira, editadas pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Emigración. No acto participarán os escritores Salvador García-Bodaño, Xosé Luis Axeitos, Manuel Álvarez Torneiro, Francisco X. Fernández Naval, Marga do Val, Tucho Calvo, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Olga Patiño, Eva Veiga, Anxos Sumai, Xosé Fernández Ferreiro e Estíbaliz Espinosa.

Vigo: presentación do libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro

Mañá venres 15 de maio terá lugar a presentación en Vigo do libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, editado por Xerais. Será na Casa do Libro (rúa Velázquez Moreno, 27) ás oito do serán, con entrada libre. O acto contará coa participación de Xesús Alonso Montero, Luís Ferreiro, Manuel Bragado e Ramón Nicolás.