O xoves día 28 de xuño, ás 20:15 horas no Salón Nobre do Liceo de Ourense, terá lugar o acto de presentación do libro Os escritores galegos ante a guerra civil española, de Xesús Alonso Montero. Intervirán no acto Marcos Valcárcel e o autor. (Liceo de Ourense)
Arquivo da categoría: Presentacións de libros
Presentación n’A Coruña de “Ramón Martínez López”, de X. Amancio Liñares Giraut
A obra biográfica Ramón Martínez López, de X. Amancio Liñares Giraut, será presentada na Libraría Couceiro d’A Coruña (Praza do libro) o mércores 13 de xuño ás 20:30 horas. No acto intervirán Arsenio Ferraces (profesor de Filoloxía Latina na Universidade da Coruña), Carlos Velasco (profesor de Historia Contemporánea na Universidade da Coruña) e o propio autor.
Santiago: presentación de “Outro mundo é posíbel: o reino da necesidade de Vandana Shiva”, de Anna Cervera i Iglesias
A presentación do libro Outro mundo é posíbel: o reino da necesidade de Vandana Shiva, de Anna Cervera i Iglesias (Baía Edicións – Servizo Galego de Igualdade), terá lugar en Santiago o próximo martes día 5 de xuño, ás 19:00 horas, na Sala de Conferencias da Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural). Intervirán, ademais da autora, Ana Luísa Bouza Santiago (Directora Xeral do SGI) e María Xosé Agra Romero (Profesora da USC).
Presentación d’ “A saga de San Ferreol”, de Ramón Loureiro
No Ateneo Ferrolán, o xoves 10 de maio ás 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro A saga de San Ferreol, con texto de Ramón Loureiro e ilustracións de Francisco Pérez Porto.
Presentación do nº 1 da revista “Roteiros. Arumes de pensamento crítico”
A presentación do Nº 1 da revista Roteiros. Arumes de pensamento crítico terá lugar na Galería Sargadelos de Lugo (Pza. de Santo Domingo) o mércores 9 de maio ás 19:00 horas (ás 12:00 para os medios). No acto intervirán o director da revista Roteiros Xosé Luís Barreiro Barreiro e os membros do Comité de redacción Miguel Ángel Martínez Quintanar e Manuel Rivas García.
Presentación de dous novos libros de Xosé Chao Rego
As obras Iglesia y franquismo. 40 años de nacional-catolicismo (1936-1976) e Iglesia y posfranquismo. 17 años de transición (1976-1992), de Xosé Chao Rego, serán presentadas na Galería Sargadelos de Compostela (Rúa Nova, 16). Intervirán no acto Bernardo García Cendán (profesor de Socioloxía na Universidade de Santiago), X. Amancio Liñares Giraut e Antonio Puentes Chao (directores editoriais de 3C3) e o propio autor.
Preséntase en Compostela «Clío nas ondas», de Ramón Villares
No acto de presentación de Clío nas ondas. De libros, persoas e sazóns de Ramón Villares intervirán Virxilio Costas (director da Radio Galega), Ana Romaní (directora do Diario Cultural da Radio Galega e autora do epílogo do libro), Amancio Liñares (director editorial de tresCtres) e o propio autor. Terá lugar no Club Internacional de Prensa (Avda. da Coruña, 6-Baixo, Santiago de Compostela) o mércores 11 de abril ás 12:00 hs.
Actividades da A. C. Alexandre Bóveda
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa das próximas actividades previstas:
ABRIL
Martes 10: Presentación do libro de poesía Hoxe que vén o vento do sur, de Miguel Sande, coa participación do autor, de Pilar Pallarés e do editor Miguel Anxo Fernán-Vello, ás 20:30 h., no salón de actos da Asociación.
Luns 16: Curso de Recursos informáticos en galego, que se desenvolverá os días 16, 18, 23, 25 de abril e 2 de maio, de 20:30 a 22:30 hs., coa colaboración de “Net Informática”. Aberto prazo de inscrición.
Martes 17: Curso de Recursos informáticos en galego, que se desenvolverá os días 17, 19, 24, 26 de abril e 3 de maio, de 20:30 a 22:30 hs., coa colaboración de “Net Informática”. Aberto prazo de inscrición.
Martes 24: Conferencia con motivo do Día das Letras Galegas sobre a figura de María Mariño, a cargo de María Pilar García Negro, ás 20:30 hs., no local da asociación.
Mércores 25: Mesa redonda Enerxías renovábeis e desenvolvemento sustentábel, con Anxo Calvo (Director Xeral de Industria), Alexandre García (representante de ADEGA) e Xosé Antonio Diéguez (representante da Asociación de propietarios de terreos VENTONOSO), ás 20:00 h. na Aula de cultura de Caixa Galiza, situada na rúa Médico Rodríguez.
Domingo 29: Excursión para participar na Iª xuntanza de sendeirismo As Mariñas-Culleredo 2007. A ruta partirá dende Orro e inclúe xantar en común co resto de grupos participantes e un percorrido de 15 Km. O prezo é de 10 €. Aberta a inscripción.
AVANCE DO MES DE MAIO
Martes 8 e xoves 10: Curso intensivo de galego, intitulado “Por un modelo digno de lingua”, das 20:00 h. até ás 22:00 hs., no salón de actos da asociación, a cargo dos profesores Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xosé Manuel Sánchez Rei. Inscrición gratuíta.
Martes 22: Conferencia a cargo do escritor portugués José Braga-Amaral, que falará sobre a “A Visión da Galiza na literatura dos escritores do Douro: Miguel Torga, Camilo Castelo Branco e João Araujo-Correia”, ás 20:30 h., no salón de actos da Asociación.
Venres 25: Concerto do grupo Na virada, a presentar o seu último traballo, “Solaina”, ás 21:00 hs., no Fórum Metropolitano do Parque Europa.
Galería Sargadelos de Ferrol: «Educar para ler»
A Galería Sargadelos Ferrol informa de que comezan as actividades da campaña de animación á lectura «Educar para ler», con encontros entre alumnos de centros de ensino de Ferrolterra e os autores dos libros seleccionados polos propios centros educativos con motivo desta campaña.
O venres 27 de abril ás 17:30 horas contarán coa presenza de Yolanda Castaño e Eduardo Hermida, escritora e ilustrador do libro Punver. No acto os autores realizarán un obradoiro con música e dramatización da obra.
Presentación d’ “Os ríos pasan cheos de Deus”, de Victorino Pérez
Os ríos pasan cheos de Deus é unha antoloxía da poesía relixiosa en galego que inclúe unha importante representación da poesía portuguesa nos Séculos Escuros en Galiza. lnclúe tamén unha longa introducción sobre o que o autor entende por poesía relixiosa e a súa presenza na literatura galega. Prólogo de Xesús Portas.
A presentación será no marco excepcional dos 30 anos da revista Encrucillada, o próximo venres 23 de Marzo ás 19 h. no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela). Tras das palabras de Andrés Torres Queiruga e o relatorio de Ramón Villares Paz polo evento de Encrucillada, presentarán o libro a nova directora de Toxosoutos, Xesús Portas Ferro e mais o autor.