A Coruña: presentación do poemario Deconstruçom

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que hoxe venres 26 de febreiro terá lugar a presentación do poemario Deconstruçom de Susana Sánchez Aríns. Nesta presentación participará ademais da propria autora, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello e Roberto Catoira. Será ás 20:00 h. no salón de actos da asociación, con entrada libre. Deconstruçom, editado por Espiral Maior, foi premiado co XXI premio nacional de poesia Xosé María Pérez Paralle.

Maside: Cesáreo Sánchez presenta o seu último libro

Mañá venres día 26 de febreiro, ás 15,30 horas, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, vai presentar no C.P.I. de Maside (Ourense) o seu último libro O paraíso das sombras, nun encontro cos alumnos e alumnas do centro de ensinanza de secundaria. O autor aproveitará o acto para facer unha doazón de parte da súa biblioteca persoal á biblioteca do centro.

A Pobra de Caramiñal: presentación da novela gaañdora do Premio García Barros

A Asociación Cultural Barbantia, a libraría Ler d´A Pobra do Caramiñal e a Editorial Galaxia presentación este venres o libro Un tipo listo, Premio García Barros de novela, de Xosé Monteagudo. O acto celebrarase na libraría Ler d´A Pobra do Caramiñal a partir das 20:30 e nel estarán presentes o autor, así como Víctor Freixanes, director de Galaxia; Antón Riveiro Coello, presidente de Barbantia; Xosé Ricardo Losada, secretario de Barbantia; e os socios da entidade, María Xesús Blanco e Xerardo AgraFoxo.

Pontevedra: presentación da carpeta Homenaxe a Uxío Novoneyra

Este venres 26 de febreiro preséntase no Café Moderno de Pontevedra a carpeta Homenaxe a Uxío Novoneyra: Letras Galegas 2010. O acto comezará ás 20:00 e ten entrada libre. A carpeta será presentada máis adiante en Santiago de Compostela (o 5 de marzo, na Asociación O Galo) e Ferrol (12 de marzo, no Ateneo Ferrolán).

Ferrol: presentación dun libro de Neira Cruz

Mañá mércores 24 ás 20.00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol preséntase o libro Jan estivo alí de Xosé A. Neira Cruz. O acto contará coa participación do autor acompañado por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e membro da Real Academia Galega, e David Soler, ilustrador.

Presentación en Oxford de Books burn badly de Manuel Rivas


O Centre for Galician Studies e The Queen’s College organizan a presentación de Books Burn Badly, tradución ao inglés de Os libros arden mal de Manuel Rivas.

O acto terá lugar en Oxford no Ashmolean Museum o venres 26 de febreiro ás 5 da tarde. A presentación irá seguida dunha mesa redonda con Manuel Rivas, Jonathan Dunne, tradutor incansábel de literatura galega ao inglés, e John Rutherford, responsábel do Centre for Galician Studies e tradutor. No acto servirase un viño galego.

Santiago: presentación do Manual de lexislación educativa

O vindeiro martes preséntase en Santiago Manual de lexislación educativa: Da LOXSE á LOE de Manuel Lama Grande. No acto intervirán Senén Barro Ameneiro –reitor da Universidade de Santiago de Compostela–, Isabel Serna Masiá –inspectora de Educación–, Antonio Puentes Chao –director editorial de 3C3– e o propio autor. Será na Librería Follas Novas a partir das 20 horas.

A Coruña: presentación do libro-disco Tic-Tac

O músico Pablo Díaz presenta este venres 19 de febreiro a partir das 18:00 horas, no Fórum na FNAC (A Coruña), un concerto para todos os públicos con algúns temas deste traballo. No espectáculo van participar, entre outros artistas, Carmen Rey e Xabier Díaz.

Editado por Kalandraka, Tic-Tac contén cancións do músico coruñés Pablo Díaz e ilustracións de Marc Taeger, deseñador suizo afincado en Galicia, e conta con numerosas colaboracións musicais: Xabier Díaz, Guadi Galego, Carmen Rey, Ruote… así como as achegas de Santiago Auserón e de Xurxo Souto no prólogo e no epílogo da obra, respectivamente.