Arquivo da categoría: Presentacións de libros
Preséntase no Centro Ramón Piñeiro unha edición facsimilar da revista Xistral
Desde a Xunta de Galicia:
“O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou este serán no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) unha edición facsimilar da revista poética Xistral publicada no ano 1949 por Manuel María, autor que será homenaxeado o próximo Día das Letras Galegas.
Valentín García sinalou que, “vista coa distancia que proporciona o tempo, Xistral foi unha aventura literaria que simbolizou tamén a continuidade dunha lingua e dunha cultura”, polo que, máis alá do seu indubidable valor artístico, “é un referente na loita a prol da cultura galega” que ten gañado un lugar de honra na nosa historia.
O secretario xeral estivo acompañado polos profesores Luís Alonso Girgado, coordinador da publicación; Manuel González González, director científico do CRPIH; Blanca Ana Roig-Rechou, directora da área de Literatura do CRPIH, e Claudio Rodríguez Fer, prologuista da edición.
Edición facsimilar
A revista Xistral (Lugo, 1949) foi unha aventura de mocidade do, daquela, aínda estudante de bacharelato Manuel María Fernández Teixeiro, quen dirixiu a cabeceira e publicou nela os seus primeiros versos. Na iniciativa, que durou apenas dous números, contou coa colaboración do seu amigo Manuel Antonio Sopena Somoza. Malia a súa curta vida, nestas entregas figuran poemas de autores lucenses tan destacados como Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro ou Aquilino Iglesia Alvariño.
A edición facsimilar publicada polo CRPIH conta con textos introdutorios de Claudio Rodríguez Fer e mais do responsable da edición, Luís Alonso Girgado, e reproduce tamén unhas palabras liminares a propósito de Xistral pronunciadas no seu día por Manuel María. (…)”
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o xoves 5
Do 19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o xoves 5 de maio:
– 18:00 h. A palabra une. Galicia e Arxentina. Recital poético con Miguel Anxo Fernán-Vello. Stand.
– 20:00 h. Presentación de Os kowa, de Xavier Queipo, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, interveñen Carlos Brandeiro e Xavier Alcalá.
– 21:30 h. Compostela Colateral. Charla nocturna sobre novela negra: Resignificando o xénero. Diego Ameixeiras en diálogo con Kike Ferrari. Centro Cultural Matienzo (Sala Buenos Aires).
Compostela: actos destacados do xoves 5 na Feira do Libro
O xoves 5 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Lateral da Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 11:00 h. Inauguración da exposición A Historia da Literatura Fantástica, por Urco Editora.
– 19:00 h. Memorias contadas. Homenaxe a Neira Vilas, espectáculo de humor con Cándido Pazó.
– 20:00 h. Presentación da Antoloxía poética de Manuel María, a cargo de Darío Xohán Cabana, publicada en Galaxia. Con Víctor F. Freixanes.
Compostela: presentación de Un pintor que sabía o que facía, de Carlos L. Bernárdez
Bilbao: presentación de Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, de Mercedes Queixas
Lugo: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez e fotografías de Ignacio Castro, “Nachok”
O xoves 5 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Gato Neghro (Rúa San Roque, 32), en Lugo, preséntase o libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro. No acto haberá un recital poético con imaxes e música en directo que correrá a cargo de Belén Bermejo e Andrés Díaz.
“A breve historia da literatura de Mercedes Queixas”, por Manuel Bragado
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Acompañamos o luns 2 de maio a Mercedes Queixas na presentación do seu libro De pergamiños, follas voandeiras, libros ao punto gal na Feira do libro de Santiago, un evento sempre polémico que este ano coincide na Alameda co balbordo das festas da Ascensión e con outros actos importante da programación cultural compostelá. Mercedes Queixas comezou a súa intervención lembrando que a orixe deste ensaio estivo na Breve historia da literatura galega que publicara en 1999 en Edicións A Nosa Terra. “Aquel foi un punto de partida, un traballo actualizado agora coas novas ferramentas que nos últimos quince anos foron xurdindo na investigación literaria galega”. “Esta obra pretende ser un paseo, apenas un petisco antes de adentrarse na literatura galega. Aquí están esbozados os camiños da nosa literatura nun rexistro propositadamente divulgativo para un lectorado curioso que quere coñecer o seu papel no ámbito da literatura universal”.
Lembrou a autora que escollera un poema de Manuel María no que fala do poema como un ser vivo coa intención de considerar tamén como tal a literatura galega. “Así o quixen expresar no propio título, que expresa diversos momentos históricos dun proceso que se alongou desde hai oito séculos. A miña intención foi ofrecer unha panorámica sintética de cada etapa coas súas pautas. Utilicei ao comezo do libro dous poemas de amor, unha cantiga de amor de Airas Nunes e un poema de Berta Dávila, para expresar este camiño de oitocentos anos”. “A obra constitúe unha panorámica moi aberta e sintética, onde non hai espazo para facer unha relación de datas, nomes e obras. Porén, había que ofrecer un relato da historia literaria galega, o que supuxo un reto”. Referiuse, despois, Queixas as razóns polas que o libro estaba dedicado ao seu alumnado, cando ela mesma entraba na maioría de idade docente. “Era moi importante ter en conta un destinatario para unha obra con este afán didáctivo e divulgativo”.
A seguir, Mercedes Queixas salientou que pretendeu incluír os avances que nos últimos quince anos se produciron na investigación literaria galega,como tamén que aparecesen os nomes silenciados, os que neste relato semellan sempre invisibles. “Hai por iso unha razón propositiva na presenza de mulleres, dende a Idade Media, até as voces máis contemporáneas como a de María do Carme Kruckenberg, a xéneros como a literatura infantil e xuvenil ou a toda a rede de tradución tan importante para a proxección internacional da nosa literatura.”
Rematou Queixas referíndose a fraga de diversidade de xéneros da nosa literatura, metáfora de biodiversidade recollida no booktrailer que para a obra preparara Distrito Xermar. “Esta é unha historia felizmente inconclusa. A historia literaria galega é un proceso vivo no que estamos autoxenerando novas formas de expresión.” Concluíu a autor aconfesando que “a escrita deste libro foi para min un refuxio, un xeito de GPS na procura da raíz, das fortalezas da nosa literatura no medio da campaña que vivimos de ataque ao galego”.”
Compostela: presentación do número da Revista Galega de Educación sobre Ensinar… non sen a poesía
Compostela: actos destacados do mércores 4 na Feira do Libro
O mércores 4 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Lateral da Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 18:00 h. Presentación do libro O soño das cores, de Ramón Caride e Jaime Asensi, publicado por Urco Editora.
– 20:00 h. Presentación de Quen dá a quenda?, de Héctor Cajaraville, publicado por Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.