O Grove: presentación de Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández

O venres 15 de novembro, ás 20:00 horas, no espazo da Galería Besada (Rúa Concepción Arenal, 18) do Grove, preséntase Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Carlos Álvarez e Dunia Álvarez.

Betanzos: presentación de Vento e chuvia, de Manuel Gago e Manel Cráneo

O venres 15 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase o libro Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago e ilustrado por Manel Cráneo, publicado en Xerais. No mesmo acto, Manel Cráneo presentará a súa obra de banda deseñada A Torre dos Mouros publicado por Demo Editorial. Participan Antón Malde, Manuel Gago e Manel Cráneo.

Vigo: presentación das Actas do IV Congreso Manuel Luís Acuña

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“O mércores 13 de novembro, ás 19:30 horas, celebrarase na Casa do Libro da cidade de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), a presentación do libro das Actas do IV Congreso Manuel Luís Acuñaeditado hai pouco tempo polo concello da Pobra de Trives. No acto intervirán Francisco José Fernández Blanco, alcalde do devandito concello; Xoán Carlos Domínguez Alberte, coordinador e editor da publicación, Xesús Alonso Montero, participante neste volume e presidente da Real Academia Galega e o propio Ramón Nicolás.”

Fallado o VIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas

Desde Que pasa na Costa e Portal Galego da Língua:
“Este pasado sábado, a Casa da Vasca de Barizo acollía a Cea das Letras, organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, e que serviu para facer público o fallo do VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
Antes, o acto tivo dous puntos de interese. José Estévez acudiu como autor invitado e puido presentar o seu libro Flirteando no Feisbu. Ademais, e como cada ano, o acto serviu para presentar a obra gañadora do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. A obra escollida o ano pasado, e premiada coa súa edición, é Chamádeme Eva, da escritora Mercedes Leobalde García.
Despois da súa intervención o xurado, composto pola propia Mercedes Leobalde García, o animador sociocultural do concello Antón Lois Noceda Carballo, e o Presidente da A. C. Caldeirón, Francisco Quiroga López, deron conta do fallo.
Logo de ver as 15 obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a que leva por título Dominio Público que resultou ser do escritor Ramón Neto.
A obra, que alterna poemas en verso con prosas poéticas, presenta ademais un léxico rico e variado que se atreve ata coa astronomía e os corpos celestes, un calidoscopio de puntos de vista no eu lírico e frecuentes xogos cómplices co lector nos que se funden e confunden literatura e “realidade”. Todo o dito fai de Dominio público un poemario dunha gran modernidade, variado, fresco e enxeñoso sen renunciar con todo a certas referencias culturais, cinéfilas e pictóricas- e dunha notable calidade literaria.
Tamén o xurado propuxo igualmente unha mención para o poemario presentado co título Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, da escritora Verónica Martínez Delgado.”

Santiago: presentación de As palabras do silencio, de Ánxela Gracián

O xoves 14 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase As palabras do silencio, de Ánxela Gracián, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, os chineses Ye Wang e Lu Xu, quen farán unha dramatización da lenda orixinal do Qu Xi en chinés e galego, e Manuel Bragado. Durante os catro xoves seguintes (21 e 28 de novembro e 5 e 12 de decembro) terá lugar de 17:30 a 19:00 horas o obradoiro literario infantil Primeiro fun cartón agora son dragón impartido pola autora do álbum, dirixido a nen@s entre 4 e 8 anos.

A Coruña: presentación do número 199 da revista Grial

O xoves 14 de novembro, ás 19:30 horas, na Fundación Barrié (Cantón Grande, 9) da Coruña, preséntase o número 199 da revistal Grial. No acto participan Víctor F. Freixanes, Fernando González Laxe, Alberte Piñeiro e Ana José Varela.

Ferrol: presentación de Dez anos de poesía nas Pontes

O venres 8 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María) de Ferrol, preséntase o libro titulado Dez anos de poesía nas Pontes, publicado en Galebook. No acto participan Santi del Moral, Ofelia López, Gloria David, Mari Carmen Freire, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela, Eduardo Estévez e Medos Romero.