Vigo: actos destacados do xoves 4 na Feira do Libro

O xoves 4 de xullo prosegue a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para este día:

Xoves 4
20:00 h. Presentación do libro Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participarán no acto Carlos Lema e Gustavo Garrido.
21:00 h. Cándido Pazó na feira do libro, co seu espectáculo Historias de sempre para xente de agora.

Versos no Olimpo colleita unha calurosa benvida nas súas presentacións públicas

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural:
“A obra poética colectiva Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, microfinanciada e editada grazas á nosa rede de colaboradores, non puido recibir unha benvida máis calurosa nas súas primeiras presentacións en sociedade por parte non só da xente que comprometera as súas achegas para ver este soño literario feito realidade, senón tamén por parte de quen, non tendo formado inicialmente parte do proxecto, desexa facerse con esta xoia literaria nacida da suma de sinerxias de moitísimas persoas boas e xenerosas.
O pasado martes 25 de xuño á tardiña, Versos no Olimpo foi recibido na capital galega por todo o alto. No escenario inmellorábel da libraría Couceiro os seus dous coordinadores, Miro Villar e Francisco Xosé Fernández Naval, asi como Merche Díaz e Xil Caamaño en nome da nosa Asociación, foron debullando tanto os seus aspectos literarios coma os técnicos que levaron a materializar a antoloxía. (…)
O sábado 29 ás 19:00 horas, xusto cando arribaban ao Pindo os participantes da celebrada subida ao Olimpo Celta que nos deixou unha nova marabillosa, producíase outra boa noticia co cheo rexistrado na Confraría de Pescadores do Pindo para participar na presentación do libro no marco das VIII Xornadas de Pesca, a cargo de Chisco Fernández Naval, Merche Díaz, Xil Caamaño e Mario Maceiras, acompañados dalgúns dos 56 autores e das autoras dos 79 textos que de agora en sempre engalanarán as follas de Versos no Olimpo: Marta Dacosta, Estevo e David Creus, Alexandre Nerium, Paco Souto ou Nieves García Centeno, entre outros, foron algúns dos encargados de facer voar os versos do Olimpo no recital poético O Monte Pindo, vixía do mar. (…)”

Vigo: actos destacados do mércores 3 na Feira do Libro

O mércores 3 de xullo prosegue a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para este día:

Mércores 3
18:30 h. O escritor Agustín Fernández Paz asinará exemplares das súas obras
19:00 h. Presentación do libro Cartas de inverno, novela gráfica de Antonio Seijas, publicada por Edicións Xerais de Galicia. Participan no acto Agustín Fernández Paz, Manuel Bragado e o autor.
19:30 h. O escritor Xabier Paz asinará exemplares do seu libro As vidas de Nito, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
20:00 h. Presentación do libro Inmateriais, de Suso de Toro, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Participan no acto Manuel Bragado e o autor.

Vigo: actos destacados do martes 2 na Feira do Libro

O martes 2 de xullo prosegue a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para este día:

Martes 2
19:00 h. Presentación do libro Faneca Brava, de Manuel Portas, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Participan no acto Ramón Nicolás, Manuel Bragado e o autor do libro.
19:30 h. Sinatura e encontro cos lectores de Dragal (a serie do dragón galego), de Elena Gallego Abad.
20:00 h. Lectura de As voces baixas, de Manuel Rivas. Ao remate, o autor asinará exemplares dos seus libros.

Vigo: actos destacados do luns 1 na Feira do Libro

O luns 1 de xullo prosegue a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para este día:

Luns 1
18:15 h. Presentación do libro infantil O carballo, de Calros Silvar, publicado por Baía Edicións. O autor, que nos explicará como debuxar unha árbore, estará acompañado por Miguel Ángel Fernández Martínez, do grupo naturista Vacaloura e autor da Guía de libélulas de Galicia, e Belén López Vázquez.
19:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde. Presentación do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
20:00 h. O escritor Xabier Correa Corredoira, presenta o seu libro Resina de poliéster, publicado por Baía Edicións. Xunto co autor, participará no acto o escritor Francisco X. Fernández Naval e a directora da editorial, Belén López Vázquez.

Vigo: actos destacados do sábado 29 e domingo 30 na Feira do Libro

O sábado 29 e domingo 30 de xuño prosegue a súa andadura a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 29
18:00 h. Contacontos: O Cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade organizada por Nova Galicia Edicións.
19:00 h. Alfonso Eiré presenta o seu libro Infiltrados, publicado por Biblos Clube de Lectores.
19:30 h. O escritor Miguel Ángel Alonso asinará na caseta de Andel do Libro Galego e Portugués.
19:30 h. O escritor Pedro Feijóo, asinará exemplares do seu libro Os fillos do mar, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
20:00 h. Presentación do libro A cociña dos Cunqueiro, con prólogo de César Cunqueiro e receitas da dona do escritor, Elvira González-Seco Seoane, editado por Galaxia. Participan no acto Carmen Freire, Miguel Vila, César Cunqueiro e Víctor Freixanes.

Domingo 30
19:30 h. O escritor Moncho Iglesias presenta o seu libro Pedras de plastilina, publicado pola editorial Toxosoutos.
20:00 h. Presentación do poemario Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado pola editorial Redelibros.
21:15 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado pola editorial Redelibros
– A partires das 19:00 horas, os autores asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.

Armando Requeixo: As palabras e as xentes de Victoriano Taibo

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Na tarde do martes 25 de xuño, nos locais que o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) ten en Gondomar, tivo lugar a presentación do volume facsimilar Lembranza da tecedeira, un poema autógrafo e inédito de Victoriano Taibo escrito en 1947 e que foi recuperado para esta edición dende o orixinal que conservaba a familia de Juan Novás Guillán, no seu día inspector de Educación e grande amigo do poeta.
O volume acompáñase de moi valiosos prólogos e estudos introdutorios de Antonio Valverde, Marta Dacosta e Miguel Anxo Mouriño e complétase cun cd no que o longo poema é recitado pola poderosa voz de Anxo Angueira sobre unha fermosa base musical ideada por Antón Seoane.
A poética de Taibo fica así incrementada con este achado, que trae ao seu corpus coñecido ata o de agora unha nova alfaia, confirmándoo como unha das voces senlleiras do Tempo das Irmandades e, por extensión, de toda a nosa lírica do pasado século. (…)”.