As Pontes: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O luns, 22 de abril, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal das Pontes, terá lugar a presentación do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística das Pontes, coordinada por Mónica da Silva.

Pontevedra: presentación de Desde unha estrela distante, de Agustín Fernández Paz

O martes 23 de abril, ás 11:00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con motivo da celebración do Día do Libro, Agustín Fernández Paz, acompañado de Manuel Bragado, falará do seu novo libro Desde unha estrela distante, publicado en Xerais, con escolares do CEIP Vidal Portela de Pontevedra.

Ferrol: o martes 23 de abril finaliza a Feira do Libro

O martes 23 de abril finaliza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados:

19:00 h. Presentación do libro Tastarabás. Enciclopedia dos brinquedos tradicionais, do escritor ferrolán Antón Cortizas, con ilustracións de David Sierra Martínez, publicada por Edicións Xerais de Galicia.
20:00 h. Charla coloquio arredor do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado por Edicións Xerais de Galicia, coa presenza de Luís Ferreiro e Fran Alonso acompañando o autor.

Vigo: presentación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira

O martes 23 de abril (Día do Libro), ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei, s/n), preséntase o libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira, publicado en Xerais. No acto participan Abel Caballero, Isaura Abelairas, Anxo Angueira e Manuel Bragado. Alba M. Rodríguez Díaz cantará dous temas rosalianos e a poeta Luciana recitará varios poemas.

Carlos Callón: “O obxectivo é facer que os galego-calantes pasen a ser galego-falantes”

Entrevista a Carlos Callón en Radio Redondela:
“O filólogo e presidente da Mesa pola Normalización Linguïstica salientou, durante a presentación do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez “a necesidade de animar a todos aqueles galegos que aman o galego a que dean o paso de falalo”.
O libro, editado por Xerais, ofrece de xeito desenfadado e mediante anécdotas diferentes consellos útiles para todos aqueles que queiran dar o paso de usar o galego e mellorar na súa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos, moitas veces, non son de orixe gramatical senón social. Este libro é útil para un público diverso, interesado na lingua galega, desde persoas que queren comezar a falala ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorala.
No transcurso da charla Callón aproveitou para lembrar que un idioma pode ir esmorecendo de xeito radical pola adopción de políticas lingüísticas e puxo como exemplo o cambio de sinalización nas estradas que nestes días fai que na AP-9 os sinais de “Peaxe” se cambien por outros de “Peaje” ou ben de xeito paulatino por comportamentos individuais froito da presión social que fan que a lingua deixe de estar presente na relación dos máis vellos coas novas xeracións.” (…)”.

Ferrol: actividades destacadas do sábado 20 e domingo 21 de abril na Feira do Libro

O sábado 20 e domingo 21 de abril prosegue a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados:

Sábado 20:
12:30 h. Presentación do libro Enredando nos antropónimos, de Xulia Marqués, con ilustracións de Sandra García Gutiérrez, editado por Galebook. Participarán no acto as autoras.
18:00 h. A compañía Maquinarias Teatro representará a obra de teatro Touporroutou, adaptación da peza de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño.
18:00 h.: Antonio Seijas autor de Cartas de inverno. Novela gráfica, asinará exemplares na Caseta da librería Espacio Lector Nobel.

Domingo 21:
12:00 h. Presentación do libro de teatro infantil O mistério da escada interior, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Celsa Sánchez Vázquez, publicado por Edicións do Castro.
19:30 h. O escritor Xesús Bermúdez Tellado presenta o seu poemario Viaxe sen cancelas publicado pola editorial Redelibros. Ao remate do acto, o autor dos libros asinará exemplares dos mesmos.

Gondomar: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 19 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Libraida (Rosalía de Castro, 13) de Gondomar, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Rosa Pascual.

Carballo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 19 de abril, ás 20:30 horas, no Casino de Carballo (Rúa Vázquez de Parga, 1), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial e o Instituto de Estudos Bergantiñáns, coa colaboración da Libraría Brañas, participan, xunto ao autor, Xan Fernández Carrera, Xosé Manuel Varela e Manuel Bragado.

Arteixo: presentación de Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho

A sexta-feira 19 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do Candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase o libro Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho, publicado polos Cadernos Q de Vián. No acto, xunto ao autor, participa Paco Gallego.