O luns 19 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón Nobre do Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase o libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado en Xerais. No acto intervirán, xunto ao autor, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Luís Ferreiro e Manuel Bragado. Como peche, actuará María do Ceo, acompañada de Pepe Salgado.
Arquivo da categoría: Presentacións de libros
Entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns
O sábado 17 de novembro, ás 19:30 horas, na Escola de Guillufe (Gondomar), terá lugar o acto de entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns á gañadora desta edición Conchita Álvarez Lebredo, consistente en 3000 € en efectivo, unha escultura creada para este certame polo artista Fino Lorenzo e a publicación do libro, Distancias e Simetrías, que se presentará neste acto. A escritora e xornalista Araceli Gonda será a encargada de dirixir a velada.
A banda de gaitas Balcón do Miñor abrirá o evento ao son da música tradicional. Posteriormente o público poderá gozar coa estrea de Os polos de Rianxo, unha dramatización do conto de Victoriano Taibo, a cargo de Bertorella, un novo grupo de afeccionados ás táboas que farán o seu debut nesta cerimonia. A continuación Marta Dacosta fará un breve panexírico do persoeiro que dá nome ao premio e lerá a acta do xurado como preámbulo da entrega dos premios do certame a Álvarez Lebredo. Momento no que Urbano Esmerode, presidente da ELM, dirixirá unha palabras á gañadora e asistentes. Soño de Calíope, o afamado proxecto musical creado polo mestre e artista natural de Morgadáns, José P. Pérez, que promove novos valores da canción galega, pechará a gala cultural. Finalmente Carlos Méixome director do Instituto de Estudos porá broche oficial á V edición dos premios. Un albaroque animado polas gaitas do Balcón do Miñor permitirá aos asistentes, entre viños e petiscos dialogar con Conchita Álvarez Lebredo e os artistas convidados. Como é tradicional nas cerimonias de entrega do Premio de Poesía Victoriano Taibo, a entrada é de balde.
Bueu: presentación da triloxía Dragal, de Elena Gallego
Vilaboa, Culleredo: presentación de A noiva e o navio, de Susana Arins e Mordida, de Eugénio Outeiro
A sexta feira
16 de novembro, ás 19:30 horas, no Pazo de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), preséntanse as obras A noiva e o navio, de Susana Sánchez Arins, e Mordida, de Eugénio Outeiro, publicadas por Através Editora. No acto participa tamén Mário Herrero.
Santiago: presentación de Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro
O venres 16 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda presenta o libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012). No acto participan cinco dos seus autores, Xosé María Álvarez Cáccamo, Carmen Blanco, Ánxeles Penas, Claudio Rodríguez Fer e Alberte Suras.
Santiago: recital-presentación de RE(C)verso, de Celia Parra
O xoves 15 de novembro, ás 20:30 horas, na Librería Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do CD de audiopoemas RE(C)verso, de Celia Parra Díaz, seguido dun recital da propia autora.
Padrón: presentación de Tonas de laranxa, de Manuel e María Lorenzo
O venres 16 de novembro, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal de Padrón, preséntase o libro Tonas de laranxa, de Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo Miguens, que obtivo o Premio Xerais de novela 2012. No acto participan, xunto aos autores, Anxo Angueira e Manuel Bragado.
Pontevedra: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez
O xoves 15 de novembro, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación de En vías de extinción de María Reimóndez en Pontevedra. O acto celebrarase na Libraría Paz (Rúa da Peregrina, 29) e contará coa participación de Fran Alonso, Eva Mejuto e a propia autora.
Vigo: presentación de O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas
O xoves 15 de novembro, ás 20:00 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase a novela O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, publicada por Xerais. No acto, xunto á autora, participan Manuel Bragado e o músico Mig Seoane.
Miami: presentación de Verde Oliva, de Xavier Alcalá, na Feira do Libro
O xoves 15 de novembro, ás 19:00 horas locais, na Feira do Libro de Miami, Xavier Alcalá presenta a súa última novela, Verde Oliva, publicada en Galaxia.