Tres trabes máis no universo Manuel María

Onde atoparmos o resplandor total/ capaz de iluminar, dunha vez/ e para sempre, a noite escura?. Os lonxes do solpor pecha a obra poética de Manuel María. Trátase do que se considera o derradeiro título de poesía para o que el propio lle tiña encargado o prólogo a Miguel Anxo Fernán Vello. A Fundación que leva o seu nome publícao agora canda o CD Andando a Terra, Uxía canta a Manuel María máis o DVD De amor e cantería, un documental que nos achega de forma poética a súa casa.
O encontro foi feliz e a voz de Uxía deu un novo traballo musical arredor da obra de Manuel María, sen dúbida, o poeta máis cantado das nosas letras. Desa tradición de cancións, Uxía bota man de dúas, O Carro que compuxo Mero para Fuxan os Ventos e Manual do Señorito, que soara na voz de María Manuela para completar un traballo en que o groso son composicións novas para as que Uxía contou con Sérgio Tannus. “Manuel María é o gozo de vivir, e eu fixen un pacto con el para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser pó, seixo ou silveira”, comenta Uxía. Coa presentación do 16 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea anúnciase xa unha xira que levará a Uxía por distintas cidades e vilas, para cantar a Manuel María, cun espectáculo en que, ademais das cancións do novo traballo, haberá a presentación dunha figura local da cultura e a proxección do documental De amor e cantería, a terceira trabe que amplía o universo Manuel María. (…)”. Desde Sermos Galiza.

Ferrol: presentación de 15.724, de Xesús Constela

O venres 19 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32) de Ferrol, terá lugar a presentación da novela 15.724 de Xesús Constela, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participarán Adolfo Caamaño e Manuel Bragado.

Vigo: presentación de Nântia e a Cabrita d’Ouro, de Concha Rousia

A sexta-feira 19 de outubro, ás 20:30 horas, na Libraría Cartabón de Vigo (Rúa Urzaiz, 125), preséntase Nântia e a Cabrita d’Ouro, de Concha Rousia, publicado en Através Editora. No acto, xunto á autora, participa José Gorís.

Pontevedra: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás

O xoves 18 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa de Don Filiberto, 9-11) de Pontevedra, o Ateneo de Pontevedra e Edicións Xerais presentan o ensaio biográfico Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Constela, Luís Ferreiro (fillo de Celso Emilio) e Manuel Bragado.

Santiago: presentación de Fragmentos e comentarios do diario íntimo, de Cristina F.

O xoves 18 de outubro, ás 20:30 horas, no bar As Dúas (Praciña da Oliveira), en Santiago de Compostela, preséntase o libro Fragmentos e comentarios do diario íntimo, de Cristina F., publicado en Estaleiro. No acto, xunto á autora, participa Miguel Mosqueira.

Santiago: presentación-exposición Linde, sobre Cristal escuro, de Branca Novoneyra

A instalación sonora Linde, que presenta e dá corpo ao novo poemario de Branca Novoneyra, Cristal escuro, abrirase ao público o xoves 18 de outubro a partir das 20:30 horas na Galería SQC (Pérez Constanti, 12, baixo) de Santiago de Compostela. O espazo sonoro foi preparado por Branca Novoneyra e Mónica de Nut e o visual por Jesús Andrés Tejada.