Gondomar: A Fogueira dos Versos, de Espazo Lectura

A noite do 23 de xuño a asociación Espazo Lectura celebrará, un ano máis, un san Xoán alternativo con A Fogueira dos Versos: unha festa na que se combina a celebración popular desta data (con comida e cacharela), co recitado de poemas a carón do lume e cun espectáculo cultural que este ano correrá a cargo de Luís Correa “Caruncho”, quen, acompañado da súa zanfona, interpretará un repertorio de música tradicional.
A Fogueira dos Versos celébrase na Casa da Lectura a partir das 21:00 horas. As persoas que se animen a participar poden contribuír á festa traendo das súas casas algo de comida.

Lugo: recital-presentación de Tántalo e Moralla, de Yolanda López

O venres 20 de xuño, ás 19:15 horas, na Libraría Biblos de Lugo (Rúa Salvador de Madariaga, 1, Local 4), terá lugar a presentación dos poemarios Tántalo e Moralla, de Yolanda López. No acto participan, ademais da autora, María José Fernández López, Luís Valle, Alberte Momán, Verónica Martínez Delgado, Iria López López e Ramón González (Factoría Ronsel), acompañados pola guitarra e o oboe de Saleta Rei e Josito Pérez Afonso.

Compostela: o poeta sirio Adonis ofrece un recital de poemas orixinais e en tradución ao galego, o mércores 11 de xuño

O mércores 11 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o poeta sirio Adonis ofrece un recital de poemas orixinais e en tradución ao galego.
Por primeira vez en Galicia, un dos máis firmes candidatos dos últimos anos ao Premio Nobel de Literatura lerá textos propios nun acto conducido pola promotora do mesmo, a escritora Yolanda Castaño, e que contará coa colaboración da AELG e do PEN Club de Galicia, a través das intervencións de Cesáreo Sánchez Iglesias e de Luís G. Tosar, canda a presentación do poeta convidado por parte do profesor da USC Claudio Rodríguez Fer, e a interpretación musical da artista Najla Shami.

Confirmación de asistencia, aquí.

Compostela: Levantémonos! Verbas feministas. Recital poético

O xoves 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Zona C (Rúa San Domingos de Bonaval, 1) de Santiago de Compostela, terá lugar o recital poético Levantémonos! Verbas feministas, no marco da exposición Levons-Nous! O himno das mulleres. As poetas convidadas son Xiana Arias, Marta Dacosta, Rosa Enríquez, Lucía Novas e Susana Sánchez Arins.

A Coruña: recital de Manuel Álvarez Torneiro e Adonis no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 9 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Manuel Álvarez Torneiro e o poeta sirio Adonis. Máis información aquí: Folleto Di(n)versos xuño 2014.