Escritora Galega Universal 2025: Shahd Wadi


O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Shahd Wadi, escritora palestina, como Escritora Galega Universal en 2025, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da alta calidade da súa obra, así como por defender a dignidade nacional de Palestina e os dereitos individuais e colectivos da súa poboación, nomeadamente desde perspectivas feministas.

Poeta e tamén autora do libro Corpos na trouxa: histórias-artísticas-de-vida de mulheres palestinianas no exílio (2017), aborda, na súa investigación, as narrativas artísticas no contexto da ocupación israelita da Palestina e considera as artes un testemuño de vidas, tamén da súa.

Nas anteriores edicións recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa, José Luandino Vieira, Ana Luísa Amaral, Lydia Cacho e Joseba Sarrionandia.

A autora recollerá o seu Premio Honorífico como Escritora Galego Universal, no marco da Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2025, que terá lugar en Santiago de Compostela.

O mesmo sábado 26 de abril, ás 11:30 horas, no Salón Rahid da Fundación Araguaney (Rúa Montero Ríos, 27), en Santiago, terá lugar un coloquio e recital da autora, coa presenza de Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda Abeleira, presidente e vicepresidenta da AELG. A entrada será libre até completar capacidade.

Compostela: “Scripta manent: escritoras da filoloxía”

Crónica fotográfica da Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria 2025

Estas son algunhas das fotografías da Polavila DoCampo, que tivo lugar o 3 de abril no Pazo de San Marcos. Deputación de Lugo, organizada pola Iniciativa Polavila Docampo, a Deputación de Lugo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración de da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e ProLingua. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotografías enviadas por Ghanito).

Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2025 en Compostela (IV)

Estes son algúns dos vídeos do acto central do Día de Rosalía de Castro 2025 en Compostela, que tivo lugar o 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO. A crónica videográfica completa pode verse aquí.

Recital poético. Noela Vázquez Ledo e José González Alonso (SCD Condado).

Recital poético. Mercedes Espiño Amil (Mesa pola Normalización Lingüística, ensinante).

Recital poético. Cristal Méndez Queizán (Música, Maga de Voz).

Recital poético. Helena Pousa Ortega (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, o Condado, a Louriña).

Recital poético. Goretti Sanmartín Rei (Alcaldesa do Concello de Santiago).