Paseo Literario por Compostela, con Euloxio R. Ruibal: “Os escenarios de pedra de Salvador García-Bodaño”, o 1 de decembro

O sábado 1 de decembro terá lugar o Paseo Literario por Compostela Os escenarios de pedra de Salvador García-Bodaño, guiado por Euloxio R. Ruibal.
Trátase dunha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.
Finalizamos o 2018 con este novo percorrido literario, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.

As inscricións, gratuítas, faranse mediante o envío dun correo electrónico ao enderezo teatroprincipal@santiagodecompostela.gal, indicando o nome, apelidos e un teléfono de contacto. Hai un máximo de 50 prazas.

O punto de partida será a Praza da Universidade.

Compostela: visita á exposición “Con Galiza sempre no horizonte”

A Agrupación Cultural O Galo convídate ati e a só unha das túas amizades, a asistir á visita guiada que esta asociación realizará á mostra Con Galiza sempre no Horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela. As explicacións da exposición correrán a cargo do seu comisario, Xosé Ramón Fandiño. Esta visita guiada levarase a cabo:
Lugar: Pazo de Fonseca da USC (rúa do Franco)
Día e hora: Sábado, 10 de novembro de 2018, ás 12h
É imprescindibel anotarse en ogalo.ac@gmail.com antes do próximo xoves 08.11.2018 ás 22h., indicando o nome, apelidos e email de quen/s acodirán. Só porán asistir 20 persoas, tendo preferencia @s soci@s da AC. O Galo, e as prazas asignarase segundo a orde dos email recibidos. Rogamos encarecidamente que non se apunten as persoas que xa realizaron esta visita o pasado día 30.

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Antía Yáñez

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Antía Yáñez do sábado 20 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2018: Ana Acuña e Fina Casalderrey, o 27 de outubro

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

Para inscribirse nestes paseos pola cidade con autoras e autores que escribiron sobre Pontevedra, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos (nome completo, teléfono e enderezo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com, e indicar a que paseo/s queren apuntarse, a partir do 25 de setembro.
A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico.
Prazas limitadas: 50 persoas.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.

Sábado 27 de outubro
A Pontevedra de María Victoria Moreno, con Ana Acuña e Fina Casalderrey.

Paseos pola Coruña Literaria Outono 2018: Olga Patiño

Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Os Paseos pola Coruña Literaria constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

Terán lugar os sábados indicados para cada paseo, de 12:00 a 13:30 h., aproximadamente.
Están dirixidos a maiores de 16 anos e son gratuítos para as persoas interesadas (hai un límite de 55 prazas por paseo).
É necesaria a inscrición previa, que se abrirá a partir das datas indicadas para cada un dos paseos. Pode facerse dos seguintes xeitos:
– Presencial na Conserxaría do Centro Ágora.
– No teléfono 981 189 888 (a partir das datas indicadas para cada paseo).
– Enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.

  • Sábado 27 de outubro (a partir das 12:00 h): paseo con Olga PatiñoA Cidade Vella. A inscrición ábrese o 15 de outubro a partir das 09:00 h.

Este vai ser un percorrido pola luz das pedras. Por esa luz subterránea que nos achega ao bafo dos ancestros. Para a paisaxe invisíbel do tempo está a voz d@s poetas, cuxas pegadas nestas pedras da Cidade Vella foron e son capaces de facer o instante eterno, de vagar pola sinuosidade do vento e achegármonos á hora involuntaria do asombro nas pálpebras dos soños certeiros…

“Rachar a débeda con Francisco Carballo”

Entrevista a Santiago Prol en Sermos Galiza:
“Medio cento de persoas participaron no roteiro cultural pola vila de Maceda para percorreren os lugares de Francisco Carballo cando se van facer catro anos do seu falecemento.
O punto de partida foi a cafetaría Castillo, onde o escritor, presbítero, teólogo e historiador Francisco Carballo (Maceda, 1925-Salamanca, 2014), un dos máis entusiastas impulsores de Sermos Galiza, facía parte dun faladoiro cada vez que regresaba ao seu lugar de orixe. “Alí sempre quedaba Carballo coa xente de Maceda, xuntábase con quen tiña vínculos con el”, explica, en conversa con este medio, Santiago Prol, impulsor da Asociación Amigos de Francisco Carballo, entidade que organiza os roteiros na súa lembranza. O último tivo lugar o sábado, día 20, na vila de Maceda.
Máis tarde o medio cento de persoas que quixo honrar Carballo visitou o Museo do Médico Rural, “aínda non está aberto, mais permitíronnos a visita por deferencia e alí lembramos como os médicos de hai setenta ou cen anos ían en besta desde Maceda até aldeas como a de Celeirón, de onde el era natural. Agora a xente vén ao centro médico pero antes os facultativos tiñan un trato máis humano e directo cos pacientes”.
A Biblioteca Pública Francisco Carballo foi outro dos epicentros do roteiro. Ademais de contar coa biblioteca particular que o propio homenaxeado doou ao concello, abeira un espazo dedicado a el con todos os seus libros e con imaxes e cartaces que lembran a súa traxectoria.
Un blog que recolle a traxectoria de Carballo
“Tamén aproveitamos para impulsar a bitácora da asociación, que suma 170 achegas nos dous anos que ten de vida”, afirma Prol, “Carballo dá moita cancha porque era teólogo, xornalista, historiador, facía recensións de libros constantemente e produciu unha cantidade enorme de artigos e publicacións”. As últimas entradas versan sobre o roteiro; sobre Castelao, coincidindo coa chegada do cadro A derradeira leición do mestre a Galiza, e sobre o libro Conversas con Francisco Carballo, do xornalista Xan Carballa e de Santiago Prol e editado en A Nosa Terra.
“Francisco Carballo escribira unhas memorias que non chegara a publicar. Titulábanse Na fronteira do eclesial e no corazón do debate social pero, finalmente, decidírase por facer o libro de conversas. Aínda así hai aspectos das memorias que non saíron no libro e que publicaremos no blog”, sinala o impulsor da asociación.
Outro dos contidos máis esperados é a entrevista da xornalista Tareixa Navaza a Francisco Carballo emitida na TVE. Conversa que se proxectou o sábado no roteiro por Maceda, onde se xuntaron antigos alumnos, teólogos, curas, ex curas, amigas e amigos e familiares.
Unha figura brillante
Santiago Prol lembra a volta de Carballo a Galiza, “hai que ter en conta que cando vén de Salamanca era reitor do Teologado, estaba na cúpula máxima dos Paúles a nivel Estado. Propóñenlle ser bispo, mais prefire vir a Vigo e romper con todo iso”. O punto de inflexión, afirma Prol, foi un Terra e Tempo, editada pola Unión do Povo Galego. “Estando en Trastévere (Roma), deu cun Terra e Tempo e iluminóuselle o cerebro. Viu que existía xente organizada no mundo do nacionalismo, ao redor da UPG e da AN-PG, e en 1973 marchou a Sobrado dos Monxes para pensar e foi cando tomou a decisión drástica: ir para Vigo”, engade.
Por que Vigo? Vigo era “a cidade onde se cocía todo na Galiza”, di Prol. Foi alí onde “revolucionou a Cultural de Vigo” e en 1979, por iniciativa de Francisco Rodríguez, concorre na candidatura do BN-PG ao Senado, “iso para a Igrexa foi o no va más”. “Aí empeza un Carballo que despois fai moitas máis cousas, o Carballo que crea esa especie de escola de historiadores e que considera fundamental crear a nosa propia historia desde Galiza”.
Falta de recoñecemento
O membro da asociación amigos lamenta que “a Galiza oficial” ignore Carballo. “Morre en 2014 e seguimos esperando a que a Galiza oficial dea, cando menos, un pésame, ou un agradecemento polos servizos prestados ao país. Ninguén o fixo”, denuncia. Coa “Galiza oficial” refírese ás institucións políticas e universitarias. “Loitamos durante anos polo recoñecemento de Carballo como doutor honoris causa da Universidade de Vigo, mesmo estando el en vida, mais seguimos sen conseguilo”, agrega, “o país ten unha débeda con Carballo e mesmo o nacionalismo debería ter máis xestos con el”.
A asociación, modesta, intenta manter vivo o legado e a memoria de Carballo, un home que, malia non se considerar creador, “escribiu toda a vida, ensaios e columnas de tipo político e histórico”, salienta Prol. Os seus referentes: o padre Sarmiento, Bóveda e Castelao.”

Compostela: roteiro compostelán de Isaac Díaz Pardo, guiado por Esperanza Mariño

As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de chegada dos correos, tendo preferencia as/os socias/os da AC.O Galo. Cómpre anotarse antes do 24.10.2018 no e-mail ogalo.ac@gmail.com, sendo imprescindibel indicar o nome e apelidos, correo electrónico e teléfono de todas e cada unha das persoas que acudirán ao roteiro.

Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2018: Tamara Andrés, o 20 de outubro

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

Para inscribirse nestes paseos pola cidade con autoras e autores que escribiron sobre Pontevedra, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos (nome completo, teléfono e enderezo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com, e indicar a que paseo/s queren apuntarse, a partir do 25 de setembro.
A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico.
Prazas limitadas: 50 persoas.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.

Sábado 20 de outubro
Espazos do poema, con Tamara Andrés.

Sábado 27 de outubro
A Pontevedra de María Victoria Moreno, con Ana Acuña e Fina Casalderrey.