A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) vai celebrar o vindeiro 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, que tivo lugar o 25 de maio de 1891.
Organizado pola AELG, o cortexo cívico conta co apoio e colaboración de diversos colectivos, como as asociacións culturais O Galo, Medulio, Auriense, Maio Longo, Solfa e a asociación cultural de Meira, e fundacións como Manuel María e Bautista Álvarez, entre outras organizacións culturais que se irán sumando ao longo destas semanas.
Un tren, identificado como Follas Novas, partirá da estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, o xoves día 15 de xullo ás 16,30 horas, para facer o traxecto Padrón-Compostela. Previamente, haberá unha concentración na colexiata de Santa María de Iria, no cemiterio de Adina, onde o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, informará do sentido dos actos, á vez que se lerá un poema de Rosalía de Castro.
Na estación de Compostela agardará a comitiva restante, actuando a banda municipal. Xa en Santiago, o cortexo sairá pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural, primeira parada da comitiva, onde haberá unha lectura de tres poemas de Cantares Gallegos (“A gaita gallega”, “Castellanos de Castilla” e “Eu cantar, cantar, cantei”), para continuar pola Praza da Universidade e pola Praza de Cervantes, onde se lerán outros poemas de Rosalía.
Finalmente, en San Domingos de Bonaval celebrarase unha audición do Ángelus, de Massenet, e unha lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións do diversos grupos musicais e artistas participantes, para rematar o acto coa lectura dun comunicado reivindicativo da figura de Rosalía de Castro, cando se cumpren 125 anos da súa morte.
Arquivo da categoría: Sociedade
VII Certame Literario Feminista do Condado
A Coruña: conferencia “Rosalía de Castro: o clamor da rebeldía. A evidencia contra a conveniencia”, de Mª Pilar Pilar García Negro
“Pensamento de prácticas do feminismo comunitario”, unha palestra-debate con Julieta Paredes
Será o luns 24 ás 20:00 na Galería Sargadelos (Real, 56). Organiza: ACSUR GALIZA.
Vigo: mesa redonda “Rosalía de Castro, aurora e porvir”
«Neste ano 2010 no que se celebra o 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, o Consello Municipal da Muller de Vigo queremos rendirlle unha homenaxe e reivindicar a súa figura destacada como feminista, defensora da nosa cultura e da nosa língua, con tal motivo imos celebrar o seguinte acto: “Rosalía de Castro, aurora e porvir”, unha mesa redonda integrada por:
– Mª Xosé Queizán Vila: “A xustiza pola man de Rosalia de Castro verso a verso”
– Pilar García Negro: “A evidencia frente a conveniencia sexista”
– María do Cebreiro Rábade: ” O sentido ético da poesía de Rosalía de Castro”
Será o mércores 26 de maio ás 20:00 no Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo (Biblioteca Pública Central. Rúa Joaquín Yáñez, 6 -2º andar), no Casco Vello de Vigo.» Organiza o CONSELLO MUNICIPAL DA MULLER DE VIGO.
Día das Letras: 100.000 persoas defenden o galego e lembran Uxío Novoneyra
O Parlamento galego pretende que a Fundación Camilo José Cela sexa pública
Pasamento do ilustrador Perfecto Estévez
A Asociación de Escritores en Lingua Galega mostra o seu inmenso pesar polo pasamento de Perfecto Estévez, deseñador referencial do noso país, e que ten colaborado coa AELG en tempos difíciles.
Recital poético: Capela do Tanatorio, hoxe 6 de maio, á unha da tarde
Cremación: Hoxe, 6 de maio, á unha e media da tarde
Tanatorio Servisa – Coruña, sala núm. 3, fronte ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. (entrada ao aparcamento pola estrada do Hospital de Oza).
Agrupaçom Cultural O Facho: “O galego, o nosso existir”
«Ante a necessidade de respostas à política etnocida de Feijóo e o seu desgoverno contra a nossa Língua., O Facho chama aos bons e generosos a fazer valer os seus direitos cidadás frente às agressons contra a Língua Galega que está a levar a cabo o P.P. e a actual Junta de Galiza participando na manifestaçom convocada para o 17 de Maio ás 12 horas desde a Alameda de Compostela.
A Agrupaçom Cultural O Facho manifesta
O nosso posicionamento de jeito beligerante e irrenunciável na defesa da Língua Galega que constitui um elemento básico de identidade cultural e representa um valor fundamental de coesom.
As políticas lingüísticas levadas a cabo pola Junta do P.P. supom um passo adiante na política de repressom, empobrecimento e marginalizaçom que Feijóo e os seus “mariachis” estám a realizar contra a Língua e a Cultura dos galegos e galegas desde a Junta de Galiza.
O Estatuto de Autonomia de Galiza, no seu artigo 5, define o galego como Língua própria de Galiza, declara que os idiomas galego e castelám som oficiais em Galiza e que todos tenhem o direito de conhece-los e usa-los. Assim mesmo, estabelece que os poderes públicos da Galiza potenciarám o emprego do galego em todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e aportarám a dotaçom dos recursos necessários para facilitar o seu conhecimento. Certamente, todas as políticas culturais e lingüísticas estám a violentar o próprio Estatuto de Autonomia.
Demandamos
Que cesse a perseguiçom da Língua e Cultura Galega por parte da actual Junta do P.P.
A aboliçom do sistema legal que subordina o galego ao castelám, a aboliçom do supremacismo castelám que procura a desapariçom do galego e exigimos a
implementaçom de autênticas políticas de normalizaçom lingüística ao serviço da nossa sociedade.
Na cidade d’A Corunha, mês de Maio 2010» (Agrupaçom Cultural O Facho)
A Coruña sufrirá hoxe un FLASHTOP

