Desde
Agadic:
“O Teatro Principal de Santiago acolle a vindeira semana catro funcións de Mofa e Befa con Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira, a última proposta escénica do dúo que integran Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. As representacións, que terán lugar do 24 ao 27 de xaneiro, forman parte do programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Este circuíto, promovido a Xunta de Galicia xunto con máis de 40 escenarios galegos, abrangue ata o mes de xuño para o caso concreto de Compostela un total de 15 funcións de sete espectáculos galegos. (…)
Precisamente, Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira continuará nas vindeiras semanas as súas representacións no marco da RGTA: mañá día 19 no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, o 20 no Centro Cultural Xuvenil de Muros, o 3 de febreiro no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, o 9 de marzo no Teatro Jofre de Ferrol, o 10 de marzo no Auditorio Municipal do Carballiño e o 11 de maio na Casa da Cultura de Burela.
Neste mesma carteleira, o Teatro Principal compostelán, membro da RGTA desde a súa fundación hai máis de 20 anos, acollerá en datas sucesivas a estrea de O servidor de dous amos, a cargo de Talía Teatro; así como as funcións de Resaca, a cargo de Ilmaquinario Teatro; Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro; Pum Pum de Baobab Teatro; e as pezas de danza Gaia, de Entremáns, e Sons, de Nova Galega de Danza.”
Arquivo da categoría: Teatro en escena
III Mostra de teatro afeccionado do Val Miñor e Oia. Do 14 ao 28 de xaneiro de 2018
A partir do vindeiro domingo 14 de xaneiro o Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar acollerá a III Mostra de teatro afeccionado do Val Miñor e Oia.
Organizado polo Instituto de Estudos Miñoráns co apoio do Concello de Gondomar, ten como obxectivo fomentar e coordinar actividades dirixidas a potenciar tanto a creatividade teatral como a representación.
A programación constará dun total de cinco pezas teatrais interpretadas por Bertorella, A xesta vermella, Pritis- Guomis, A Moura e Os cabalos rosas brincan no patín.
A entrada será gratuíta e para todos os públicos.
PROGRAMACIÓN
DOMINGO 14 DE XANEIRO- 18.00 H
* Os pintores clónicos, representada por Bertorella de Morgadáns.
SÁBADO 20 DE XANEIRO- 20.30 H
* Pola culpa de Gayoso, representada por A xesta vermella de Borreiros.
DOMINGO 21 DE XANEIRO- 18.00 H
* Pataclown, representada por Pritis- Guomis de Gondomar.
SÁBADO 27 DE XANEIRO- 20.30 H
* Tecendo mentiras, representada por A Moura de Chaín.
DOMINGO 28 DE XANEIRO- 18.00 H
* O espantallo, representada por Os cabalos rosas brincan no patín de Viladesuso.
Os Monicreques de Kukas levan ás táboas do Salón Teatro a obra coa que Roi Vidal gañou o Barriga Verde
Desde
o Agadic:
“A histórica compañía compostelá Os Monicreques de Kukas presenta esta semana no Salón Teatro de Santiago Réquiem por un monicreque, montaxe que leva ás táboas o texto polo que Roi Vidal Ponte obtivo en 2016 o premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidade para público adulto) convocado pola Agadic.
Trátase, ademais, dun dos 31 espectáculos adxudicatarios en 2017 das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais á produción escénica galega.
Isabel Rei dirixe esta proposta, que poderá verse na sede compostelá do Centro Dramático Galego (CDG) do 11 ao 14 de xaneiro (de xoves a sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h.), ademais de ofrecer dous pases matinais para centros escolares o xoves e o venres.
A obra de Vidal Ponte, quen tamén colabora coa montaxe como asistente de dirección, parte dun suceso histórico operístico (un crime sucedido na Scala de Milán en 1968 ao finalizar a representación de Romeo e Xulieta) para indagar con ironía na relación entre o escénico e o extraescénico, homenaxeando os oficios técnicos do teatro e observando o rol do espectador de xeito provocador e irreverente.
Misterio tras o pano
Para o espectáculo, Marcelino de Santiago “Kukas” deseñou a recreación dun teatro á italiana, coa típica decoración burguesa do século XIX, no que ten lugar todo un xogo de intrigas e vaidades. A través del, o público non só poderá ver o que sucede sobre o escenario, senón tamén o que acontece entre caixas, nese espazo reservado para os artistas e os técnicos e que, neste caso, agocha varios misterios sen resolver.
O apartado interpretativo e de manipulación das marionetas corre a cargo de Miguel Cabaleiro, Isabel García, Borxa Insua e do propio Marcelino de Santiago, quen tamén deseñou os monicreques e mais o vestiario. A iluminación está asinada por Miguel Cabaleiro e Isabel Rei, mentres que Zoar Ensemble e Paula Rei interpretan para esta montaxe Marcha fúnebre para unha marioneta e Je Veux Vivre, respectivamente.
Venda de entradas
A venda anticipada das entradas para asistir a Réquiem por un monicreque en Santiago está xa activada no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Os días de función poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
Marcelino de Santiago “Kukas” e Isabel Rei fundaron en 1979 a que é a primeira compañía galega de teatro con marionetas de Galicia da época actual. Nas súas preto de catro décadas a traxectoria, Os Monicreques de Kukas evolucionou desde as representacións na rúa ata amosar os seus espectáculos de gran formato e con marionetas de complicados mecanismos de creación propia en importantes escenarios de toda Galicia e do resto de España.”
