“A
escritora María Reimóndez viaxará no próximo mes de novembro á Feira do Libro UmbriaLibri, en Perugia, que este ano leva o título de C’era una donna (Era unha muller), a onde acudirá como autora convidada para participar nunha mesa redonda que compartirá con outras autoras estranxeiras traducidas ao italiano. A súa novela O club da calceta foi publicada en italiano pola editorial Gran Via (Il club della calzetta)”. Vía Xerais.
As xornadas están organizadas por Insula europea, unha plataforma de especialistas italianos en diversas literaturas de Europa coordinada polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia Carlo Pulsoni. A escritora galega estará ao carón de Attilio Castellucci, tradutor da súa obra ao italiano, e director do Centro de Estudos Galegos da Università La Sapienza de Roma. Esta información adicional foinos enviada por Inmaculada Otero Varela, a quen agradecemos a súa atención e interese.
Arquivo da categoría: Tradución
A Coruña: presentación de Contos por teléfono, de Gianni Rodari e encontro con Pablo Otero
Publicado Castelao e os bascos, versión galega do libro de Iñaki Anasagasti
Editado
pola Fundación Moncho Reboiras para o estudo da cuestión social e sindical en Galiza (Fesga), con tradución para o galego e notas de Xurxo Martínez Crespo, xa está dispoñíbel on-line o libro Castelao e os bascos, que Iñaki Anasagasti publicara no 1985, que pode ser descargado libremente aquí.
“Castelao e os bascos na súa versión española fora un bestseller en 1985, publicada pola editorial bilbaina Ekin coas súas 607 páxinas, e só ficaban exemplares soltos nalgunhas mans particulares. O traballo de Iñaki Anasagasti chantara un fito senlleiro naquelas datas, pois expoñía, de xeito ameno e divulgador, unhas relacións pouco recoñecidas entre Castelao e os nacionalistas vascos, enxertadas dentro do movimento Galeuzca.” (Do prólogo de Xosé Estévez).
Editado en francés Un ollo de vidro, de Castelao
“Estes
días chega ás librerías do mundo francófono, editado en Les Fondeurs de Briques, o libro de Castelao, orixinal de 1922, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete en tradución directamente do galego de Vincent Ozanam: Un oeil de verre. (…) O libro chega ás librerías de Francia coas ilustracións do propio Castelao e que nós tamén publicamos na nosa edición. Máis unha vez, a nosa literatura florece noutras linguas. Unha boa nova para encetar o outono literario.” Vía Galaxia.
Cultura levará a Fráncfort edicións en inglés de Pereiro e Cunqueiro
“O
mércores
comeza a Feira do Libro de Fráncfort e Galicia estará presente a través do traballo de 19 das súas editoras. Ademais, a Xunta presentará a súa colección Galician Classics, e dará a coñecer dúas novidades recentes, como son as traducións ao inglés da poesía de Lois Pereiro, homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, e de Xente de aquí e de acolá, de Álvaro Cunqueiro, baixo o título de Folks from Here and There. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentará estas dúas novidades o vindeiro venres.” Vía La Voz de Galicia.
A relación de editoriais que forman parte do expositor institucional son: Edicións Tambre, Edicións Xerais de Galicia, Biblos, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Editorial Everest, Espiral Maior, Editorial Toxosoutos, Baía Edicións, Ideaspropias Editorial, OQO Editora, Ediciones Linteo, Edicións Embora, Andavira Editora, Rinoceronte Editora e Alvarellos Editora. (Vía Galaxia).
Santiago: presentada Folks from here and there, versión en inglés de Xentes de aquí e de acolá, de Cunqueiro
“A
profesora Kathleen March asina a tradución para o inglés do libro Xente de aquí e de acolá de Álvaro Cunqueiro. A Consellería de Cultura presentou o venres 30 de setembro Folks from here and there na biblioteca da Cidade da Cultura nun acto no que tamén estaba presente Jonathan Dunne, responsable de Small Stations Press, coeditora do volume canda á Xunta. Esta versión é a primeira en inglés do autor mindoniense nos últimos quince anos, e pode consultarse un fragmento da mesma no web da editora.” Vía Cultura Galega. Reseñado tamén en Galiciaé e La Voz de Galicia.
Vigo: conferencia sobre Plácido Castro, tradutor, de Alberte Álvarez Lugrís
O
venres 30 de setembro, ás 20:00 horas, na sala de conferencias de Novacaixagalicia en Vigo, con motivo do Día da Tradución, a Asociación de Tradutores Galegos organiza unha conferencia sobre Plácido Castro, tradutor, impartida polo profesor da Universidade de Vigo, Alberte Álvarez Lugrís. Plácido Castro foi un dos grandes pioneiros da tradución ao galego, verquendo á nosa lingua, con especial forza nos anos corenta do século pasado, a moitos poetas irlandeses e ingleses, tratando de levar a modernidade a este ámbito cultural. Vía Galaxia.
Barcelona: XXVIII Encontro Galeusca, o 30 de setembro e 1 de outubro de 2011
O XXVIII
Encontro Galeusca, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Euskal Idazleen Elkartea e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, terá lugar no Ateneo de Barcelona o venres 30 de setembro e sábado 1 de outubro, baixo o título A tradución literaria. Profesión e creación. Este é o programa previsto:
– Venres 30 de setembro
17:00 h. Mesa redonda Repercusión da edición dixital na práctica e os dereitos do tradutor, e coloquio posterior coa participación de:
– Armando Requeixo (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG).
– Xabier Mendiguren Elizegi (Euskal Idazleen Elkartea, EIE)
– Mario Sepúlveda (Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, AELC). Posteriormente terá lugar un coloquio.
19:30 h. Día internacional da tradución. Fragmentos de lectura literaria na lingua orixinal e na versión traducida a cargo de:
– Manuela Palacios (Galego-Inglés).
– Texto de Iñaki Irazabalbeitia lido por Fito Rodríguez (inglés e éuscaro).
– Montserrat Abelló (Inglés-Catalán).
– Enric Casasses (Italiano / Francés-Catalán).
– Ramón Farrés (Alemán-Catalán).
– Feliu Formosa (Alemán-Catalán).
– Sábado 1 de outubro
10:30 h. Mesa redonda: Autotradución e tradución entre as nosas linguas e o castelán como lingua de mediación (ou non), e coloquio posterior coa participación de:
– Manuela Palacios (AELG).
– Carme Riera (AELC).
– Nicholas Zimarro (EIE).
12:30 h. Asemblea Xeral da Federación Galeusca.
14:00 h. Clausura.
‘Ambiciosas novidades marcan o panorama editorial este outono’
“As editoras comezan a desvelar as súas cartas para o que resta do ano, con propostas ambiciosas. Deste xeito, Xerais anuncia a vindeira apertura da Biblioteca Dixital Xerais, unha tenda on line que permitirá o acceso de balde a material descatalogado e a ebooks, dos cales a firma adianta o lanzamento de 5 títulos. Canda a isto, os diccionarios xurídico e de primaria, así como un volume dedicado á xeografía de Galicia son as grandes apostas en obras de referencia. A nivel literario, sairá unha compilación de todos os relatos de Manuel Rivas, así como novidades de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela, Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo entre outros. Desde Galaxia, pola súa banda, anuncian as novas propostas de Antón Riveiro Coello e Bieito Iglesias como autores galegos. A nivel de tradución, esta editora continuará a edición de 1Q84 de Haruki Murakami, e lanzará A verdade sobre Marie, de Jean-Philippe Toussaint, e C, de Tom McCarthy. Tamén Xerais incrementa o seu catálogo de títulos foráneaos coa segunda novela de Cornelia Funke. Detéctase tamén un maior interese das editoras tradicionais pola banda deseñada. Rinoceronte abre con Persépole, de Marjane Satrapi, a súa liña de BD, e Galaxia inicia unha serie de novela gráfica con Nómades, unha obra de Xosé Tomás. De novo Rinoceronte aposta por formatos anovadores coa presentación dunha colección de audiolibros en formato CD, con títulos como Seda de Alessandro Baricco ou A casa de Mango Street de Sandra Cisneros”. Vía Cultura Galega.
“Os Sonetos de Shakespeare en galego: o soño dun lector”
Artigo
de Xosé Manuel Pereiro en El País (Galicia): “En 1609 editábase en Londres Shake-Speares Sonnets, unha colección de 154 sonetos “never before Imprinted” [nunca antes impresos], que desde o século XIX se veñen considerando unha das cimeiras da cultura universal. Se a universalización dunha obra se pode medir polas traducións, desde finais do XVIII fixéronse unhas 70 versións completas en alemán, e hoxe está verquida desde o latín ao klingon. As traducións ao español do libro completo tardaron (a primeira, Luis Astrana Marín, é de 1941) e non chegan a unha ducia. O galego acábase de incorporar a ese club cos Sonetos de Shakespeare (Edicións Xerais de Galicia). Tanto esa estrea no noso idioma como a última e sen dúbida a máis completa versión ao castelán (en Visor) son de Ramón Gutiérrez Izquierdo (Ourense, 1956). As dúas recibiron as loas máis expresivas por parte da crítica, a pesar de que é a primeira incursión importante no xénero do seu responsable (en 1984 traducira, con Gonzalo Navaza, un libro de Douglas Gifford sobre mitoloxía americana) e, xa postos, tamén na poesía. (…)”
