Javier Rodríguez González acada o primeiro premio no VIII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro
Desde Fervenzas Literarias:
“Citerea de Javier Rodríguez González acada o primeiro premio no VIII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
Javier Rodríguez, natural de Ourense, álzase como gañador da VIII edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, Premio convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo. Unha edición marcada polo gran número de participación de obras, preto dun cento de orixinais recibidos.
O segundo premio recaeu na obra titulada A ferida, da que é autor, Manuel López Rodríguez, de Noia. Pola súa banda a viguesa Branca Trigo Cabaleiro, acadou o terceiro premio coa obra presentada baixo o rótulo O heroe de vidro. (…)
O xurado desta edición estivo formado por Aura Ramil, Armando Requeixo e Chema Felpeto.
O premio Leiras Pulpeiro leva convocándose dende o ano 2012 coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores.
A entrega do premio terá lugar o sábado, día 23 de novembro de 2019, segundo o seguinte programa:
– 12:00 h. Recepción oficial na Casa do Concello.
– 12:15 h. Ofrenda floral ante a tumba do poeta.
– 12:45 h. Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.”
Monforte: presentación de seique, de Susana Sánchez Arins
Vigo: presentación de Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado
A Coruña: presentación de Os anxos indecisos, de Manrique Fernández
II Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Contos e cantos de Tradición Oral
As II Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Contos e cantos de Tradición Oral son unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Terán lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (como chegar).
7 novembro 16:30
Paula Carballeira: Reinventando a tradición oral.
13 novembro 16:30
Bea Campos: Orella pendella: obradoiro para xogar cos ditos de sempre.
Crónica videográfica da Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 (III)
A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 tivo lugar o 25 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34). O acto, organizado pola AELG, co apoio da área de Cultura do Concello de Lugo, foi amenizado por Germán Díaz.
Para esta sétima edición dos “Premios Mestra e Mestre da Memoria” (cuarta edición da Gala), a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións fíxose na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que se celebrou en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.
No acto, conducido Antonio Reigosa, participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Antón Santamarina, quen fixo a laudatio de Dorothé Schubarth, e Xosé Luís Freire, quen leu a laudatio de Pablo Quintana.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Entrega do Premio Mestre da Memoria e agradecemento de Pablo Quintana, con Mercedes Queixas:
– Laudatio de Xosé Luís Freire a Pablo Quintana:
– Peche da Gala, por Antonio Reigosa:
Iniciados os traballos de restablecemento do lectorado de lingua galega na Universidade Estadual do Ceará (Brasil)
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, representada polo seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e máis o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Jakson Renner Rodrigues Soares, que participou en representación da Universidade Estadual do Ceará (Brasil), mantiveron o luns 11 de novembro unha reunión co Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. Nesta reunión acordouse iniciar os traballos para o restablecemento do lectorado de lingua galega no Centro de Estudos Galegos da Universidade brasileira.
A Universidade Estadual do Ceará é a universidade pública máis destacada do Nordeste brasileiro e conta con 24.000 alumnas e alumnos. Está situada en Fortaleza, na capital do estado, que destaca polo potencial cultural do seu turismo litoral. Millóns de persoas acoden todos os anos ás praias e paraxes de Ceará, así como aos festivais e outros eventos que teñen lugar na rexión. No marco dunha colaboración coa USC, a UECE acolleu en maio deste ano a Semana das Letras Galegas, que contou coa presenza de Uxía Senlle e Cesáreo Sánchez Iglesias. En outubro deste mesmo 2019, unha representación de alumnado desa Universidade e a AELG realizaron unha ofrenda floral conxunta no Panteón de Galegos Ilustres a Rosalía de Castro.